Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O maxistrado Barreiro Prado, galego egrexio

martes, 25 de mayo de 2010
A Fundación Premios da Crítica Galicia vén de nomear ao maxistrado-presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincia de Pontevedra “Galego Egrexio”. Un galardón que se lle concede aos que acreditan méritos excepcionais na defensa dos nosos valores identitarios, seguindo a estela de Francisco Fernández del Riego, Isaac Diaz Pardo, Antonio Fraguas, Basilio Losada, Ramón Lorenzo, Daniel García Ramos… unha ampla nómina de prestixiosos intelectuais galeguistas que foron recoñecidos con este galardón pola súa dilata vida dedicada a dignificar a cultura e a lingua de Galicia.

Para o gran público o maxistrado Barreiro Prado pode ser un descoñecido. Pero non así para os milleiros de profesionais do Dereito e funcionarios xudiciais que en Galicia e fóra das nosas fronteiras coñecen o seu impecable maxisterio impartindo xustiza. Un home de lei no dobre sentido da palabra, xa que á súa sólida formación xurídica une a dun gran coñecedor da nosa cultura. Desde hai máis de vinte anos o maxistrado Barreiro Prado vén realizando o seu labor xurisdicional na nosa lingua. Del podemos dicir que é o reparador daquel patrimonio documental redactado en galego que desapareceu aló polo século XVIII “que con eles se poderían encher moitos carros do país”, como dixo o P. Sarmiento.

Foi membro fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia no ano 1983, a única entidade que se preocupou de difundir a nosa lingua nos procedementos procesuais e notariais. Máis tarde,xuntos con outros compañeiros, inspirou a creación da Irmandade Xurídica Galega, que aglutina a un número considerable de xuíces, fiscais, avogados e funcionarios xudiciais que están facendo posible que o idioma galego acade maior presenza na Administración de Xustiza. Co seu galeguismo silente creou unha escola de xuíces galeguistas. Seu é tamén o mérito de ter impulsado a elaboración de formularios procesuais, e a fixación dunha linguaxe xurídica galega. Coma el faríannos falta moitos.

O maxistrado Barreiro Prado é o reconstrutor dunha tradición xurídica valedora do nosa lingua: Xoán Manuel Pintos, xuíz e poeta do rexurdimento galego, o expoñente máis sobranceiro; os notarios Hixinio Fernández de la Vega e Henrique Banet Fontenla, forxadores das Irmandades da Fala; os maxistrados Sebastián Martínez-Risco e Fermín Bouza Brey, animadores do discurso do galeguismo xudicial; Arturo Noguerol, Lois Porteiro Garea, Peña Novo e moitos outros cualificados profesores e profesionais do Dereito que lle abriron á lingua galega novo espazos de uso. Barreiro Prado sinte a ausencia de dous compañeiros da xudicatura xa falecidos –Daniel García Ramos e Orencio Pérez González- que fixeron grupo con el no proxecto regaleguizador da Xustiza. A eses nomes hai que engadir o de Claudio Movilla, que fora maxistrado do Tribunal Supremo deica o seu falecemento, autor da primeira sentenza redactada en lingua galega, en 1984. Sen esquecer o inconmensurable labor realizado por don Victorno Gutiérrez Aller, que fora notario de Lalín e autor do primeiro “Formulario Notarial” en galego.

Barreiro Prado sabe que o futuro e prestixio da lingua galega xógase fóra do ámbito literario. Por iso remacha, unha e outra vez, o papel decisivo que neste proceso teñen as asesorías xurídicas dos sindicatos, das administracións públicas, facultades de dereito e escolas de prácticas xurídicas. Neses espazos académicos e institucionais é onde hai que incidir para mudar o hábitos lingüísticos dos profesionais do Dereito e acadar maiores adhesións ao proceso normalizador. Ben deitamos de termos a Barreiro Prado nesta arela. Por iso é Egrexio.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES