Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dun seminarista (III)

miércoles, 30 de junio de 2010
Lembranzas dun seminarista de 1956: A lingua proscrita


No seminario, como pretendía (e pretende!) o franquismo para toda a sociedade, estaba proscrita a lingua materna e normal da inmensa maioría dos rapaces que alí estabamos. A mensaxe era: a lingua dos teus pais, o único idioma que levas escoitado e falado durante toda a túa vida, aquí non vale. Deberás abandonar esa lingua de labregos e mariñeiros, de xente do común.
Obedecín con entrega tal recomendación: falarei castelán, prometinme. Chegara cos meus pais a vivir a Lugo al go máis dun ano antes de ingresar no seminario, iso fixo que me integrase  no grupo dos novos seminaristas procedentes da capital -non sempre, o meu mellor amigo ao ingresarmos, Alfonso, non o era- que falaban maioritariamente castelán e que, non por iso, eran os mellor tratados nin tidos en maior consideración polos superiores, que afirmaban que víñamos maleados e que maleabamos aos outros.
Nese ambiente, aínda que na miña casa falábase só en galego e eu até que fun á escola nunca falara máis ca lingua do país, paseime ao castelán que era o que estaba estabelecido por unha norma que tampouco non me e era nova. Pero o caso é que, na espontaneidade, íaseme o vixiante e saltábame soa a lingua da casa. Valga como exemplo un día no que o enfermeiro, por certo un bo home máis perto da amabilidade e o afecto ca do brutallán trato que alí se acostumaba dársenos, habería de me facer unha cura consistente en me aplicar un algodón con iodo no burato deixado por unha moa que quedara o día anterior na clínica do dentista. Nun momento do acto médico, e porque sentín dor, díxenlle: Non finques que me mancas! Fíxena boa, aplicoume dúas ou tres veces máis o remedio fincado con forza e dicíndome: No finques, eh? No finques, pues ya verás como te finco! Coma o can de Pavlov, a palabra fincar quedou para sempre na miña memoria unida á dor de moas. Parece ser que este seminarista-enfermeiro, daquela nos seus dezanove ou vinte anos, foi despois un defensor sincero do uso e da promoción do galego, pero vese que daquela aínda non tiña a cousa clara.
Para reprimir calquera impulso de falarmos galego, os mandos daquel lugar deron nun instrumento, creo que non orixinal do noso seminario, que só pode ser cualificado de perverso. Algunha mente atravesada, varios anos atrás, decidira a existencia dun anel como símbolo estigmatizante de non respectar a prohibición de falar galego. A cousa consistía en que calquera seminarista que fose sorprendido falando na lingua da súa casa e da súa vida mundana, habería de se facer cargo do anel maldito até encontrar outro a quen llo entregar. O posuidor do anel debería converterse en policía e vixiante dos compañeiros para delatalos. O instinto de conservación que estaba impreso na nosa alma animal, facía que utilizásemos o inmoral camiño de lle falar a alguén en galego para que nos contestase nesa lingua e entregarlle o anel, os presentes eran testemuñas e non podía negarse.
Aquel que á noite tivese no seu poder o obxecto da ignominia recibía un castigo e debía pagar unha multa pecuniaria cuxa contía non lembro. Dúas veces, naqueles dous anos, non fun quen de me dar desfeito do estigma antes do toque de queda.
Creo que tempo máis adiante o anel foi substituído por un sistema dunha cartolina que che perforaban cando eras sorprendido falando en galego, pero descoñezo polo miúdo o funcionamento do sistema e o catálogo de sancións.
Resulta ben significativo da presenza da síndrome de Estocolmo da que falei no primeiro post desta serie nalgúns dos que sufrimos este réxime de violenta coerción lingüística que, estoutro día, no xantar de confraternidade que tivemos en Ribeira, houbese algúns que me falasen da imposición do galego nos tempos actuais. Iso si, todos, absolutamente todos, até onde eu puiden ouvir, falamos en galego e só en galego durante o tempo que durou aquel acto de convivencia gastronómica e relembradora.


Extraído do blog de Xabier P. Docampo http://www.xabier-docampo.net/
P. Docampo, Xabier
P. Docampo, Xabier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES