Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Premios Peña Novo e a Irmandade Xurídica Galega

jueves, 24 de junio de 2010
Hai oitenta e cinco anos que se celebrou en Lugo o Primeiro Congreso de Economía de Galicia. Daquela, viviamos os efectos producidos pola primeira guerra mundial e a desfeita do noso agro cun éxodo masivo. A desestruturación do País apenas resistía cunha industria conserveira na que se concentraba a maior masa obreira formada por mulleres e unha frota de baixura que a fornecía. Nese contexto de desolación reuníronse os mellores pensadores e especialistas en cadansúa área para deseñaren as liñas estratéxicas para remontar aquela crise, mobilizando os activos humanos e as potencialidades que tiña Galicia, que non eran poucas. Unha fiestra aberta ao futuro.

A lectura das actas daquel Congreso axúdanos a comprender a intelixencia que por entón tiña Galicia que a deleiba da guerra civil estragou. Hoxe o País atópase nunha nova encrucillada ben desemellante daquela, pero ao cabo, nunha crise motivada por por múltiples causas. A cultura e a lingua tamén están nunha encrucillada e precisan de iniciativas innovadoras que estimulen a súa permanencia. Vealí a programación de diversos actos en Soutomaior e Lugo que pretenden ser referentes periódicos, na dinamización lingüística e cultural.

Os Premios Peña Novo, que serán entregados o vindeiro día 30 no salón rexio do castelo de Soutomaior recoñecerán a intelixencia de institucións e personalidades posta ao servizo dunha Galicia máis moderna e tamén de noso. Velaí os protagonistas: o Concello de Burela pola política de inculturización levada a cabo coa comunidade africana asentada no seu territorio; o Foro Avogados Lugo S.C.P., un bufete de profesionais do Dereito que se distingue pola súa actividade realizada en lingua galega nas instancias xudiciais; don Ramón Lorenzo Vázquez, filólogo e investigador de proxección internacional, polas súas achegas para a creación dunha linguaxe xurídica galega; homenaxearase a don Victorino Gutiérrez Aller, notario que foi da vila de Lalín, autor de milleiros de protocolos notariais redactados en lingua galega.

Os días 2 e 3 de xullo a Irmandade Xurídica Galega reunirá a un cento de xuristas: maxistrados, fiscais, notarios, avogados… para dar pulo ao proceso galeguizador nos ámbitos da Xustiza e do Dereito iniciado hai anos. Un seminario sobre o aspectos xurídicos da lingua e o acto público e solemne de imposición das togas da galeguidade a vinte novos membros que se celebrará no salón nobre da Deputación Provincial. O ritual do acto inclúe unha fórmula de compromiso coa lingua galega que se resume na promesa de realizar toda a actividade profesional no noso idioma. Un ideal expresado polo Primerio Congreso do Dereito Galego celebrado naquela cidade en 1972, presidido por don Pedro González López, a quen se lle renderá unha merecida homenaxe coa colocación dunha placa na rúa que leva o seu nome e a publicación da súa obra póstuma titulada “O pensamento filosófico-xurídico do Padre Bieito Xerónimo Feixóo”.

A lingua galega, que é o cerne da nosa identidade, precisa de novos espazos para o uso social, alén da creación literaria e poética na que xa temos acadados niveis de innegable calidade. Os Premios Peña Novo e a III Asemblea da Irmandade Xurídica Galega son dous bos exemplos desa arela regaleguizadora aberta á participación de sectores sociais indispensables para conseguirmos que Galicia non se eslúa baixo os narcotizantes efectos da globalización. Debemos estar no mundo, pero coa nosa personalidade, aportando o mellor das nosas capacidades.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania