Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A última reforma da Lei do Solo (I)

jueves, 20 de mayo de 2010
Compás social: A última reforma da Lei do Solo (I)

A vixente lei do solo de Galicia naceu en decembro do ano 2002. Nos oito anos transcorridos desde esa data xa foi reformada ou interpretada por dúas leis, dous decretos e catro circulares informativas. E posiblemente esta última reforma non sexa a derradeira. Este percorrido está indicándonos que, cando menos, hai algún desaxuste entre lei e ideoloxías, entre lei e a realidade concreta que pretende ordenar. A devandita Lei do chan 9/2002, aínda que xa partía doutras normas anteriores, non obstante, supuxo un gran salto cualitativo especialmente para o medio rural disperso. Esta norma legal ten un artellamento de 237 artigos, 6 disposicións adicionais, 13 disposicións transitorias e 3 disposicións finais. Ata para un cidadán leigo en dereito esta frondosidade legal semella mais un regulamento detallado e casuístico que unha lei de principios xenéricos.

As modificacións aprobadas no pasado mes de marzo/2010 non son retoques menores. Ademais dunha longa exposición de motivos, modifícanse 44 artigos, dúas disposicións adicionais e cinco disposicións transitorias. É dicir, en total uns 50 cambios importantes que afectan principalmente a ordenación do medio rural e os procedementos a seguir polos concellos e a Consellería correspondente da Xunta. Ó cidadán descoñecedor dos enredos xurídicos vaille ser difícil seguir toda a urdiume desas modificacións; mais, a vista dos detalles concretos, percibirá enseguida os resultados aplicables ó medio rural e ás relacións administrativas onde se xoga co papelexo, cos prazos, cos custos económicos e coas decisións finais.

Esa regulamentación era, segue sendo, unha necesidade para protección do medio rural de Galicia, como reza o mesmo título da Lei. Mais, ¿protexer de que e de quen? Na exposición de motivos apélase á calidade dunha vida digna, ao territorio sostible, á cohesión social e á protección do patrimonio natural e cultural. Obxectivos xerais que, de cumprirse, son dignos de máxima loanza. Así mesmo acódese á experiencia para dicirnos que o modelo urdido segue sendo válido e quérese promover a responsabilidade urbanística dos concellos. Dinnos, ademais, que a reforma busca remodelar o concepto e tipoloxías de núcleo rural, matizar os tipos de solo rústico e alixeirar os prazos e as decisións finais nos procedementos das administracións públicas. Excelentes intencións abstractas das que non é seguro que estean realmente plasmadas na Lei.

Nestas reflexións, necesariamente limitadas, só intentarei unha breve referencia os obxectivos xerais da Lei e sinalar algunhas cuestións que afectan os núcleos rurais que son un dos epicentros desta reforma. Hai outros temas importantes, tal como as construcións e actividades no solo rústico e os procedementos de cada administración pública, concellos e Xunta, que quedan para outra rolda.

Obxectivos da Lei: algúns obxectivos iniciais da Lei e das sucesivas reformas son de máxima actualidade e urxencia: frear a dispersión indefinida dos asentamentos de poboación, establecer unha sensibilidade ecolóxica transversal, protexer o patrimonio natural e cultural, prever espazos e servizos públicos básicos. Mais xurde a impresión de que outros grandes obxectivos quedan diluídos ou no eido do discutible, como é o equilibrio entre as decisións dos concellos e aquelas reservadas á Xunta, a feble salvagarda práctica dos dereitos e intereses da poboación emigrante e campesiña sobrecargada de custosas obrigacións, a formulación excesivamente coactiva da lei sen apertura a propostas de incentivos positivos.
Núcleos rurais centrais e periféricos: un gran número de artigos modificados tratan dos núcleos rurais. Constrúese unha nova tipoloxía (núcleo rural histórico, núcleo rural común e núcleo rural complexo) que sen dúbida acada unha maior flexibilidade; mais nada se di da xerarquización deses núcleos no contexto das parroquias e dos asentamentos centrais, onde se deben centralizar os espazos e servizos públicos básicos. Nada especial se especifica para os núcleos periféricos dispersos e con futuro incerto. Na realidade concreta hai núcleos en expansión ou en declive; e deberíase haber creado unha categoría intermedia de “asentamentos en transición”, aldeas cos mesmos dereitos que os núcleos rurais declarados, a disolver ou confirmar nun prazo prudencial.

Nucleación de asentamentos rurais: a delimitación dos núcleos rurais (50% ou 33% con espazo construído, 50m de ancho + 200m. de expansión) non corta a dinámica tendente a converterse nunca tira alargada de espazo edificable sen epicentro. Non rexe a idea de “constelación de aldeas” que podería artellar un epicentro de varios núcleos rurais centrais. A prohibición de construír ao longo das estradas nacionais e autonómicas ten a virtualidade de cortar o alongamento indefinido das aldeas a beira das grandes vías de comunicación; mais non debemos esquecer que eses asentamentos son en xeral os mais dinámicos, polo que a solución non é deixalos fora de ordenación, senón planear, se é posible, desprazamentos desas grandes rutas ou prever vías laterais de servizos e novas vías transversais e espazos colectivos na marxe mais axeitada para a formación progresiva dun asentamento nucleado.

Urbanización mínima dos núcleos rurais: as aldeas actuais, candidatas a ser declaradas núcleos rurais, están formadas por vivendas, cortes do gando, currais, pallares, palleiras, alpendres, arrimos, casetas, horteiros, pasteiros, etc... Para acadar unha urbanización mínima de vivendas residenciais, requírese a retirada paulatina das cortes do gando e doutras construcións auxiliares. Precísase modernizar as redes de enerxía eléctrica e auga sanitaria, crear unha recollida eficiente de tódalas augas residuais, facer unha previsión de vías pecuarias, de tráfico rodado e beirarrúas peonís. A iniciativa privada das comunidades aldeáns e parroquiais fixeron inxentes esforzos para dotarse duns servizos básicos mínimos que hoxe resultan obsoletos, insuficientes e de custos desproporcionados a capacidade veciñal. Todos estes cambios precisan de incentivos, compromisos e actuacións das administración públicas. Mais, de forma paradoxal, a Lei e as súas sucesivas reformas eximen de todo compromiso, esixencia e responsabilidade legal as administracións públicas que historicamente a penas fixeron nada por dotar de infraestruturas as aldeas dispersas. Agora, unha vez mais, as responsabilidades, custos e cargas recaen integramente sobre esa sufrida poboación diseminada.

Tipoloxías e materiais tradicionais fronte os modernos: a insistencia en utilizar materiais e tipoloxía de construción tradicional, sendo sen dúbida acertada, non obstante resulta arcaizante e moi ríxida. Esa insistencia debería centrarse en esixir materiais de calidade, tradicionais ou industriais, e urxir o acabado total dos inmobles e de tódolos servizos, facilitando prazos e medios económicos. A tipoloxía tradicional resulta imposible mantela nos núcleos rurais centrais debido a que moitos servizos modernos, -tal como un hipermercado ou un taller mecánico-, requiren moita mais superficie. Este problema podería resolverse previndo un solo rústico urbanizable na contorna dos núcleos rurais estratéxicos, un solo específico onde situar aquelas pequenas industrias e servizos que maior impacto ambiental producen.

Vivendas fora de ordenación: seguindo o criterio dalgúns PXOMs municipais que aceptan como núcleos só as aldeas de tres ou mais vivendas familiares, encontrámonos con que os casais e aldeas de dúas vivendas quedan fora de ordenación, e dicir, aproximadamente un 20% dos asentamentos rurais diseminados. As previsións desta última reforma flexibilizaron a Lei, mais o dereitos desas facendas e vivendas, tradicionais ou de nova construción, quedan bastante restrinxidos e reducidos á simple conservación, salvo que os planificadores municipais deixen abertas outras posibilidades.
Os responsables municipais deberán ter en conta que esas vivendas e facendas illadas poden acabar sendo unha explotación agraria consolidada, unha industria de transformación, unha residencia permanente con desprazamento ó traballo ou simplemente unha residencia secundaria. En todo caso, deben permitirse tódalas actuacións adecuadas a calquera situación sobrevida no futuro.

Os impostos dos terreos declarados núcleo rural: en derradeiro lugar, quero recoller aquí a inquedanza e interrogantes de moitos campesiños. No caso de que un terreo actualmente rústico quede declarado como edificable para poder, nun futuro indeterminado, formar parte dun núcleo rural, ¿cal vai ser o seu tratamento fiscal? É dicir, ¿pasará automaticamente a pagar contribución como solo urbano? Consultei con algúns xuristas, e nunha primeira impresión dixéronme que, a pesar das ledicias dalgún alcalde, eses terreos teñen que cumprir determinadas condicións previas para dar ese salto de recadación. Espero poder matizar mais esta cuestión.

O experimento de ordenar os asentamentos diseminados en núcleos rurais, tal como os concibe a Lei do solo e as súas sucesivas reformas, ten moitos elementos positivos, necesarios e mesmo urxentes; pero tamén terá resultados negativos previsibles, e en boa parte evitables. Neste intre están construíndose os Plans Xerais de Ordenación Municipal. (PXOMs) que deben incorporar as últimas modificacións da Lei. Veremos se os expertos e os responsables municipais, a vista da experiencia acumulada en oito anos, logran un fiado miúdo xusto e aceptable para a inmensa maioría da poboación rural.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES