Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dun seminarista (IV)

martes, 06 de julio de 2010
LEMBRANZAS DUN SEMINARISTA DE 1956: O SEMINARIO COMO CAMIÑO DE FUXIDA DA ALDEA E DA MISERIA

A maioría dos que estabamos no seminario nos anos cincuenta aquela era a única posibilidade que tiñamos de acceder aos estudos. É certo que foi un camiño que se nos ofrecía cando parecía non haber outro. Estudar o bacharelato, para os rapaces da aldea con poucos recursos económicos, non era doado, nin sequera o era para os que vivían na cidade, onde tamén eran unha minoría os que estudaban e case nula para os fillos dos traballadores da sociedade urbana. Cada ano entraban no instituto de calquera cidade de Galicia (cantos había? Sete masculinos e outros tantos femininos?) non máis rapaces dos que entramos no seminario de Lugo no ano cincuenta e seis.

Pero se admitimos (e eu fágoo) o que de única oportunidade de estudo para pobres e aldeanos tiña o seminario, non podemos deixar de ver que era outro elemento máis de discriminación para con eles fronte aos podentes urbanos que estudaban no instituto.
Esa oportunidade, no meu caso (e se foi só comigo a cousa é moito máis grave do que eu mesmo pensei sempre, porque equivale a un trato máis discriminatorio e brutal aínda) levaba aparellado un réxime de represión, golpes e desaires que non tiñan os alumnos dos institutos onde non se pegaba, agás moi raras excepcións. A mensaxe que nos enviaban estaba clara: isto é a vosa posibilidade mentres aceptedes as condicións: submisión total, aguantar en silencio un trato que merecía ser obxecto de rebeldía e publicidade... Sufrir fortalece o espírito, dicíannos. Aguantar, chegar a segundo de filosofía: por sete cursos aquí danche seis fóra, bacharelato superior… O ascenso dos pobres na escala social ten alto prezo.

Non hai moito comparábame un compañeiro daquel tempo, o custo económico do seminario co alto prezo dos internados dos colexios relixiosos (nós estabamos, parede por medio, a carón dos maristas), mais a comparación non é posíbel ao se tratar no noso caso de estudos relixiosos e no outro de estudos civís. Non sei cal era o custo dos noviciados relixiosos, pero esa sería a comparanza válida.

O que se di oportunidade de estudo, non é máis ca outra proba da inxustiza. Dicíanlles a nosos pais que era unha oportunidade para nós, co que garantían unha presión a maiores para que aguantásemos en silencio, e a cambio podían someternos a un trato degradante con total impunidade. Se alguén tirou proveito daqueles anos, e é ben certo que moitos o fixeron, é por mérito propio, nunca porque aquilo tivese algún tipo de xustificación. Congratúlome do éxito cultural, social e económico de todos cantos seminaristas daquel tempo o conseguiron. Para eles o meu respecto e os meus parabéns, mais que non me digan que temos algo que lles agradecer aos nosos educadores do seminario.

Que sería de vós, os que conseguistes ese éxito na vida, co mesmo esforzo e o mesmo traballo nun lugar onde se nos tratase co afecto e consideración que esixía a nosa condición de nenos de dez ou once anos afastados nas nosas familias?


Extraído do blog de Xabier P. Docampo http://www.xabier-docampo.net/
P. Docampo, Xabier
P. Docampo, Xabier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES