Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non te quero!

martes, 25 de mayo de 2010
Un día presenciei isto: Un neno duns catro anos, soíño, con cara triste e agrimado, pegadiño a unha parede, con ollos moi abertos e sen bágoas, ...
E na fronte del estaba un home duns trinta e cinco anos, cun grupo da súa mesma forma de proceder, (non quero adxectivar), mofándose del e dicíndolle animaladas que eu non quero reproducir. Non. Non lle ían pegar. Seino.
O neno non entendía. Mas no seu corazón e na súa alma de neno de catro anos sabía que todo aquilo lle producía arrepío. Estaba sendo ameazado na súa dignidade.
Eu pasaba por alí. Presenciei a escena. Parei e fiteinos de fronte. E de visto que non era abondo, intervín con severidade contra daquel valente e dos seus cornáns corifeos.
Cando o neno se decatou que alguén saía por el, desde o fondo da súa alma inocente lanzoulle con voz pequeniña o desafío máis grande dun pobre: NON TE QUERO. Só tiña iso. Ese día comprendín o terríbel que é que alguén te teña que botar do seu mundo afectivo por abusón.
Eu non son político, e non milito en ningunha formación política. Tampouco son economista. Sei que no ano 1929 houbo unha grande crise económica mundial que fixo tramar o mundo. Talvez agora esteamos en algo parecido. Pero das crises económicas saímos. Con moito sufrimento. Pero saímos. Eu nacín na guerra in-civil e sei a fame que pasamos en España. E da fame e da miseria saímos. Pero das miserias da guerra aínda hai esqueletos polo monte. Eu sei dalgún. E diso non todo o mundo quere saír.
“Al rey la hacienda y la vida se ha de dar, pero el honor es patrimonio del alma, y el alma sólo es de Dios”.(El Alcalde de Zalamea.- 1642).
Sr. Feijoo, eu a vostede téñolle moito medo. Como llo teño a Dona Rosa Díez, a Don José María Aznar e á sua FAES. Que lle vou facer! E non son político. Pero menos mal que estamos en Europa, senón teríalles verdadeiro pánico. E non por que me levasen a pobreza dos cartos. Téñolle medo, porque só co que leva feito, tennos roubado o patrimonio da alma que xa nunca vai poder devolver. Canto dano lle fixo a fala que eu herdei dos meus devanceiros! Onte foi o día da fala e das letra galegas. Eu non quixen ir profanar o Courel. Irei só, noutra ocasión.
Xa sei que non teño poder ningún. Nin o quero. Só teño a forza feble, pero infinda, daquel neno inocente: NON TE QUERO.
Non lle discuto para nada a súa chegada democrática ao poder. É o meu Presidente e punto. Pode seguir cen anos se o pobo o reelixe. Pero o patrimonio da alma que vostede me esnaquizou, coma xabarín nun maizal, xa nunca poderá devolvermo.
NON TE QUERO. Desde o fondo da miña afectividade: NON TE QUERO. Fíxese que pra nada xulgo a súa forma de gobernar que podo estar en desacordo. Pero hai cousas para as que non hai elección ningunha que lle dea atribucións. O patrimonio da alma só é de Deus. E vostede non é Deus. Ni de Dios ni de nadie ni tuya siquiera. Libre te quiero. Lembra a canción?
NON TE QUERO. Róubasme a alma. Róubasme o respiro. Por que me bota contra da parede, desprezando a miña liberdade de expresión?
“Mais son probe e, ¡mal pocado!, a miña terra n’é miña, que hastra lle dan de prestado a beira por que camiña ó que naceu desdichado”. NON TE QUERO.
Xa sei que para vostede a falta do meu aprecio como cidadán, sen máis poder que o de ser un número insignificante dun DNI, incluso lle fai rir. Pero a min craváronseme na alma os ollos daquel neno impotente, que tan axiña como puido, á aquel xigante come nenos, lanzoulle o desafío máis grande que a alma dun neno pode dicir: NON TE QUERO.
Xa sei que vostede non entende esta linguaxe. Vostede non é pai. Sobre todo non é pai espiritual. Por iso destrúe sen conciencia o noso valor espiritual máis nidio: A fala, a lingua, a expresión. Para vostede todo isto son andrómenas, non ten valor. Nesa lingua choraron, riron, amaron, naceron e morreron os meus. Para vostede isto non vale nada.
Que medo me mete na alma! Véxoo vir cara a min, e no sentido etimolóxico da verba, descúlpeme, pero véxoo DES-ALMADO= SEN ALMA. Por iso lle teño medo. E xa ninguén, nin sequera vostede, nunca máis, me quitarán ese medo.
Perdoe. Só lle podo dicir coma aquel neno: NON TE QUERO.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania