Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxe a D. Xesús Mato

martes, 01 de junio de 2010
(Hospital da Condesa, 29 de maio de 2010)

Coido cunha das tarefas máis dificultosas que se poden asumir e a de falar sobre unha persoa nun acto de homenaxe e isto porque se corre o risco certo de que os méritos glosados sexan atribuidos a admiración e o cariño que o orador, como é o meu caso -debo confesalo xa, porque a ningún de vos seguramente se vos escapa-, lle profesa o homenaxeado; ou ben que, precisamente para fuxir deste risco, peque de excesiva humildade e non faga mención de todos aqueles dos que obxectivamente debera dar conta. Por esta razón pídolle a D. Xesús e a todos vos que olledes os meus bos desexos e non reparedes tanto nas limitacións e na cortedade do meu parlamento.

D. Xesús chegou a Montaña xusto cando chegaban os novos aires da Democracia en España e con ela os novos aires de liberdade e de liberación. Tamén novos aires na Igrexa, en España e en Galicia, e sobre de todo novos retos. Aires que o noso cura xa tiña respirado dende anos antes e que reivindicaba a través dos seus feitos, da súa palabra e da música. Lembro agora aquela estrofa de «Cara a libertade», a canción de “Fuxan os Ventos” que di así: «Do fondo da nosa noite, da moura noite dos tempos, zoan, oxe, novos ventos, os ventos da libertá!»; aquela outra, máis coñecida, da canción que deu nome o grupo e da que é coautor o noso cura, «Queremos cantar, queremos berrar, coa forza da fe, que a nosa Galicia, aínda está de pe»; e tamén a estrofa de «Mencer», tamén de D. Xesús: «Foi longa a noite pero xa alborea, fonda a ferida, pero está a sanar, doente a fame, máis virá a fartura: os cás do medo fuxindo xa van!».

Galicia e os galegos, a liberdade e a fe. As tres realidades que seguramente máis identifican a Don Xesús, inda que non necesariamente por este orden.

O destino para realizar a súa labor pastoral parecía especialmente indicado para unha persoa que respondese a aquela descrición e a vocación de servizo os demáis que xa tiña cumpridamente acreditada; aínda que tamén podería parecer cativo para alguén cheo de proxectos e de iniciativas, a quen precedía unha morea de traballos ben feitos sempre e sempre desde o compromiso cristián, pois viña a servir seis pequenas parroquias a veira do Camiño de Santiago, pero nin sequera se lle concedía o púlpito da más sobranceira e coñecida máis alá das nosas fronteiras (ben vos dades conta de que falo de Santa María a Real do Cebreiro). Pero, como os bos arquitectos, D. Xesús non precisa dun esplendoroso solar para realizar unha obra extraordinaria.

Cando moitos dos que temos nacido eiqui alleámonos semellando descastados, buscando a nosa propia “Santa María do Cebreiro”, a fidelidade do noso crego apreséntasenos como un berro da nosa Terra para non a perder nunca como obxecto do noso compromiso.

De inmediato todos nos demos conta de que aínda que viña da capital –algún xa sabía que, en realidade, tamén era fillo de labregos dunha aldea de Paradela (Cabodevila)-, que lle precedía a fama da súa destacada labor nos máis variados eidos (na radio, no xornal, na música, en asociacións de axuda os discapacitados, en asociacións culturais, ...), falaba coma nos, na nosa mesma lingua –que é tamén a súa (a lingua nai do meniño rebuldeiro de Sementeira)-, pero tamén das mesmas cousas, coas mesmas inquedanzas e cos mesmos anceios de liberación e de dignidade; de maneira sinxela e próxima, sempre contaxiando vitalidade e optimismo. E tamén na nosa propia lingua nos ensinou que se podía rezar e falar con Deus.

Dende aquela, dende a súa chegada, xa pasaron vintesete anos e todos nos, as nosas aldeas e ainda moitas das nosas costumes teñen mudado moito. Aqueles anceios de liberdade téñense alcanzado, pero as sombras da falta de solidariedade froito da economía global na que vivimos bótanse sobre nos. Quen non ten cambiado e D. Xesús, que segue a pular por eliminar a explotación, as fallas de oportunidades, as inxustizas deste mundo e o esquecemento dos que máis necesitan a compañía e a axuda.

Anos de esforzos de D. Xesús para seguir mantendo viva a ilusión e transmitila a todos nos, en moitas ocasións cos atrancos propios das Parroquias situadas na Alta Montaña (as nevadas e o frío dos último anos, os duros días de inverno,...) e outros provocados polas nosas propias miserias persoais (ben sabe D. Xesús o que supón chegar a porta da Igrexa e atoparse cun mermado número de felgreses).

Nestas Parroquias da Montaña fixo patente a loita por enxendrar novos horizontes, cheo de utopías e de esperanzas que se reflicten nos seus pequenos ollos brillantes, preñados de ilusión e de ledicia. De D. Xesús tense dito que é un rebelde, inconformista, nada resignado e resistente. Os calificativos non son meus (son do escritor David Otero, no libro “Mato sono io”) e de todos eles ten dado boa conta D. Xesús. En realidade un discípulo de Cristo, o servizo da Igrexa.

Tamén un amigo do Pai Mato, escribindo sobre él dixo que co paso do tempo xorde a desilusión e o escepticismo, para sinalar que a excepción a esta regra inexorable do paso do tempo era precisamente D. Xesús. ¿Alguén de vos ten visto unha migalla de desencanto, de frustración ou de desesperanza en D. Xesús?

Coido non incurrir en esaxeración algunha se retomo unhas palabras do propio D. Xesús nun dos seus moitos artigos periodísticos sobre o significado da Semana Santa, referidas a Xesús de Nazareth: «Veu para mostrar camiños de verdade, xustiza, paz, irmandade...Non veu a xulgar nin a condenar a ninguén. Sae ó noso encontro para mostrarnos os vieiros que levan á Pascua». Verdade que se dixeramos isto mesmo de D. Xesús todos estariades de acordo en que estas verbas se adecuan plenamente o seu modo de ser e de facer Igrexa.

Desta forma ganouse moi axiña o afecto, o cariño e o respecto de todos nós. Sempre partindo daquela máxima súa da liberdade, da non imposición dunha forma de ser ou de vivir, do respecto ós demais e da especial preocupación polos mais flebes: os enfermos e discapacitados, os anciáns e os nenos –de quenes sempre di, con razón, que son o noso futuro e o da nosa terra, a verdadeira sementeira que temos que coidar-.

Seguramente todos lembramos, pois repíteo amiudo, que nestas aldeas adoitamos coidar con especial atención e cariño os nosos vellos. Sabendo que D. Xesús é unha persoa sinceira, non imos a dubidar da súa palabra –que, por outra banda, nos enche de fachenda-, pero a bo seguro que agocha tamén un desexo e unha forma de fomentar que así sexa.

Fomentando o acto de acudir a Igrexa como un algo voluntario, para vivir a mensaxe do Evanxeo e para compartir... facéndonos entender, desta sinxela maneira, a Igrexa coma «Pobo de Deus». A celebración da Eucaristía ca participación do felgreses, buscando sempre a complicidade de todos nos, para entender, dende dentro, o profundo significado de posta en común que ten; o que dí moito da forma de entender a mensaxe de Xesús do noso cura. Permitídeme tamén recordar como para levar a Palabra de Deus os vellos e os enfermos das nosas aldeas convertía a nosa tradición do filandón nas longas noites de inverno, nunha ocasión única para compartir, o calor do lume da cociña de leña, unha celebración Eucarística. Penetraba así a Mensaxe evanxélica nunha das nosas costumes máis propias, na reunión dos veciños conformando unha grande familia e facendo, o mesmo tempo a Igrexa de Xesús.

Lembramos tamén como recén chegado, de inmediato, púxose a organizar as festas patroais en cada unha das Parroquias e conseguiu, nada menos, que se celebrará o San Xoán en Padornelo alá polo ano 1984. Máis decotío consegui manter a celebración do Bon Xesús en Teixeira, do «Ecce Homo» en Louzarela, do «Corpus Christi» en Fonfría e, moitos anos –ain sen verbenas-, a de San Antón en Padornelo e aínda tamén a Santa Bárbara na Capela de Valdefariña. A preguiza dos felgreses da Parroquia de Padornelo impediu que aquela celebración se voltase a repetir.

Ben sabía D. Xesús que unha das mellores formas de buscar a complicidade cos felgreses e tamén a armonía entre estes é mediante os actos festivos nos que se reencontran as tradicións, o sentido relixioso da honra o Patrón ou Patrona, a reunión das familias e a participación dos mozos, dos nenos e nenas e tamén dos moitos vellos e vellas das nosas Parroquias nun momento festivo e de ledicia.

A celebración da Semana Santa e da Pascua de Resurrección. A celebración do “Lume Novo” nesta Igrexa do Hospital e na de Louzarela, contando coa axuda das irmás da Compañía de María (Maquicha, Alicia,...), que tiveron tanto que ver coa elección inicial de D. Xesús como cura destas Parroquias e con que compartiron tantos valores, froito dunhas mesmas creenzas, e ca mesma sinxeleza e proximidade.

Por outra parte estas celebracións, sempre cuidadas –esmerándose nos máis pequenos detalles-, dan conta da súa adicación e da súa fixación naqueles pequeno detalles que diferencian as obras ben feitas e que distinguen as persoas.

Pero a súa querencia polas actividades festivas e musicais e pola nosa tradición folclórica levouno a recuperar a tradición propia da nosa terra, a dos Reiseiros e de reinvidicar a figura do “Brindeiro” –e xa que saiu, pemitídeme só un apunte para agradecerlle, en nome de todos nós, o “Brindeiro de Louzarela” que tivese esta iniciativa e que puxera o seu esforzo para que saíra adiante de maneira exitosa (agradecemento que fago extensivo a Lola da Carqueixeda)-.

De todos nos e ben coñecida a actividade do noso cura no estudo e na recuperación do patrimonio cultural etnográfico e musical (Galicia Canta O Neno, ...). Pois ben, cando se escriba e fale da súa figura e da súa obra –porque D. Xesús é o noso cura, pero tamén é músico, filólogo, antropólgo, xornalista, estudioso da teoloxía da liberación, ...-, sempre apareceremos vencellados a ela os seus felgreses da Montaña de Lugo. Podería falar dos seus éxitos máis visibles na restauración das igrexas do Hospital, de Padornelo ou de Louzarela –faltoulle tempo para a Capela da Porfía-, pero isto logros están a vista de todos... e por isto non fai falla mencionalos.

E despois de todo isto, D. Xesús, o noso cura, segue a decir que él foi o afortunado de poder encontrar xente como a destas seis Parroquias da Montaña de Lugo que hoxe queremos rendirlle unha merecida homenaxe pois, como dixo Maquicha, falando das vivencias compartidas con D. Xesús, “foi -é- todo un regalo”. Para rematar, pido un forte aplauso para D. Xesús en recoñecemento do noso cariño e como sinal de agradecemento por estes anos de adicación estas Parroquias da Montaña.

José Manuel Busto, Felgrés da Parroquia de S. Xoán de Padornelo.
Busto Lago, José M.
Busto Lago, José M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES