Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Suso de Foz

jueves, 29 de abril de 2010
Suso de Foz A todos nós, cando nacemos, efectúannos o primeiro rexistro administrativo, quedando marcados cunha “denominación de orixe”, un nome e uns apelidos, cos que se nos coñecerá no futuro.

A nosa orixe familiar vincularanos cos antecesores inmediatos, e seremos coñecidos como fillos duns pais determinados. Pero serán os nosos feitos, a nosa traxectoria especialmente, no decurso do tempo, os que posibilitaran que sexamos coñecidos -identificados- cunha parte desa denominación legal: xeralmente, o nome e un apelido.

Pero moi poucas persoas, contadas en cada pobo cos dedos das mans, poden ser identificados co propio nome propio e a simple mención ó lugar de procedencia.

No decurso da súa vida pública, intensa vida activa, Suso empezou sendo “Jesús Fernández López”, de acordo coa partida de bautismo e o documento nacional de identidade. Moi axiña pasou a ser “Suso Fernández” ou -por vencello familiar- “Suso do Bahía”, por pertenza á familia titular deste tradicional lugar de lecer; “Suso do Xuez”, como indicaba onte na Voz Moncho Ermida.

E co tempo, e definitivamente, pasou a ser “Suso de Foz”, nun proceso de simplificación parello á súa asunción das tarefas de comunicador; ó seu proceso de identificación cun pobo e cunhas xentes, que é o seu pobo e son os seus, no que hoxe é cronista e vai ser fillo predilecto, é patriarca, é mestre, é exemplo de comunicación, de amor á terra, de amizade, de irmandade con Foz sempre por diante.

De cómo se consigue esto, non o sei; non hai unha fórmula. Quen o consegue, é profeta na súa terra. Moi poucos levan na fronte esa estrela; moi poucos levan -como quería o poeta- “no bico un cantar”, como Suso de Foz.
       
Leva medio século con Foz sempre na súa palabra. Foz e os focenses, os ilustres e os populares, a vila e a bisbarra, os intereses públicos e os problemas privados. Sempre Foz con mayúsculas; sempre en presente; sempre en activo; sempre vivo. En Galicia Digital publica asiduamente artigos que fan referencia a esta terra e ás súas xentes. Como durante moitos anos foi a voz das terras de Foz en Radio Popular de Lugo cando aquela radio era o maior medio de difusión audiovisual das terras lucenses.

Era un elenco glorioso aquel abano de informadores singulares que se convertiron en homes e mulleres de radio pola maxia da palabra e da querencia... desde Becerreá, Helena Villar Janeiro; desde Chantada, Anxel. Juan de Caridad desde Ribadeo; Jaime Rábade Prieto desde Vilalba; Pablo Mateos Chao, desde Viveiro; Suso Fernández, de Foz.

Aquela primeira Radio Popular escoitábana os rapaces dos Institutos nas tardes longas despois das clases; seguíana as xentes con gañas de saber máis do noso rural, e a cotío atopo rapazas –especialmente rapazas- que confesan ter aprendido a querer a radio ó lado do avó que a escoitaba con fruición; sintonizaban connosco os labregos da Terra Chá arando na terra mentras o flamante transistor colgaba da rabela do arado. Daquela xeneración de xentes da comunicación na radio lucense é Suso Fernández, que se algunha vez foi alumno xa se convirteu en mestre na primeira crónica.

Suso licenciouse en Comunicación cando publicou algunhas das primeiras guías turísticas que se coñeceron en Galicia; cando puxo voz a documentais ou dirixeu revistas e xornais focenses, cando fixo nacer “A Rapadoira”, ou a “Feira de Artes Popuilares”, os “Xogos Florais” e mesmo cando hai agora xa corenta e tres anos Gráficas Bahía publicou aquel magnífico libro de poemas de Manuel María titulado “Versos frolecidos en louvanza de Foz”.

Suso doutorouse na mesma especial materia comunicativa informando de viva voz -voz viva!- a cantos quixeran escoitarlle que no norte da provincia de Lugo había un paraíso chamado Foz que agardaba por todos, que a todos acollía... como se Foz lle tivese encomendado a Suso -seguro que sí- ser o seu embaixador plenipotenciario para anunciar urbi et orbe a existencia dun lugar único, diferente, vivo.

Pero Suso non só comunicaba e comunica coa súa palabra, coa súa escrita, senón -e de xeito especial- coa súa actitude, cos seus xestos, coa súa disposición. Convencendo coa convicción; coa súa verdade; coa verdade de Foz, verdade absoluta, sempre por diante.
Ninguén chegou a Foz buscando a Suso ou na percura de información, que se fose sen ser atendido. E como imaxe da súa preocupación por atender ás visitas e ós amigos, teño a confesión dun sucedido hai arredor de corenta anos... Un grupo de amigos chegou a Foz á noitiña, e Suso levounos cear, convidándoos como el sabe facelo. Extrañamente el foi o que menos disfrutou da comida, o que menos ceou. Ó final, tivo que confesar: el xa ceara, pero non quería –anfitrión perfecto- que ninguén se fóra deste pobo sen ser atendido e convidado.

¿Qué pode facer que un home sexa como Suso?¿Qué un home como Suso dedique a súa vida a facer apostolado do seu pobo? Que aplique todas as súas forzas, durante toda a súa vida, ó seu pobo, á súa tribu, como dicía Manuel María?.

Non é un misterio, senón unha realidade. Pero nin el mesmo, quizais, sería quen de explicarnos as razóns máis fondas deste seu carácter, deste seu xeito de ser. Aínda que unha boa razón témola na dedicatoria que no seu libro “Foz” fai Suso do libro: “Á memoria de meus pais, dos que aprendín a amar apaixoadamente estas terras”.

Velaquí a cuestión: o amor á terra. Son cousas que van na raiz, no sangue, na alma das xentes, e que a vida se vai encargando de potenciar, de reforzar, de sublimar. Comunicación tamén, non verbal nin xestual, que sae directamente da alma a través de sentidos que aínda non somos quen de controlar.

E velaquí a Suso Fernández, Suso de Foz, que xa é cronista oficial da súa cidade, e vai ser declarado Fillo Predilecto polo concello de Foz, a petición popular, a petición das xentes de Foz. É a maior honra que un pobo pode facer a un dos seus fillos; é a maior satisfacción que un namorado do seu pobo pode recibir.
       
E os que queremos a Suso e disfrutamos do que el disfruta, vimos de facerlle testemuña de admiración e amizade; e dicímoslle ó Concello de Foz que facendo a Suso fillo predilecto é o mellor exemplo que poden dar de tomar unha decisión xusta. Para decirlle a “A Pomba do Arco” que respiramos polos mesmos poros e co mesmo entusiasmo que eles o fan en homenaxe a Suso. Para decirlle ós focenses que desde fóra admiramos e queremos ó máis xigantesco (interiormente o máis xigantesco), de todos eles. E para decirlle a Suso que ¡Que bonito!, amigo, ter chegado ata aquí, en Foz, con Foz e por Foz, na seguridade de ter acertado no camiño e no traballo, e a convicción de que aínda queda moito camiño, e que nos imos ver moitas veces a partir de agora en agradables xuntanzas de amizade.
       
Suso Fernández, comunicador, pero sobre todo amigo desprendido, animador incansable, namorado da terra e do mar, o máis grande, o primeiro focense. Sabémolo todos. E con actos  como o celebrado o 23 de abril en Foz queda afortunada constancia de que Suso pasou toda a vida comunicando verdades de Foz.
       
Chega o momento en que todo se volve hacia un, hacia Suso, con todo o peso da vida, e usándonos a todos, a vida dille a Suso: Gracias, amigo, xigante, comunicador, xornalista, escritor, mestre.
       
Para min, para moitísima xente, é unha honra poder presumir: Eu son amigo de Suso de Foz!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES