O galego en Galicia
Xiz, Xulio - martes, 15 de junio de 2010
O idioma noso de cada día. Eu coido que a nosa individualidade no mundo, a esencia e presencia dos galegos ten como símbolos basicos: a bandeira, o escudo, o himno e o idioma. Alomenos é un dos elementos básicos de diferenciación.
Eu pertenzo á afortunada xeneración que coidamos ter descuberto o galego moi cedo, aló por 1960, en Vilalba, cando todo o noso contorno falaba en castelán.
Os rapaces da Academia Santa María demos en falar en galego porque o considerábamos "diferente", "moderno", "avanzado", "rebelde" e moitas outras cousas, e marcamos un punto de inflexión que aínda pervive en todos nós.
Co paso dos anos, o galego deixou de estar menospreciado, esquecido, arredado, e pasou a ser anos 68 e posteriores- unha lengua de loita, de comunicación da mocidade, de expresión cultural, de prestixio social.
E andando os anos o galego foi idioma oficial, convivindo co castelán, e entrou no ensino, entrou na igrexa case-, entrou nas notarías moi timidamente-, entrou na administración, na xustiza
santificamos o Día das Letras galegas, santificamos a lingua, e imperceptiblemente fómola elevando ós altares
E sen saber por que, a lingua empezou a perder protagonismo.
Os que vivimos o mundo estudiantil en castelán, sen unha sóa palabra en galego, convertímonos ó idioma e utilizámolo con fruición. Os que estudian en galego, nun contorno galego, manteñen ese idioma nunha esfera cultual máis que cultural, e falan en castelán. Os mozos, nas cidades e vilas galegas, xeralmente, falan en castelán.
O anterior goberno galego bipartito creou normativa sobre o galego. O actual goberno galego aporta o chamado "decreto do Galego, que recibe críticas da actual oposición. E no medio, nós, todos os galegos, que recibimos as disposicións sobre o idioma case como quen oe chover, pero entendemos que o tema ten importancia vital.
Hai cincuenta anos os rapaces pensábamos que todo comezaba cando atacamos armados co idioma galego a un mundo que coidabamos agardaba por nós. Dentro de trinta anos, se chegamos aló, posiblemente vexamos as cousas máis claras.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora