Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A pesar de todo... ¡Esperanza!

viernes, 12 de marzo de 2004
A miña palabra non pode ser outra que a de invitalos á esperanza. Á esperanza activa, a que se acredita nos feitos. Do mesmo xeito que veñen de facer os nosos irmáns de Madrid coa súa entrega, firmeza, serenidade e unidade. É a mellor maneira de acreditar que choramos os mortos e sufrimos cos feridos e as familias. ¡Que somos solidarios!

Non é doado vivir o momento. Son días de loito, de tristura... de sufrimentos. Físicos e morais. Pero por riba das nosas miserias está a Palabra de Deus, a única que ilumina a vida e é quen de dar senso e azos a tanta dor e mesmo sacar vida da morte. Cómpre lembrar que Cristo, o Inocente (tamén os obreiros-estudiantes) pasou da morte á Vida.

Confeso que os meus impulsos (se fose posible neste medio) foron os de deixar o espacio en branco e colocar só a palabra ¡silencio!, para que cadaquén reflexionase. Pero, non. Despois da longa campaña, con demasiado ruído-barullo, con innecesarios insultos e crispacións e tantas absurdas mentiras e promesas... ¡era necesaria a reflexión!.

A vida segue e chega a hora da nosa responsabilidade. A hora da participación dos que estivemos calados para exercer responsable e libremente o noso dereito (e a nosa obriga) de participar na construcción dunha sociedade adulta, solidaria, máis xusta e democrática. Tamén chega a hora dos políticos elixidos para acreditar nas obras as palabras ditas e cumprir coas promesas. A hora de pasar das palabras ós feitos.

No Evanxeo deste domingo o Señor dinos que o que realmente quere de todos nós (dos cristiáns e dos demais) que demos "froito". Que non chega a intención, a boa fe e/ou as promesas. Dos políticos, dos elixidos e encargados de gobernar durante os seguintes catro anos, e tamén de nós, os gobernados, que tamén temos a obriga de colaborar.

Quen teña a obriga de gobernar ten de facelo desde a verdade e desde o servicio. Con carácter reconciliador e dialogante, con paciencia. Coa consciencia de que a vida é unha oportunidade, a mellor, a única e irrepetíbel que Deus nos regala a todos e que temos de responsabilizarnos dela. Deus non agacha a vagos e preguiceiros.

Deus espera froitos das súas criaturas. O noso destino non é a escravitude, a morte, senón a liberdade, a vida. É o tempo de aprender do pasado. Non para imitar ou repetir, senón para endereitar, mellorar. O futuro require un gran esforzo colectivo que hai que estar dispostos a facer. E confianza nas nosas potencialidades. O gran inimigo é o medo. O medo que hai dentro de nós e o que ven de fóra, desde os inimigos da liberdade.

¿Cal vai ser a orientación da nosa vida? ¿Cara onde se encamiña? ¡Ten de ganar a liberdade!. Coa entrega, firmeza, serenidade, unidade e amor... ¡é posible a esperanza!
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES