Ladrillo e cemento
Cardalda, Theo - jueves, 29 de abril de 2010
DESDE O PREGUNTOIRO: LADRILLO E CEMENTO
Cando aconteceu aquelas inundacións do ano 2006, saíu a luz pública a existencia dun río no interior do garaxe dun edificio construído pola firma Vicando. Daquela a Xunta de Galicia actuou cun expediente de sanción e calcula en 1.2 millóns de euros o arranxo da desfeita.
Agora queren que o paguen os de sempre, Juan Pueblo. O concelleiro de Vilagarcía responsable da Xestión do Territorio Marcelino Abuín, considera que a Xunta ten que tomar medidas económicas para arranxar esta barrabasada. ¿É que os cartos da Xunta non son tamén de Juan Pueblo?.
Xa está ben de tanta irresponsabilidade. ¿Quen lle dou a licenza desa construción?. ¿Por qué se lle concedeu a licenza de primeira ocupación?. ¿Os técnicos municipais estaban cegos para non ollar que tiña un río nese solar.
Daqueles ladrillazos de entón, agora veñen as augas cheas de lameiras. Se a última responsabilidade pertence ao Alcalde que naquel intre gobernaba, este tiña que pagar do seu peculio os erros consentidos ou ignorados. Temos nestes casos algunhas sentencias xudiciais que así o confirman, caso do Concello de Santa Margalida (Mallorca). Se isto fora lei, os alcaldes tratarían por tódolos medios de non caer nas tentacións de chachullos e outras herbas crematísticas do ladrillo e o cemento.
Coido que tamén hai unha responsabilidade por parte do construtor-promotor que só lle interesou o negocio por riba de leis e a costa do que sexa.
Se facemos memoria, desde mediados dos anos 90 ata agora, os ladrillazos urbanísticos en Vilagarcía, hai para dar e tomar. O último foi o do Almirante Fontán (Vilaxoán).

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora