Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Kris de Cuntis: falemos de Cuntis

viernes, 25 de junio de 2010
Kris de Cuntis: falemos de Cuntis

Se me pides que escriba catro nomes xeográficos, eu escribiría: Vea, A Estrada, Cuntis e Caldas de Reis. E se persistes, se teimas de novo, en cal poría primeiro, pois, seguramente irían escritos na mesma orde, pero Cuntis asomaría despois de cadaún dos nomes sen poder evitalo.
Que obxetividade nin que nada.
Falando ou escribindo de Cuntis non hai obxetividade que valla, nin falta que fai. Cuntis está dentro do meu ferve cos máis bonitos e benqueridos recordos. Deses que xamais van á sombra, voluntariamente, por moitos anos que queden por vivir.
Cuntis é, por sempre, esa pertividade achegada, introducida, mergullada sen mácula; perenne, sólida, profunda e raizada dende os primeiros anos infantís. Memorias que están en sono e que, nun sócate, nun repente inevitable, espertan para te embargar.
Cuntis, concello tanxible e mítico, voltou a min na Festa do Viño de Quiroga, en Lugo. Alí vinte a ti; alí estabas Kris, da Ermida; Kris, da Casa do Prado Vello; Kris, de Cuntis; Kris Couso Gallego, nun tempo embaixadora de Cuntis polas individuais terras lucenses do Courel
Contigo, ó falar contigo Kris, en garda, comezaron a esvarar historias lugares e xeografías incomparables: Fontecova, Ferreiros, Vilar do Mato, Mourigade, Magán, Montesandeu, Louriña, Porto de Gómez, Trasponte, Vilariño, Belai, Sabrada, Folgoso; Guimarei. É dicir, todo Cuntis e todo en Cuntis.
Cuntis vila; Cuntis val; Cuntis do Gallo e do Umia; Cuntis do Xesteiras e do Castro Sebil; Cuntis da auga quente que cura; dos músicos, dos canteiros, dos xastres, das costureiras que asombraron e que seguen marabillando. Cuntis da Banda de Bragaña e da Municipal, que por onde foron deixaron o pouso do soar fino, matizado e distinto; Cuntis de “Peneireiro”, de Chucho y sus Muchachos, dos Cunter´s, da Termas; Cuntis dos cantares e do latín dos canteiros (o verbo) semiperdido ou irremediablemente esquecido. Cuntis das festas; Cuntis da singularidade única. Cuntis das cunetas de almas perdidas, de heroes e das escritas portentosas. Cuntis gardador de todas as memorias: das feridoras e terribles e das máis alegres.
Cuntis democrático. Cuntis das caldas; Cuntis, dos antigos, dos máis antigos camiños. Cuntis precelta, celta, romana, sueva e do que foi chegando. Cuntis da convivencia; repouso tranquilo das persoas viaxeiras que queiran mirar, contemplar, vivir e engaliolarse co máis sorprendente do mundo. Todo o mundo está en Cuntis. Todo en Cuntis, por xunto, en centos e centos de ollares magnificos. Cuntis para soñar, para vivir o intenso máis intenso.
En fin: Cuntis do rural, do urbano da Vila; Cuntis que xa arrecende ao mar, pero que repousa na paisaxe do val máis magnífico que se poida describir.
De Cuntis a Santiago, 27 quilómetros; de Cuntis ó mar, menos de 20; de Cuntis a Pontevedra, 26, máis ou menos.
Chegas a Cuntis, miras, e quedas pasmado inmediatamente.
A persoa viaxeira poderá velo todo en Cuntis: arte, historia, diversidade xeográfica e o son das músicas; das músicas das augas, das pedras e dos castros máis antigos.
Xa o dixen, nin eu, nin ti, Kristina, así escrito con “K” dereita e airosa, nin ti, que eres a miña guía no aire, imos ser rigorosamente imparciais. Non é preciso, nin podemos, nin queremos, habitando ti en Cuntis e vivindo eu Cuntis, desde Lugo. Repito, nin o somos, nin falta que fai que o sexamos. Pero somos xustos.
Comprenderase e entenderase perfectamente a lexitimidade deste escribir unha vez que a persoa viaxeira vaia a Cuntis; a todo Cuntis; ó Cuntis enteiro: Portela, Couselo, Estacas (a do Santo Cristo) Troáns, Arcos de Furcos, San Mamede de Piñeiro, Cequeril e Santa María de Cuntis, sen apartar A Ermida e a Mesego. Nin ás tres pontes: a do Ramo, a medieval do Areal e a de Taboada. Ir a Castrolindín, ós petroglifos de A Ran e de Cequeril; ós petoutos dos mouros, en Troáns; ó Conxunto de Rebordelo, a carón de Xinzo, na ladeira do Castro Sebil; á Laxe dos Homes; ó Hotel Balneario, coas Termas Romanas do manantial curador, coas súas potencias salutíferas, anteriores a Roma, cobizadas por romanos, suevos, xudeos e cristiás; ás Tres Logoiñas, ó Castro de Arcos, ó Cruceiro, ó Peto das Ánimas do San Bieito, ós muíños de A Paleta e de Portosalto, ou, por outro exemplo, á praia fluvial do Arrieiro, no Umia
Tres mil anos antes de Cristo xa existía. Existiu no mundo celta. Foi Aquae Calidae cos romanos; resistiu no contemporáneo Cuntis. E Cuntis está espléndido e remozado hoxe, para quen queira vivilo.
Exacto; si, tan legal coma xusto: Cuntis, para quen queira vivilo. E admirar esta terra para erguer o espírito nun gozo perfecto.



Cantiga da Ermida
Houbo unha vez
un rei sen reino e sen lugar,
sen casa, sen horta; sen pombal.
Houbo unha vez
un home sen lograr,
andante cabaleiro a medio pan.
Houbo unha vez o home viaxeiro,
que foi a Cuntis, da auga, sendo neno,
que andou a Anllada a pé,
que navegou os ríos limpos,
que ollou as antas, as antelas
e os círculos nas pedras.
Que escoitou o verbo dos canteiros
nos calores do agosto de Portela.
Neno que medrou vendo os feireantes
perdidos na cintura dunha costureira,
na cabeza o labor, na boca un canto,
na alma un bico e un dicir,
na noite alba:

Cuntis aberto no val,
Cuntis, no val, mar aberto,
o limpo do meu cantar
está durmido e esperto.
Non quero reino, reinado,
nin unha enseña estranxeira,
que quero ir a Cuntis eu,
no branco-azul da bandeira.

E disque o rei, sen reinado,
na carapucha da landra.
foise nun aire calado,
berceado no vaivén
dunha folla de carballo.
E seica o rei, sen reinado,
chegou a Cuntis e ás antas
cantando fino e delgado.

A cerdeira, na Ermida,
da Casa do Prado Vello,
acendeuse, colorada,
en cereixas penduradas,
dociñas, moles e sabias.
Ao parecer, sen reinado,
o rei, da lenda cantada,
converteuse en merlo rieiro
polos pousos da Bragaña
e canta polas mañás
sobre o salgueiro da calma.
Un canteiro labra a pedra
e verba, en verba cadrada.
E o río pasa, sen fin,
por baixo da Taboada.
Cuntis, ilustre e admirado,
deixa que o verde se poña
perto do verde dos prados.
E as fontes, mornas de auga,
natura curan, natura,
vagueos de corpo e de almas.

Baixo da cerdeira orfa,
Kris, na Ermida, descansa.
Unha cereixa pequena
ponse en vermello laranxa.
Pían merlos cobizosos
nos loureiros da Bragaña.
Cuntis, distinguido e claro,
esperguiza a madrugada
e a auga brota en calor
coa salubre sanitaria.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES