Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ben mirado nosoutros non somos máis que palabras (Martí Pol)

jueves, 06 de mayo de 2010
“A Palabra fíxose carne” di o evanxeo de Xoán. Tanto o poeta coma o evanxelista coinciden, falar é como respirar, é o sopro da espiritualidade de cada  cadaquén, é o osíxeno do noso ser. Empobrecer unha lingua é empobrecer unha cultura ou unha sociedade. Se se perde unha lingua con ela pérdese unha identidade, unha maneira de ver o mundo, unha visión sutilmente diferente de todas as cousas, a lingua é moito máis ca unha forma de falar. Aínda máis, as xeracións pasan, os tempos ofrecen fotos evolucionadas da sociedade, pero a palabra é o cordón umbilical que nos mantén unidos cos nosos antepasados, é o enlace entre o pasado e o presente, asegura o futuro. A palabra  fixa a verdade, o que é, o que está a ocorrer visto dende a propia e máis íntima sensibilidade.

Fronte á manía enfermiza de identificar lingua e nacionalismo hai que afirmar rotundamente que os idiomas non pertencen a ideoloxías. Son da xente. Sobre todo, da xente que reza e canta.

Resulta moi positivo manexar unha lingua franca que nos comunica planetariamente. Na actualidade esta lingua universal é o inglés, un inglés que, por certo, falado de modo trapalleiro conduce a un analfabetismo funcional. En todo caso, hai que manter a relación umbilical coa lingua propia, o contrario afectará de maneira desastrosa a súa personalidade enteira. O fanatismo terrorista que ensanguenta Alxeria explícase máis por unha frustración máis ligada a lingua cá relixión. Francia non intentou a conversión ao cristianismo dos alxerianos, pero si  quixo substituír a súa lingua polo francés.
Todo o que antecede pode servir para tomar conciencia da situación  esquizofrénica  que atravesa Galicia no referente á lingua propia. Voume referir a dous estamentos moi particulares. 


1. O Goberno da Xunta de Galicia. Resulta patético que os galegos teñan que mobilizarse para defenderse do seu Goberno que  ataca as bases da subsistencia da lingua se leva a cabo, como parece, ofertar a posibilidade de eliminar a súa presenza no ensino infantil.Todo isto realizado por un Goberno que ten o mandato de potenciar e promocionar todos os valores e riquezas da Comunidade. Nunca tal se viu, o Goberno de Galicia, contra Galicia! Todo adubado con falacias como liberdade ou equidade, esquecendo que tratar igual aos desiguais é unha radical inxustiza. Galegos contra galegos, somos galegos e non nos entendemos, dicía hai séculos o señor de Saavedra, camiño das guerras de Granada.


2. Respecto ao comportamento da Igrexa, hai unha anécdota que recordamos. No decurso da celebración do centenario de San Vicente de Paúl no Santuario dos Milagres (Ourense) e logo da bendición da mesa polo bispo Temiño-co rezo do “Padre Nuestro”, don Ramón Otero Pedrayo, invitado para dar unha conferencia, ergueuse e increpou abertamente ao bispo:” Por que a Igrexa non reza en galego?” Produciuse un gran silencio. Precisamente á morte de don Ramón (10-04-1976) produciuse o milagre de escoitar ao bispo Temiño usar a lingua galega no funeral, por primeira e derradeira vez.

O asunto xa vén de vello. Nos últimos tres séculos cerca de 40 bispos nados en Galicia rexeron dioceses galegas, pero soamente tres (arcebispo Lago González, Araúxo Iglesias e frei Xosé Gómez) exerceron de galegos. Malia que o mandato do Concilio Pastoral de Galicia neste terreo foi tan claro como é o seu incumpremento.

Na actualidade a regresión é manifesta. Por parte da xerarquía non existe ningún  entusiasmo a prol da lingua galega, mesmo hai retroceso. Na diocese de Lugo na que o anterior bispo, Frei Xosé Gómez, utilizaba de modo normal a lingua galega, o cambio é radical, nin no seu cabodano houbo elegancia e respecto cara ao seu proceder. O seu sucesor, Carrasco Rouco, vilalbés de nación, parece que esqueceu a lingua galega nos seus anos de permanencia en Madrid. Ademais adoptou unha actitude con aparencias de tinguidura despectiva como puido comprobarse hai poucos días en Chantada no funeral do cura de Rodeiro, promotor e animador do Movemento Rural Cristián Galego, crego comprometido con Galicia, coas súas xentes e coa súa cultura, sen embargo, o bispo volveu a ignorar completamente o compromiso e o significado do proceder de don Aniceto nos seus 50 anos de vida sacerdotal.

Finalmente, é de xustiza recoñecer que hai un grupo de cregos que teñen moi claro que en Galicia unha Igrexa que non se comporte como galega non serve, por iso están convencidos que se Deus os creou galegos para ser fieis a Deus teñen que ser leais a Galicia.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES