Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dun seminarista (V)

martes, 13 de julio de 2010
Lembranzas dun seminarista (V)
LEMBRANZAS DUN SEMINARISTA: O SHA DE PERSIA


Cerro aquí estes cinco capítulos dos meus recordos daqueles dous anos que nublaron unha parte da miña infancia e cubrírona cun veo de tristeza que só se aliviaba no pranto nocturno.
A pregunta de moitos que leron estas miñas confidencias foi: pero non tes ningunha lembranza feliz ou alegre daqueles tempos? Por imposíbel que pareza, teño moi poucas. O cúmulo de prohibicións era tan grande, abranguía de tal xeito a vida enteira que sempre que ocorría algo que me parecese grato, tiña a sensación de que debía estar prohibido e que acabarían por me castigar ou pegar por facelo. Xa sei que isto non era así para moitos dos meus compañeiros de entón, e seguramente se tratase dun meu enfermizo sentimento de culpa que me meteran dentro e que gobernaba todas as miñas accións. Eu lembro, como xa contei, ler novelas cun sentimento que mesturaba a fascinación polo texto e o medo a que me pillasen, estou seguro que os que non as lían non sentiron nunca ese medo. Pero non era eu só, porque as novelas circulaban, mercábanse as agachadas, trocábanse e emprestábanse, así que o meu sentimento debería ser compartido por alguén máis. Pero quen se atrevía a confesar que o facía nun lugar onde o chivatazo era un mérito e non unha vergoña?
No segundo ano da miña estanza alí, e pode ser que como consecuencia de ler aquelas novela "pulga”, comecei a escribir ás agachadas. Preferentemente durante o último tempo de estudo do día, prinicipiei a redactar uns contos dos que facía dúas copias que, ao día seguinte entregaba aos meus mellores amigos daquel momento, Paco Silvosa e Rafael Bárez, que me aseguraban lelos con verdadeiro interese. Non quero nin pensar o que me pasaría se os chegan a descubrir os cregos que se encargaban do noso coidado e educación, porque aqueles textos contiñan historias nas que aparecían, ás veces, certas picardías nacidas da imaxinación dun neno de once anos, aínda que o tema fundamental eran as aventuras dunha banda de rapazolos chamados "os aceiteiros” (non teño nin a máis remota idea de onde tirei semellante nome). Estes mociños facían mil e unha falcatruadas, pero nelas o que predominaba era a amizade e a lealdade mutua. Aquela camaradaría que aprendera no cine do Jorge vendo películas do oeste. Lealdade e amizade que ben demostraron Paco e Rafael, xa que nunca dixeron unha palabra do que estaba a suceder, por máis que seguro que lles habería supor loas e recoñecementos un chivatazo que dese comigo na expulsión deshonrosa (!). Aquilo foi un acto de rebeldía e de propia afirmación, de procura dunha consideración por parte dos meus pares que os "superiores” me negaban, e tivo de bon para min que, desde daquela, non deixei de escribir xa nunca máis.
Titulei este derradeiro post sobre o tema do seminario O sha de Persia, por mor dunha anécdota que me sucedeu no último ano. Tivo que ser entre marzo e xuño de 1958, pois o feito e a noticia que provocaron a anécdota sucederon en marzo dese ano.
Á noite, e despois de saír da capela, dirixiámonos, en dúas filas por un patio cuberto ao edificio onde estaban, ademais doutras dependencias, os dormitorios. A estes accedíase por unhas escaleiras, o noso era o mesmo andar do ordinal do curso, o segundo. Aquel traxecto facíase en absoluto silencio, o crego que nos vixiaba andaba atrás e adiante polo medio das dúas filas.
Detrás de min ía o meu amigo Vicente Carballido que, seguro de que ninguén nos vía nin nos ouvía, besbelloume a máis enigmática frase que nunca escoitei. Díxome baixiño: "O sha repudiou a Soraya”.
A frase desde o punto de vista da cadea de fonemas e da prosodia, capteina perfectamente. Gravouse na miña memoria nidia e clara, pero non entendín nada do seu significado. Eu non sabía quen era o sha, nin sequera sabía se se trataba de persoa, animal ou cousa. De repudiou comprendín que era un verbo pola terminación, que me axudaba a identificalo cun pretérito da primeira conxugación, pero do seu significado nada de nada. Soraya, se era unha persoa, resultábame totalmente descoñecida. O artigo e a preposición entendinos, pero pouco axudaba iso á comprensión da frase.
Souben despois que, non sei por que camiño xa que alí a prensa ou a radio (había galenas clandestinas) estaban prohibidas, Vicente chegara a coñecer a noticia de que o rei (el dicíase emperador) de Persia, o sha, ao non ter fillos coa súa segunda muller, Soraya, emitira un edito de repudio para casar con outra que lle dera herdeiro para o trono. Coñecedor de tan importante noticia e bon compañeiro, quixo compartila comigo e deitou na miña orella aquela frase que se convertiu, por moito tempo, nun insondábel misterio para min. Supoño que non lle preguntei o significado para non confesar a miña ignorancia, debín pensar que se el entendía a frase, eu estaba obrigado a comprendela tamén. (Xa en 1956 se falaba do asunto, aí poño un recorte de La Vanguardia Española do 9 de outubro dese ano que me mandou Vicente e que anticipaba o feito, pero en realidade o repudio non se fixo efectivo até marzo de 1958).
Até aquí algunhas das lembranzas daqueles dous anos que teño polos máis tristes da miña vida. Alégrome de que outros non os sentisen así, pero iso non modifica nin alivia o meu sufrimento. Quédanme cousas por contar, non menos duras, que irán saíndo, pois agora xa conseguín esconxuralas. E fíxeno polo camiño mellor para tal cousa: a literatura. Esa substancia da vida, que facemos nosa mediante a lectura e a escritura, existe precisamente para nos axudar a poñer nome aos nosos sentimentos. Cando o que sentimos ten un nome, cando podemos chamar por el, entón facémolo verdadeiramente noso e aceptamos camiñar a vida a carón del.


Extraído do blog de Xabier P. Docampo http://www.xabier-docampo.net/
P. Docampo, Xabier
P. Docampo, Xabier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES