Fin de Curso
Blanco Torrado, Alfonso - miércoles, 30 de junio de 2010
Rematou o curso no IES de Guitiriz, cunha orla conmemorativa dos seus 20 anos. Hai 3 décadas, todos os sectores, nun clamor común, urxíamos con contundencia, a creación de centros de ensino secundario e profesional. Froito da intuición do pobo, de que a cultura e a formación, son as mellores ferramentas para a construción das persoas e do colectivo
Daquela, encomendouse a xeracións de profesores, alumnos, persoal, as nais e os pais
, este servizo á sociedade, a unha causa, que se nos brinda cada xornada, coma unha oportunidade para medrar en vida, en cultura, en progreso. Este espazo imaxinativo, esta comunidade, converteuse, así, nunha raíz emocional para o percorrido vital de todas/os nós. Nesta altura, o Ies Poeta Díaz Castro é o que cadaquén vai achegando, cada mañá, para así abrollar nun manancial de dialogo, de comunicación de saberes e experiencias, de comuñón de vida compartida. Unha suma de vontades e inquedanzas que o converten nun surtidor de enerxía renovada, da que está a disfrutar toda a contorna. A unión é tan forte que ata racha cada amencer coas lindes máis artificiais, e nestes 20 anos, fomos recoñecendo coma esta terra chá se alonga polos eidos de Aranga, nunha chaira peiteada polos mesmos ventos da liberdade e a creatividade, porque todas as nosas aldeas, medran ó abeiro da mesma Serra de Montouto, arestora máis dourada e estrelecida pola flor de toxo, que coma a nosa convivencia escolar, ás veces pode pincharnos cun problema, pero sempre nos agasalla co seu recendo e cores, mesmo dando acubillo a moitas criaturas que necesitamos, coma o aire que respiramos. Díaz Castro, o poeta que nos alumea acotío coa súa palabra, feita verso, adolescente e estudiante, sentiu así a paisaxe deste cordal: "no lombo pardo do monte, /chea de ialma, a graíña/ dos toxos, brinca e estala
/ ¡cala, vida!, ¡cala, vida! (Follas ó Aire, I, V). O Ies é un prodixio que despunta á alba polo norte de Guitiriz. O soño feito realidade, de que nenas e nenos, a mocidade, os que imos máis entrados en anos, coas nosas diferenzas e dende camiños distintos, esteamos a enxergar o deseño e a feitura dunha comarca máis igualitaria e solidaria. Ata os 25 e noraboa a todas e todos.

Blanco Torrado, Alfonso