Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conta atrás da nova lei do aborto

viernes, 18 de junio de 2010
Compás social: Conta atrás da nova lei do aborto

O próximo día 5 de Xullo comezará a rexer a nova Lei do aborto e quedará clausurada a Lei de 1985. Agora cómpre facer un sinxelo balance da norma que fenece: aproximadamente un millón trescentos mil abortos oficiais en 25 anos; un 98% deles feitos en clínicas privadas baixo a cobertura legal do “risco para a saúde psíquica da muller” e ademais co fraude engadido de certificados falsos. Quen pode estar satisfeito con este balance? Os lexisladores? Os gobernantes? Os grupos ideolóxicos? Posiblemente o problema non estivo na lei, necesariamente abstracta, senón nas indefinicións e na ausencia de posterior regulamentación axeitada, e dicir, na falta de vontade política para cumprila.

A andadura da nova Lei empeza con algúns interrogantes de posibles resultados indesexables: impunidade total ata as 14 semanas, é dicir, liberdade sen responsabilidade; embrión ou feto sen protección, obxecto desbotable pendente duns folios en sobre cerrado; novas indefinicións, potenciais “coadores”, do aborto ata as 22 semanas; posible mercantilismo en mans dunhas 150 clínicas abortistas; desaxustes da obxección de conciencia do persoal sanitario; decisión final da muller solitaria, illada dos pais e do compañeiro-pai sen deberes nin dereitos; apoios e axudas públicas concretas, reais ou simbólicas, a maternidade, ó non nato e ó recen nacido; e a futura educación sexual nos diferentes niveis. Estas cuestións concretas serán o campo de tensións no futuro inmediato, con maior ou menor intensidade mediática en cada una delas, segundo as circunstancias.

Na realidade concreta, que agora moverase nun novo contexto legal, a conciencia persoal da muller embarazada, da parella e da familia terá que moldear a súa actitude e comportamento final rexéndose pola lei ou pola ética. Pode aterse a literalidade da Lei que pedagoxicamente pasa a ser a norma social xustificativa e confirmadora de determinadas conductas abortistas en parte xa socializadas. Esta senda legalista “normalizarᔠcondutas tanto razoables como arbitrarias. O segundo vieiro para unha conciencia reflexiva é a busca duns principios éticos acordes ou non coa legalidade vixente. Eses principios elementais non son primordialmente relixiosos, senón de ética racional, aínda que a relixiosidade pode engadir sensibilidades e razóns específicas. Esa ética racional, que intenta superar o subxectivismo arbitrario, combina a intuición coa racionalidade emocional e reflexiva. Este posicionamento ético ante o aborto, bastante estendido na mentalidade popular e en moitas persoas e grupos ilustrados, desemboca a veces na convicción de que o aborto como excepción é comprensible en determinadas circunstancias extremas. Cabe, en terceiro lugar, unha postura antiabortista sen fisura algunha que propón un heroísmo e unha mística admirable como ideal, pero que non resolve as situacións de extrema excepcionalidade.

Cal será, ante o aborto, o comportamento predominante na próxima España real? Ninguén o sabe con precisión nin certeza. A curto prazo, de seguir predominando a onda de individualismo exacerbado, de mentalidade consumista e frivolidade mercantilista, os abortos seguirán crecendo. Mais a longo prazo cabe o presentimento de que o aborto en España vai a encontrar unha saída razoable, ou polo menos reducirse considerablemente, froito da confluencia e combinación de varios factores: unha educación sexual en valores de liberdade responsable, uns anticonceptivos preventivos, seguros e inocuos para a saúde, axudas e apoios públicos e privados a maternidade e a infancia, mais aló dos actuais esquemas asistenciais, e reorientación da política de natalidade. Benvidas sexan tódalas sensibilidades coa muller, mais sen esquecer ao mais débil dos débiles.

Actualmente dáse o paradoxo real de protexer o aborto, mais que a maternidade, nunha situación de natalidade tan baixa que nin cobre as lexítimas ansias de adopción de moitas parellas españolas nin asegura a necesaria sucesión das xeracións. Pensar na inmigración como mecanismo predominante de rexeneración demográfica pode resultar temerario. Sabemos que isto é un problema de toda Europa envolta nunha crise demográfica de horizontes incertos. Mais neste punto concreto Europa non serve de exemplo, pois ata o presente non logrou resolver os problemas de integración e convivencia das grandes migracións.

Cando empece o baile das contradicións arriba descritas e das estatísticas da nova Lei de “Saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo”, ¿que dirán de novo os lexisladores, os gobernantes e os seus voceiros mediáticos? Fácil é de prever: onde moitos dixeron digo dirán diego, buscarán novas variantes lingüísticas e reclamarán respecto democrático para un camiño mal trazado.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES