Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O fiscal Don Benito Montero

viernes, 02 de julio de 2010
O Concello de Poio vén de nomear Fillo Adoptivo ao fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra, don Benito Montero Prego. Unha distinción que amais de oportuna téna ben merecida. A acta que recolle o acordo plenario recoñécelle o seu deciviso labor para mellorar a situación da lingua galega no ámbito do Dereito, e nomeadamente no da Xustiza. Un eido no que están chantados os prexuízos lingüísticos que teñen as súas orixes nas facultades de Dereito nas que os futuros xuristas non teñen a oportunidade de coñeceren a historia dunha tradición xurídica que ten as súas raiceiras no século XVIII con personalidades tan sobranceiras como Villa-Amil e Castro, López de Lago, Pérez Porto, Fuenmaior ou Herbella de Puga, que fora Fiscal de Penas da Cámara e Intendenza e Relator da Real Audiencia, e que continúa, séculos despois, con Alfredo Brañas, Porteiro Garea, Peña Novo, González Pastoriza, Bouza Brey…unha escola que se moveu, no devalar do tempo, entre a defensa do dereito propio de Galicia e a lingua galega, que tiveron como sobranceiros valedores a Xoán Manuel Pintos e Portela Valladares, tamén fiscais.
Don Benito Montero, que se autoproclama herdeiro desa tradición xurídica galega, ten dedicado nos últimos vintecinco anos os seus esforzos a crear un movemento de xuristas comprometidos coa lingua galega; unha escola no sentido grecolatino da palabra, que ten na Irmandade Xurídica Galega, da que el é un dos máximos dirixentes, a expresión máis xenuina desa escola.
Grazas ao seu exemplo hoxe son moitos os xuíces, fiscais e avogados, que se están a sumar á galeguización da actividade xudicial. A súa semente non caeu en ermo. Velaí como unha nova fornada de xuristas seguidores do seu exemplo está a agromar no País. Admiran de don Benito Montero ese profundo coñecemento que ten da antropoloxía galega tan necesaria para entender mellor as actitudes humanas sobre as que debe aplicarse a lei. Eses coñecementos servíronlle para revisar o proceso penal a Curros Enriquez, magnificamente exposto nun orixinal relatorio que presentou no Congreso convocado polo Consello da Cultura Galega no ano 2000.
Don Benito Montero é un referente na historiografía da lingua galega. Participou en tódolos foros e congresos aos que foi convocado para presentar os seus estudos sobre o réxime xurídico das linguas; propiciou a publicación dos códigos penal e civil na nosa lingua por consideralos ferramentas imprescindibles para que os profesionais do Dereito se avezasen no uso da lingua; e respondeu con prontitude ás solicitudes que lle fixeron para elaborar informes xurídicos para unha mellor comprensión do alcance da cooficialidade lingüística, e animou a outros a elaboraren propostas galeguizadoras.
A Corporación municipal de Poio atinou nomeando Fillo Adoptivo do Concello a este fiscal. Con tal distinción ráchase o vello costume de concederlle tales honores a persoas que nada teñen feito pola cultura galega e nomeadamente pola súa lingua. Don Benito Montero ten ben merecida esta distinción, e o Concello de Poio hónrase por terlla concedida. O día 9 de xullo estaremos no Casal de Ferreirós para sumarnos á homenaxe.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES