O Tren
X.X. - jueves, 18 de marzo de 2004
Eu son un vocacional do rural, e coñecín profundamente aquel rural de comezos dos anos sesenta sen estradas, sen luz, sen teléfono, pero cheo de vida.
Logo abríronse estradas, chegou a enerxía eléctrica, os teléfonos invadiron aquel rural... Pero todo chegou demasiado tarde.
Xa as xentes se foran, e aquel meu rural xa fora abandoado polos seus habitantes na percura de mellor vida en Suiza, Francia, Alemania... ou en Ferrol, A Coruña ou As Pontes.
Hoxe aquel rural está cruzado por estradas asfaltadas, inzado de postes eléctricos, con teléfonos celulares que permiten a inmediata conexión con todo o mundo. Pero non ten xente.
¿Vai pasa-lo mesmo co tren? Tantos anos de menosprecio, de esquecemento, fixeron que désemos as costas a este sistema de transporte.
Estacións tercermundistas, lentitude extrema, o tren que me leva pola beira do río veu medrar estradas e autovías, florecer o mercado do automobil, potenciarse o transporte de viaxeiros...
Agora mellóranse trazados e vagóns, suprímense pasos a nivel, vai vi-lo Ave... O malo é se de súpeto descubrimos que xa nos esquecemos dun sistema de transporte do que só apreciamos as incomodidades e trastornos que as vías e as estacións teñen para o crecemento das cidades. O malo é se agora que se lle da vida ó tren descubrimos que xa é un sistema de transporte condenado á morte.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora