Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Calidade e galeguización dos nosos viños

lunes, 10 de mayo de 2010
Nos primeiros días do outono de 1925 celebrouse en Lugo o Primeiro Congreso de Economía de Galicia. Os salóns do Círculo das Artes foron os escenarios elixidos para os debates sobre os problemas máis acuciantes que tiña o noso País provocados polo incesante proceso emigratorio e as consecuencias da guerra europea. O cónclave reuníu ás mentes máis lúcidas dos distintos saberes, as máis preparadas e capaces de artellaren estratexias para os distintos sectores da economía. Malia a importancia deste feito histórico, son aínda moi poucos os que coñecen as clarevidentes propostas que saíron daqueles debates.

A comisión encargada de buscar solucións á viticultura foi visionaria: “nunha zona como a de Ribadavia, que debera ser polas súas condicións o Burdeos español, nada se ten feito nin na defensa das frecuentes adulteracións dos viños do Ribeiro, nin na orientación para fixar os seus tipos, fixeza que é unha das bases da expansión comercial”. Para poñer remedio a tales desmáns o Congreso propuxo, nas súas conclusións finais, que se establecese en Ribadavia unha Estación Enolóxica. Tal obxectivo non se conseguíu ata o ano 1995, setenta anos despois. Mentres, o viño do Ribeiro que noutrora gozara de gran prestixio no mundo, foi perdendo calidade por mor da conduta desalmada de moitos adegueiros que se dedicaron a adulteralo dando lugar ao chamado “matute”, un viño desquiciado, moi encabezado e que atentaba contra a saúde dos que o bebían.

Esta situación provocou que un sector de adegueiros máis responsables, con Álvaro das Casas ao fronte, constituísen a UCRA (Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia), unha entidade que tivo unha vida efémera, porque a sublevación militar do ano trinta e seis tronzou as súas aspiracións. O “Manifesto da UCRA” ofrécenos un discurso coherente, estratéxico, para a ben merecida sona que tivera o viño do Ribeiro en tempos pretéritos, “cando a aristocracia inglesa bebíao embelesada no século XVII e pagábao a prezos elevadísimos, e os vellos e máis famosos colleitadores de Francia levávano para daren fama ás súas adegas, que hoxe son as primeiras do mundo”.

Álvaro das Casas, na súa época de esplendor intelectual, foi propagador de novidosas iniciativas galeguizadoras. Apelaba no Manifesto fundacional da UCRA á vontade dos consumidores aos que lles atribuía un papel fundamental na procura da calidade e identificación coa cultura galega, poñendo en solfa a conduta dos que “levados por unha vaga de nefasta cursilería teñen conquerido desterrar os nosos produtos para impoñeren no seu canto outros extranxeiros, peores”. O seu discurso ten plena vixencia hoxe. O día que os sectores máis conscientes da sociedade galega, aqueles que coas súas mobilizacións sociais din defender a nosa ameazada identidade, actúen como consumidores responsables, preferindo produtos de calidade etiquetados na nosa lingua, lograrán galeguizar o País. Mentres isto no acontece, os primeiros en daren o paso foron os adegueiros. Máis de cento setenta adegas xa etiquetan os seus envases no noso idioma, aos que se uniron outros produtos agroalimentarios.

A Asocicación Álvaro das Casas, celebra o próximo día 15 no pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), a entrega dos premios Bacelos de Prata, que un xurado nomeado ao efecto concedeu a dúas adegas que teñen apostado pola identificación dos seus viños coa lingua galega, un valor engadido que os identifica e prestixia: Adegas Durán, S.L. da denominación de oríxe Rías Baixas, e o colleitero do Ribeiro, Emilio Docampo Diéguez Abofe que o seu exemplo terá máis continuadores.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania