Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benditas esas túas mans de anciano

martes, 11 de mayo de 2010
Don José Dopico Manso, para todos nós ‘Picos’, 93 anos, foi sempre o que se di 'un manitas'. Foi un home que soubo na vida ir pondo as súas mans para deixalo todo novo. E se isto non for posíbel así, el arranxa a cousa e fai que siga funcionando. Sempre lle ve punta a todo.

As ansias de botar unha man, levárono, hai moitos anos, a perder o dedo polgar da súa man dereita. Unha proba seria para as súas mans. Mellor dito, para el. Pois tivo de aprender de novo o como esas súas mans podían aínda seguir séndolle útiles ao home dos mil saberes, a ese 'milmañas’, que leva dentro.

O ano pasado enfermou María, a súa señora, a dos cen anos cumpridos. E as súas mans entraron, desta vez si, en grave crise e con elas toda a súa persoa. Viuse ensumido todo el en profunda tristura. Era a primeira vez que as súas mans non lle servían para arranxar unha situación. Sentiuse inútil e chegou a encamar. Un forte catarro, froito probabelmente das visitas ao hospital cos contrastes entre frío e calefacción, foi quen levou as culpas da etioloxía morbosa que o desestabilizou. Pero a verdadeira causa era o pesadume do seu corazón. Non podo facer nada por ela!, dicía. Vino chorar.

María – por unha embolia cerebral- ficou inconsciente e paralítica na cama. Superado o período máis critico, volveu para a súa casa. E nuns meses, coa chegada do verán, foise apreciando nela unha certa melloría. Recobrou o seu plácido sorriso e dicía palabras inconexas. Era moi receptiva ás mostras do afecto dos demais.

E aquí, de novo, José, Picos, recuperou as súas mans. Caricias, xestos, mans entrelazadas, palabras bonitas,... Emocionaba velos. Moitos días retiven as bágoas.

E María, non sabemos se entendía, pero si sorría de novo e víaselle enormemente leda cando notaba esas mostras de tenrura e de amor. O milagre das mans!

Coa chegada do inverno, un día, sen avisar e ao atardecer, deixounos silenciosamente.

José, Picos, acolleu a súa marcha con serenidade e enteireza. Por fin, puidera abaixar de novo por ela as súas mans, tenras e cariñosas. As súas mans puideron falar de novo e estaba satisfeito. A linguaxe das mans é insubstituíbel!

Durante nove domingos, José, Picos, quixo vir á Igrexa para intercambiar con María, nun novenario de semanas unha terapia de acción de grazas pola súa resurrección definitiva en Cristo. Tal é a súa fe experiencial e indiscutíbel. Antes de entrar á Igrexa, pasa previamente polo noso Cemiterio parroquial para bendicir coas súas mans toda a vida de María. E inclinándose con reverencia déixase bendicir por ela. E sente paz.

Agora, con moita paz, está a vivir gozosamente todos os momentos do día nunha nova dimensión do seu matrimonio na presenza espiritual -real- de María: "Sen que a morte nos separe". E ergue a súas mans ollando cara ao ceo. E bendícea.

Ven á misa os domingos, como fixo toda a súa vida. O día de Xoves Santo pasou revista detallada ao templo, sancristía e inmediacións. Achou uns candeeiros altos, de madeira nobre, antigos e de boa calidade. Para el, abandonados. "Isto necesita ser restaurado", díxonos moi seriamente a todos. "Eu podo facelo e vounos levar para o taller que aínda teño na miña casa. Verei de valerlles, botándolles unha man.”

Por suposto, admirados, abrimos gozosamente os ollos e demos a nosa aprobación.

José, Picos, - 93 anos - recuperou as súas mans! Viuse de novo útil dentro da súa comunidade. "Este non para", díxolle aloumiñeira unha anciá, un pouco máis nova. El acolleu o piropo con ollos rebuldeiros e deu grazas a todos.

Benditas as mans da persoa humana! Na nosa terra aínda é costume velas entrelazadas cun rosario cando se despiden para o alén, como pasou con María. Son mans de bendición por toda unha vida vivida en común con todos nós.

Benditas sexan as mans de todos os nosos homes e mulleres. Benditos todos os anciáns.

Moitas veces no tanatorio invítanme a facer unha oración. Despois dun silencio de interiorización e pacificador, suxírolles aos familiares que serenamente contemplen as mans e se deixen bendicir en paz. Axudaraos nos tempos sucesivos a xestionar mellor o proceso do loito e das perdas e recuperar a presenza espiritual, resucitada e resucitadora. Unha paz emocionada, entre bágoas e recordos agradecidos, ira acougando na alma e, repasando a vida, descubriremos nela moitas mans de bendición.

José, Picos, ancián venerábel, bico as túas mans deses 93 anos de benfaceres. Con elas loitas por seguir presente e non te rendes. Si. Bendicimos as túas mans. Dende Mandiá, un abrazo de todos. Sabemos ben canto lle debemos ás túas mans. Ad multos annos vivas! Querémosche, amigo “Picos”. Segue así.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES