Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ser agradecidos

miércoles, 02 de junio de 2010
Ser agradecidos A frase non só é bíblica senón tamén humana. E non só selo e vivilo senón tamén dicilo, expresalo, visualizalo. O agradecemento é unha das actitudes máis lóxicas e fermosas da persoa humana. Un dos grandes valores que, non se sabe moi ben por qué (ou si se sabe!?) esquecemos. Somos máis propensos a esixir dereitos que a agradecer as cousas boas que temos recibido. Esquecendo tamén que todo o mellor e máis importante que posuímos ( vida, facultades de pensar, amar, ser autónomos..) déusenos gratis. Foi un don, un regalo. Sen térmolo gañado e moito menos aínda merecido.O dito popular é moi certeiro: É de ben nacido ser agradecido” Cómpre telo sempre activo e activado.

Como é sabido, o ambiente xeral reinante nesta nosa desnortada sociedade, atrofiada por un abafante consumismo, demasiadas comodidades e sobre abundante egoísmo (sobre todo na xente á que se lle deu todo feito) este ambiente xeneralizado, repetimos, está moi contaminado por actitudes e esixencias egoístas para reclamar dereitos e segue a ser escasa á hora de ofertar e compartir as nosas calidades e coñecementos recibidos sen sermos quen de dar unha resposta xusta e xenerosa por medio do noso agradecemento.

Ven isto a conto porque, de cando en vez, na nosa querida Terra Galega, afloran actos de recoñecemento e agradecemento a persoas polo seu labor e entrega aos demais nos eidos da cultura, do ensino, do social.Tamén no mundo do espiritual e relixioso. Neste campo, na diocese de Lugo, lévanse celebrado máis dunha ducia de actos públicos neste ano. En Láncara, Sober, Bóveda, Sarria, Samos, Ferreira, Sober, Rodeiro, Lalín. Podemos afirmar que o mundo rural vai á cabeza. Polo menos en sensibilidade!

A semana pasada, tocoume a min. E chegou desde as freguesías cos que compartín (e comparto) anacos da miña vida como cura e amigo desde hai 27 anos polas montañas de Pedrafita do Cebreiro e do Caurel aos que se lles sumou un numeroso grupo de amigos vidos doutros lares. Non vou dicir que non me agradan estes detalles. Mentiría. Ao revés, gústanme. Son xeitos de agradecer a vida. Eu tamén quero a todas as persoas coas que comparto algo do que vivo e sinto. Coido que sería aínda máis feliz se isto se lle fixese tamén aos centos de curas anónimos do rural que, ao caladiño, sen facer tanto barullo coma eu, teñen feito moito máis cá min. Para eles e con eles vivín a homenaxe que me tributaron, con moito amor e agarimo, douscentos cincuenta fregreses e amigos.

O agradecemento sempre reloce. Con máis forza na xente sinxela e humilde. No rural. Os especialistas do agradecemento son os pobres. (Os que teñen de todo e nadan na abundancia, non son quen de captar o que significa dar grazas, agradecer) Eu síntome moi querido (e mesmo mimado) por Deus. Tamén por moitas persoas que, dalgún xeito, comparten vida comigo: familia, compañeiros, amigos. Que, por certo, son moitos e moitas. Grazas a Deus e a todas as persoas coas que me atopei e sigo atopar no fermoso camiño da vida. Eternamente agradecido a Deus e a todos vosoutros. Moitas grazas!
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES