Benvida, Administración
Editorial - lunes, 07 de junio de 2010
A xenial Bienvenido, Mister Marshall segue a causar sensación en quen a contempla a pesar de que hai máis de medio século que impactou na filmografía hispana, precisamente cando toda Europa se beneficiaba dun Plan que os Estados Unidos destinaron a paliar os danos que a Gran Guerra ocasionara en Europa, e co que conseguiron un magnífico mercado para a súa inmensa máquina de producción de bens de todo tipo.
España non tivo Plan Marshall, e houbo de conformarse coas migallas dunha axuda americana que aínda así nos vinculou de por vida e nos fixo dependentes dos que plantaron as súas bases nos puntos máis sensibles do país.
Agora a benvida é máis sectorial, e todos os sectores agardan que a Administración, calquera administración, lle soluciones os seus problemas. O sector do automóvil ten o seu Plan especial, que revitalizou a venda de vehículos novos, e costou millóns de euros. O sector da vivenda ten tamén solicitado o seu Plan. E as Caixas que se fusionan contan cos millóns de euros dun fondo estatal para arrostrar as dificultades que conleve a nova situación.
O último sector, polo de agora, en querer dar a benvida á Administración, é o sector das conserveiras galegas que agardan do presidente Feijoo axuda para a concentración de empresas, solicitando un fondo de dez millóns de euros que apoie os procesos de fusión necesarios para a pervivencia empresarial e a axeitada presencia nun mercado sempre problemático.
Todos agardamos un salvador que solucione os pequenos ou grandes problemas que nos aqueixan, e máis neste tempo crítico no que case todo está en discusión, e onde ninguén sabe que vai acontecer o día seguinte con liñas e conceptos que se coidaban inmutables.
Pero a Administración -calquera administración- ten recursos limitados, moi limitados, e non pode actuar como taumaturgo que solucione todos os problemas que a situación ou a competencia crea.
¡Benvida, Administración, proclama o sector privado. Pero a Administración -calquera administración- está moi ocupada rebaixando a súa actividade, reducindo o seu volume, ou recortanto soldos e investimentos. Agardamos polas Administracións. E nin van vir nin debemos agardalas.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora