Queda inaugurado este pantano
Piñeiro, Antonio - jueves, 24 de junio de 2010
O meu amigo Manuel Rivero, que sabe moito diso -non en van da súa autoría é unha tese de doutoramento sobre a incidencia sociolóxica que tal ocupación tivo nas bisbarras de Bande, Lobeira e Muíños, infórmame de que o próximo sábado, día 31, a antiga casa consistorial de Mugueimes, rehabilitada dende hai tempo como casa da cultura, acollerá unha xornada de debate e lembranza (organizada, como non podía ser doutro xeito, por Lino Perdiz), con motivo de se cumpriren 60 anos da instalación do encoro das Conchas nas fértiles veigas de Portoquintela.
Os que por idade non lembramos cómo se mesturaba o río Limia co Cadós nas proximidades da Pontepedriña, nin qué nivel de utilización popular tiñan as augas caldas dos Baños ou cómo era o balbordo comercial nos días de feira en Portoquintela, trataremos de ir a Mugueimes para sabermos algo máis do que puido ser e non foi da co-marca sen este que foi o primeiro encoro que o Conde de Fenosa chantou en territorio galego para máis honra do ínclito dictador e para que por vez primeira pronunciara aquel prodixio de oratoria final resumido no ¡queda inaugurado este pantano!.
Evidentemente, as xornadas de efemérides non pretenden volver atrás, senón simplemente analizar os feitos coa perspectiva que dá o tempo, e iso seguramente é o que farán, entre outros, o propio Manuel Rivero, que ten pensado titular a súa intervención con un elocuente Encoro das Conchas, historia dunha maldición (1918-1948).
Ora ben, dado que desandar 60 anos é un imposible metafísico que ata o momento nos é prohibido ós seres humanos, entre as análises a realizar estou seguro que han estar aquelas que falen de cómo o encoro debe axudar a desenvolver o futuro desta terra.
E o futuro pasa inexorablemente -non que cansarei de repetilo- por definir un proxecto conxunto entre Celanova e a Baixa Limia e, unha vez definido, mirar de fronte e sen complexos cara calquera punto cardinal para esixir unha intervención definitiva, non en van estamos situados no corazón do Eixo Atlántico.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora