Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eduardo Fajardo, Fillo Predilecto de Meis

viernes, 09 de julio de 2010
Eduardo Fajardo, Fillo Predilecto de Meis En Lugo, celebramos cada setembro a Semana Internacional de Cine de Autor, que empezamos a organizar en 1979 os mesmos que seguimos adiante con esta tarefa trinta e un anos despois.

Dentro desta Semana de Cine, nos últimos anos, rendemos anual homenaxe a un persoeiro do cine que teña relación directa connosco, e así -investigados e narrados por Manuel Curiel- temos publicados libros homenaxe, e homenaxes cinematográficos, a Frank Braña, o actor que máis veces ten morto no cine hispano, que naceu á beira da Fonsagrada, lindando con Asturias; a Prudencia Grifell, gran señora no cine mexicano que naceu en Lugo; ou a Carmen Correa, nacida no Cádabo lucense, que participou en ducias de películas nos anos sesenta e setenta.

Con ese motivo, os que están vivos e a saúde llo permite -Frank Braña e Carmen Correa, por exemplo- viñeron a Lugo, participaron das celebracións cinematográficas, e reencóntraronse con xentes e ambientes, recibindo o recoñecemento dos cinéfilos lucenses.

Pero o ano pasado foi diferente... A través de Frank Braña -co que Curiel ten unha longa amizade- soubemos que Eduardo Fajardo era galego, estaba en plenitude de facultades e vitalidade, e suspiraba continuamente por Galicia. Toda a vida pensando que era americano, polo especial papel que os americanos teñen no cine como productores ou actores, e resulta que é “un dos nosos”. E acordamos facerlle unha homenaxe con motivo da XXXI Semana de Cine de Autor.

Curiel escribe a súa vida, organízase unha exposición sobre a vida e obra, prográmanse algunhas das súas películas, e recibímolo en Lugo.

E aquí a nosa sorpresa. Porque diante da traxectoria triunfal de Eduardo Fajardo, da súa prestancia na escena, da sonoridade da súa voz, do seu señorío artístico, un automáticamente coloca a este persoeiro nun lugar distante, máis elevado; preparámonos para manter unha cortés distancia.

E atopámonos un Eduardo Fajardo cercano, familiar, amigo, humilde, que é consciente da súa longa e intensa traxectoria artística, da repercusión popular da súa obra, pero non se dá importancia, e fai sentir a todos os que o tratamos como se nos coñecesemos de toda a vida, e durante toda a vida fósemos os seus iguais, compañeiros de rodaxe, veciños da porta.

Xa que Eduardo nacera en Mosteiro, do Concello de Meis, convidamos ó goberno municipal a que nos acompañasen na xornada inaugural da Semana de Cine, entendendo que a Eduardo lle gustaría ter consigo representantes da “súa xente”, e ós de Meis comprobar a vitalidade e humanidade do seu veciño máis internacional.

A embaixada de Meis, encabezada por Ofelia Barral Betanzos, a concelleira de Cultura, contactou así por primeira vez con Eduardo Fajardo e puido comprobar a especial materia humana de que está feito este voso paisano que hoxe declarades Fillo Predilecto.

Desde entón, dez meses, a nosa amizade con Eduardo Fajardo tense incrementado con xestos imposibles de transmitir, con todo tipo de accións, que reforzan vínculos que parecen establecidos de toda a vida.

Pero onde máis se moven vencellos e relacións é precisamente en Meis, e o concello quere reforzar os lazos con este especial veciño, e instrúe expediente para nomealo Fillo Predilecto ó que desde Lugo nos temos unido con entusiasmo, agradecendo ó Concello por esta iniciativa, e felicitándoo pola decisión de premiar a un home coñecido en todo o mundo polo seu labor cultural e artístico.

E agora que está preto de cumprir 86 anos, con toda a vida por diante e así llo desexamos, Eduardo Fajardo está xubilado pero non retirado, e promove en Almería unha iniciativa teatral, ten a súa propia compañía formada por persoas con carencias físicas ou síquicas pero que desbordan entusiasmo e devoción, que algún día teremos que traer a Galicia para demostrarlle que sintonizamos con este labor tan especial.

Como os anos son só unha pura referencia no calendario da vida, eses 85 para 86 de Eduardo Fajardo son só pequenas ataduras físicas que non lle permiten desempeñar papeis artísticos nos que demostrar forza ou agilidade, pero si lle posibilitan desempeñar o seu papel de ser humano, asequible e bo, como un avó paternal, pacífico e garimoso, que ten as mans cheas de agasallos para todos, e que brinda a súa amizade a todos os que teñen relación con el.

Nós, en Lugo, somos amigos de Eduardo desde hai un ano (Manuel Curiel fai algo máis tempo), e para toda a vida.

Pero os de Meis son algo máis. Son seus veciños, a súa familia, e fanlle o maior recoñecemento que un pobo pode facer a un dos seus.

Eu, no nome do Grupo Fonmiñá e de todos os lucenses que tivemos a satisfacción de coñecer e tratar a Eduardo, felicito ó amigo pola distinción que recibe. ¡Felicidades Eduardo, fillo predilecto do Concello de Meis!. Pero tamén felicidades, xentes de Meis, concelleiros e concelleiras, goberno municipal, concelleira Ofelia Barral, Alcalde José Luis Pérez Estévez, por ser sensibles ó papel de Eduardo na arte e na vida. Honrando a Eduardo Fajardo hónrase a todos os habitantes de Meis, a todo o Concello. Sendo xenerosos son máis importantes, máis grandes, máis ricos, porque conseguen un amigo máis. E poido garantizar que Eduardo Fajardo, se é grande como actor, como amigo é verdadeiramente inmenso.

¡Longa vida, Eduardo Fajardo e que Meis poida disfrutar durante ese longo tempo da súa amizade, da súa presencia, da súa obra, e do seu agarimo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES