Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dun seminarista (I)

lunes, 14 de junio de 2010
Lembranzas dun seminarista (I) A SÍNDROME DE ESTOCOLMO

Eu estiven no seminario diocesano de Lugo dous cursos (de1956 a 1958). Propóñome, coma nunha purificadora catarse, contar aquí algúns dos meus recordos daquel tempo en cinco post sucesivos dos que este é o primeiro e seguirei cada dous ou tres días. Durante máis de cincuenta anos permaneceron esas lembranzas ocultas agás para os meus íntimos, mais optei polo oficio da escritura e esta impídelle ao escritor a ocultación ou o disimulo, permítenos a fantasía, pero a cambio esíxenos a totalidade da vida, a memoria do escritor non pode ser outra cousa que a longa memoria de todos os individuos. Os meus compañeiros de entón dispoñen de espazo nos comentarios deste blog para replicar se con algo non concordan. E así poderán mostrar desacordo cos cualificativos que emprego, mais nunca negar a veracidade dos feitos. Os meus recordos daqueles dous anos son moi amargos e permanecen na miña memoria coma episodios tristes que me tocou vivir sen culpa.

Era daquela eu un neno traste, pero só un neno de dez anos cheo dunha inocencia que teimaban en romper. Recibín golpes e insultos sen conta. Vivín aquel tempo aterrorizado, encadeado a unha continua sensación de medo.
O sistema era tan obscenamente inxusto que non se me puido borrar nunca da memoria que a carón de onde eu comía un día fabas e outro garavanzos, coma nunha condena interminábel, un compañeiro estivese a comer un prato de patacas con ovos fritidos porque “pagaba extraordinario” ou almorzando unha cunca de leite onde eu bebía cascarilla feita en auga. Ou ver como uns metros máis adiante de onde nós estabamos, os “superiores”, cregos encargados da nosa educación e coidado, comían e bebían opiparamente sen lles importar a nosa miseria alimentaria nin ocultar ou disimular tal impudicia.
Cando os meus  pais me deron a oportunidade de non regresar ao seminario no curso 1958/59, foi o día máis feliz da miña vida.
Onte xantei cun grupo considerábel dos que foron os meus compañeiros naqueles dous anos. Encontrarme con Vicente Carballido ou con Alfonso Sangil, foi unha emoción moi grande. Lamentabelmente a miña memoria borrara os outros compañeiros máis aló de refachos neboentos traídos por algún nome sonoro. Pero estes dous foran bos e leais amigos naquel tempo. Grazas dou a entrambos. E grazas tamén ao acollemento afectivo e xeneroso de todos os demais.
Mais das conversas de onte traio a sensación de ter recoñecido unha desmemoria defensiva moi cercana ao que a psicoloxía define como síndrome de Estocolmo. Unha obstinada negativa a recoñecer que o réxime disciplinario e educativo se baseaba no castigo físico desmedido, case brutal, e no frecuente insulto e desprezo público, fanme pensar que tamén nos educaban en aceptar con resignación a violencia exercida sobre nós. O esquecemento (!) do réxime alimentario que describo máis arriba indica ter aprendido a considerar a desigualdade social como un feito natural, e non coma un intolerábel acto de discriminación do débil. Fica probada a eficacia da represión infantil para producir adultos sumisos e incapaces de aceptar a realidade por enriba das distorsións de comenencia.
Eu non comparto esa actitude diante  do moito que de inxusto había na norma que rexía aquel lugar. A memoria do sufrimento axuda a esconxuralo, rebelarse contra o esquecemento interesado do ofensor é un acto de xustiza fronte a impunidade. A palabra, o feito de contar, o relato distribúe o sufrimento e acomódao ás leis da comunidade, como lle lin onte a E. L. Doctorow. Eu desexo contar, porque me sucederon cousas que non quero que fiquen fóra do relato da miña vida. Alá quen queira xogar ás agachadas coa súa vida. Quen non desexe ler, que non lea, a miña obriga é escribir.

Extraído do blog de Xabier P. Docampo http://www.xabier-docampo.net/
P. Docampo, Xabier
P. Docampo, Xabier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES