Satisfacción da Asoc. de Veciños de Pambre (Palas de Rei)
Guitar Costa, Enrique - martes, 22 de junio de 2010
A Asociación de Veciños de Pambre (Palas de Rei), quere facer pública a súa satisfacción polos novos tempos que vive a parroquia, nos que o noso Castelo por fin vai ser un ben do que disfrutemos todos os galegos.
Lonxanos os tempos nos que o Sr. García Blanco abría a fortaleza ós interesados en visitala, nas últimas décadas o varias veces centenario castelo estivo pechado a cal e canto, non podendo ser visitado por ninguén, nin siquiera polos habitantes do seu contorno.
Esquecendo agravios pasados, saudamos os novos tempos e as persoas os novos propietarios- que fan posible este achegamento á nosa historia, á nosa raiz, e congratulámonos de que por fin Pambre poida acoller como se merece a todos os que aquí chegan querendo ver un dos monumentos máis destacados de Galicia, o único castelo que resistiu os ataques dos irmandiños, que leva señoreando estas terras desde hai sete séculos, no que nos sentimos identificados, e polo que sentimos un agarimo sen límites.
Entre a propiedade, o concello de Palas de Rei, a Xunta de Galicia, e todos nós seguro que imos saber crear un ambiente acolledor para todos os que sintan a chamada de Pambre, e aquí veñan, para facelos sentir como na súa casa.
Despois de case medio século de xestións incansables deste colectivo, chegou a hora do noso castelo, e as forzas que todos estes anos empregamos na loita dedicarémolas agora a loubar este noso monumento, e a acoller na casa común -a nosa parroquia e a sede da Asociación de veciños- a todos os que queiran honrarnos coa súa visita.
Gracias a todos, e de xeito especial ós medios informativos que durante todos estes anos se fixeron eco da nosa loita e dos nosos anceios.
Enrique Guitar Costa, 90 anos de idade e 45 na Presidencia da Asociación de Veciños, antes Teleclub de Pambre, Palas de Rei (Lugo).

Guitar Costa, Enrique
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora