Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Agora, si!

jueves, 08 de julio de 2010
Agora, si! Avoíños da Cova da Valiña (do paleolítico superior), non nos tomedes a mal que vos deamos as costas, que o facemos simple e transitoriamente por culpa do fotógrafo, este invento, ¡outro asunto que vos resultará incrible!, que entrou na Historia en 1816 grazas aos ensaios dun tal Nicéphore Niepce..., pero deseguida vos daremos a cara para parrafear un anaco con todos vos, que nolo tedes merecido, entre outras cousas porque datades as orixes do noso Castroverde.
Pois si, que deste Val Verde vos quero falar; concretamente dun fito histórico, outro: ¡Por fin, temos piscinas! E con elas, con este adianto, periclitouse aquel refrán tan prudente de que, "Non se pode nadar e garda-la roupa". ¡Agora si, avoíños; agora si! En cabinas, nada menos.
Iso de non saber nadar custoulles a vida a moitos galegos, sinaladamente aos do interior deste país, en particular aos pescadores, aos que se embarcaron en barcos de pesca sen máis sabenza que a de recoñece-lo seu prurito estomacal. E nas guerras, tamén, ¡tamén! Nas batallas navais da Independencia de América, na do Ebro, no afundimento do Cruceiro Baleares... ¡Incontables! Certo é que tiñamos os ríos; entre outros de menor caudal, nesta bisbarra, o Azúmara, o Chamoso, o Tordea... Si, certo, pero de augas frías, atrozmente frías, aptas para lavar os pés, e pouco máis. Eu, e coma min, miles, despois da chapuzada fluvial, despois de apertar unhas cantas oucas para retirar da circulación unha ganchada de troitas..., ¡veña correr polos prados, cen metros lisos, como mínimo, en pelota picada, para que o sol nos fixese de toalla!
De paso, no noso Castroverde acabáronse as "Catarinas". Así lles chamaban na costa de Lugo ás mozas do interior... ¡porque se bañaban descalciñas do pé e da perna, e para iso, tan só ata os xeonllos! Avoíños, se agora, no voso roldar de ultratumba, asomades pola nosa Veiga do Olmo, e vedes unhas cantas raparigas coas mazarocas ao ar, non vos escandalicedes, que esas son simplemente as "catarinas" que veñen do século XX, pois as do XXI, polas trazas, darán un paso máis, que xa practicarán o nudismo integral. ¡Daquela, meigas fóra!
¿Decatádesvos de que a civilización en Castroverde, ¡tamén en Castroverde!, comezou con vosoutros, nesa, para nós, sacrosanta, Cova da Valiña, e ten de presente as Piscinas da Veiga do Olmo? A alguén pareceralle pouco tramo, pouco recorrido, pero estou abraiado con estes adiantos. E gústanme; o único avance que me desgusta é que os eucaliptais invadan as nosas carballeiras, escorrentando aos druídas; mirade cal non será a progresión xeométrica destes adiantos, que nin case quedan prados, nin prados nin hortas..., ¡e co que están subindo os víveres! En limpeza si que fomos a mellor: para os catarros, bafos de eucalipto; e para o demais..., ¡aí tedes aos peregrinos do noso Camiño, do Primitivo, que xa poden facer as súas ablucións en Castroverde, sen ter que deterse á entrada de Santiago niso que era, e que chamamos... ¡Lava-c...!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES