Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cantiga de Ribela

miércoles, 16 de junio de 2010
Cantiga de Ribela (A Suso de Foz)

Ata cheguei a levar unha bucina conmigo, agochada, eso si, por aquelo de que non se armase ningún dicir sobre unha posible tolemia. Pois nada, Suso, predilecto, nin coa bucina do mar collía eu o punto das palabras que me chegaban nídias, pero incompletas. Así andei dende os últimos de marzo tentando de recoller a Cantiga de Ribela. Sabía que era sinxelo porque o cantar víñame claro, pero sin xeito algún, home; sin xeito algún. Copiei do aire unha moi garimosa, docísima e descritiva, que cantaba sobre a Alemparte, Gralleira, Granda de Canel. Vilachá, Vilamor, Vilasindre, As Lagas e Ribela. Ou seña, cantadoramente a Cangas de Foz. Gustoume. Pero tiña partes difusas, que nin coa bucina se poñían en claro. E claro, deixeina nun aparte. Tiña xeito, ¡pero non ten xeito ningún!.
Seguín na percura de botarlle a man a todo cantar que de Foz me chegara. Practicamente todos viñan a nomearte, Suso, predilecto. Eran para ti todos. Case todos.
Amarrei unha do Val do Batán e da praia das Polas que, verdadeiramente, contén certa traza. Quizais polos arroutados cambios dos días (do tempo climatolóxico) esguiouse un cacho bastante percurado e quedou na lacena das palabras perdidas.
Vouche dicir máis, Suso: andei á cereixa por Ribas do Sil e pola praia fluvial de San Clodio. Sentado nun poio de pedra, chegáronme unhas tronzas de Nois, mesturadas con outras dos areais de Llás e de Xuncos. Da parroquia de San Martiño viaxaron ata min os dicires doutra cantiga moi bonita, pero en seguida entendín que, ademais de confusa, estaba algo confundida.
Andei, mira; andei e andei: por Melide, na VI Foliada; pola Festa de San Cidre, en Pacios, Paradela; pola verza de Labrada, en Guitiriz; por San Miguel de Sarandóns, na Festa do viño do Ulla; por Toques, por Sobrado dos Monxes; na troita de Sigüeiro, concello de Oroso; na gastronomía do Galo de Mos, en Vila de Cruces; na exposición de maquinaria de Muimenta e da Feira do Monte, Concello de Cospeito.
Andei, Suso, andei dende últimos de marzo, polos vagares de Mourulle, en Taboada; polos vezos do queixo da Ulloa, en Antas de Ulla; polas alegrías da Estrada, de Matalobos, dos catro Veas, da Bragada, de Boqueixón, de Caldas de Reis, de Covelo; de Palas de Rei, de Guntín e de Arzúa. Erguinme ata o Pico Sacro, por ver se así.
Por levar ata me levei a Cuntis, por se ollaba a Kris vestida de verde, pero Kristina (con “K” velar, oclusiva, persoal; alta e bonita) estaría polo Courel e eu aínda non resubín ó extraordinario deses altos. A Kris Couso Gallego, da Casa do Prado Vello, na Ermida, de Cuntis, débolle un “CD” dende marzo ou abril. Kristina é unha persoa de moita formalidade. Levareillo. Nela vin a mornura de Cuntis, en Quiroga, na Feira do Viño e o desenvolver sereno dunha profesión de risco. Ademais gústalle o mar de Foz, estou seguro. Pois ben, nin coa inspiración de Kris e de Cuntis (que xa é dicir) fun quen de establecer a letra da cantiga rumorada. Non derrotei.
E fun o sábado que pasou a Parteme, Lamas, Bustelo, Vilar do Lor e Forxas, do Concello de Quiroga. Pois, tampouco. O cantar de Foz chegaba, pero eu non recibía ben.
Por contarche máis, que xa me esquecía, andei polos Milagros de Saavedra, en Begonte, non polo milagro, que disque o icono da señora non se mete no arrecio dos cantares, nin noutras cousas terreas dos homes sen fe, que, coma eu, por perder, case perdemos a do bautismo. Pero bueno, falei co alcalde de Begonte, que como fai o prodixio da concordia cada día, entendín que me podería cadrar.
Pero non, home amigo, nin ao par da carballeira fun quen de recoller, nin siquera. o rus, rus do cantar que me viña coma un mazo. Seguramente, como non estaba o Varela, que nun soplo sorprende co Belén ano tras ano, non pillei articulación que me asentase.
Polo demais, dígoche, andei por Santa Mariña de Lagostelle, Concello de Guitiriz, por Vilarraso e Aranga, pero os actos que se celebraron daban máis para prantos, que para alegrías. Que aínda parece que vexo corpos desfeitos guindados ao Río Mandeo e as súas osamentas pedindo a gritos misericordia. Pero o fusil non tivo compasión algunha. Nin o fusil, nin os facciosos, disparadores, que sendo poucos, ferveuselles a cabeza e liquidaron a moitos con absoluta, total e covarde impunidade. Lembrando este cadro, da sinrazón salvaxe e asesiña, xa me dirás que cantar podería eu copiar de Foz.
Ningún. Nestes últimos lugares quedeime descolorido e en branco.
Tamén andei por Roca, en Guitiriz, e Belén levoume (nunca máis xusto escrito) a un pub chamado “O Africano”, ou África, ou algo sí, que parece que ten moito pensamento e abondísima mandinga. Pois, nin ren, cabaleiro amigo. Bruxerías: as cantigas viñan claras, pero non fun capaz de transcribilas. Ó peor pola barafunda do novidoso establecemento.
E ti pensarás, Suso: pero imos ver, meu, e a min que me contas.
Tes razón, home, toda a razón do mundo. Pero cóntocho para que saibas que en todas partes nas que andei, agás nas da desgracia descrita, chegaronme sempre, de cote e sen parar, cantares de Foz, que te citaban. Non puiden coller nada deica o domingo porque presaban uns cantares cos outros, en músicas de varios muiños a moer.
Fun a Santa Sabela, en Outeiro de Rei, e ata me pareceu ver o sorriso de Manuel María. Non se ría de min; ríase conmigo e do meu desacougo.
Falei, a palabras de móbil, coa miña amiga Regina Polín, alcaldesa de Guitiriz, por se íamos aos muiños da auga. Estaba no Ferrol cuns pícaros das parroquias do Municipio e non houbo lugar.
Tropecei con Alfonso Blanco (cadroulle así) pero como é “crego de mil parroquias”, arela en Xermolos, anda no ensino, concerta centos de debates, presentacións e outros moitos rosarios... ¡Ola, que tal; ola e adeus!.
Deulle tempo para dicirme que a el tamén lle chegaban cantares de Foz polo aire e que non era quen de asentalos. Iso animoume. Non só me pasaba a min.
Por certo, díxome: se ves a Suso de Foz, ou se lle escribes, dalle unha aperta. Queda transmitida.
En canto a Xulio Xiz (que fermosura aquelo no Bahía, de Foz) algo lle dixen sobre as voces que me chegaban da Mariña. Foi comedido e replicoume cunha contestación por outro camiño. Non estou seguro, pero dame que pensou que eu estaba pego, vagueado pola cabeza; alucinado.
Pero, Suso, as voces do cantar seguíanme mollando coma choiva miúda. Seguramente por isto, por saber que pouso quedaba, por teren gañas de festa, por estaren cuns amigos e por coller aires do Río Pequeno, funme á Casa de Rebolo, en Seixón, de Friol.
Xantei coma un patriarca, falei con Sara, con Pol-pai, co Pol-fillo, con Agustín, con Carlos; con Carmen e Carmela; andei polas veigas e polos piñeirais...
As voces de Foz, con cantares distintos, entraban en min máis acentuados e puros (é dicir: nídios).
Veu a noite e Pol-fillo máis eu collemos cara Parga. Na estación, por alí, máis ou menos, saída das vías de ferro, oín como arreciaban as palabras.
Ó chegar a Lugo, sen saudar a Tonecho Villamor, que xa é descortesía, entrei na casa nun devecer. Xusto ao sentar, escoitei clarisimamente a Cantiga de Ribela, sen bucina, sen abrir as ventás (as fiestras), sen ningún aparello recolledor. Tan nídio e redondo (por limpo o digo), que o único que fixen foi transcribilo; poñelo en letras a mecha metida.
Ou sexa, Suso, que eu non teño a culpa de nada, que a Cantiga de Ribela chegoume de Foz tal cal está escrita.
Quero que saibas, que polas terras que fun relacionando nesta escrita, dise Suso de Foz e non fai falta máis, home, nin Fernández, nin Bahía, nin característica física algunha. Con Suso de Foz, en tres palabras, queda dito todo. De moi poucos, contados dunha man, se pode dicir o mesmo.
¡Manda carallo na Habana! ¡Que de circunvalacións para resumilo en dúas liñas!. Tanto escribir para remitirche a cantiga que me chegou de Foz, nun aire que me veu. En dez puntadas, na noite, e nunha soa costura.
E para isto, para recoller nun ar a Cantiga de Ribela, ¡tanto rosmar dende últimos de marzo, primeiros de abril!. Reitero, ¡manda (...iso)!, son un individuo de moi durísimo escoitar.
Bueno, xa se foi a resmunmancia (unha tribulación) como din pola parroquia de Matalobos, Concello da Estrada.
¡Resmunmancias, resmunmancias!; resmunmancias quédanme outras.
¡Xa vou!. De contado, sen botarlle o cargo a auga, que para moer, hai que ter algo que moer e moelo, salla fariña ou farelo. Bicos a Marita (aparte dos teus, claro).
Suso: o home e o home; o home de Foz, pero este home non andaría a mesma verea sen o cariño e a paciencia desa Señora; desa Señora Muller.
Apertas, Suso, amigo; cronista oficial e fillo predilecto de Foz.

Cantiga de Ribela

Camiño dos Pasos vai
e un rumor do mar nos trae
a cantiga de Ribela
fresca como unha mañá.

A cantiga de Ribela
Camiño dos Pasos vai,
cantada a Suso de Foz,
bendecindo a súa nai.

A Cantiga de Ribela
nada ten de porcentual,
tubas no Castro e Sieiro,
fliscornios polo San Brais.

A cantiga, en Pena Parda,
de seis mariolas repleta,
aviou cara O Cainzal,
sobre un luceiro cometa.

Na honra do grande fillo,
pola Areoura voou,
abirtou na de Peizás
a San Martiño e a Nois.

Cangas, Cordido, Fazouro;
o sol, en pelgos, na ría,
Vilaronte e San Acisclo;
trobas en Santa Cecilia.

Na Avenida das Mariñas
o cantar quedou completo,
en amores ben queridos:
Marita, fillos e netos.

Este Cantar de Ribela,
e cantar que non ten pés.
pode empezar ao dereito,
ou principiar do revés.

Suso, de Foz, predilecto.
din as touzas do Batán.
E escribe a Banda de Foz
a muiñeira maxistral.

Nun pouso da Pampillosa,
co fluxo de dez mareas,
bercea no mar de Foz,
a cantiga de Ribela.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES