O día de acción de gracias
Piñeiro, Antonio - domingo, 06 de junio de 2010
A verdade é que nunca me preocupei por saber por qué os americanos celebran o Día de acción de gracias cun inconfundible arrecendo familiar con sabor a pavo e a película de sobremesa.
E tan ten sido así a miña ignorancia, que tiven que ir á Wikipedia para saber qué día tiña lugar e cales foran as súas orixes conmemorativas, que seica están relacionadas coa organización dun gran xantar organizado polos colonos de Massachusetts para agradecerlles ós paisanos do lugar a súa hospitalidade durante o primeiro inverno.
Logo de darlles as gracias, cando os colonos se instalaron a conciencia no lugar, acabarían con eles, pero esa é outra historia. O caso foi que Washington, primeiro, e Lincoln despois, déronlle rango de celebración oficial que definitivamente elevarían ós altares patriotas a mediados dos anos 40 do pasado século.
Lembrei esta singular xornada de exaltación nacional americana mentres xantaba e ó mesmo tempo seguía un telexornal que me informaba da celebración, esta fin de semana, do Halloween nas escolas, nas discotecas e incluso nun hotel de Tenerife, onde teñen pensado zugarlle a adrenalina ós clientes meténdolles medo nas habitacións.
E lembreina porque mentres seguía a información sobre esa paifocada adoviada con cabazas, díxenlle á miña muller (agora seica queda mellor dicir compañeira): Verás como acabamos por celebrar tamén o día de acción de gracias.
Logo, cheguei ó ordenador e cando me dispuxen a ler o correo electrónico, atopei unha mensaxe que me falaba dunha iniciativa que leva por título Reincorporación de Cuba en España como Comunidad Autónoma, e entón dixen para min: ¿Cal, das dúas iniciativas, chegará primeiro ás nosas vidas cotiáns?.
Evidentemente, respondinme co corazón, pensando no meu avó paterno -que traballou de mozo en Guantánamo, cando aquilo non cheiraba aínda a carne de prisión-, en Curros e en tantos outros e desexei o imposible porque o outro, por desgracia, acabará sendo inexorable.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora