Benedicto XVI, cinco anos ao servizo da Igrexa
Rodríguez Basanta, Antonio - miércoles, 28 de abril de 2010
Fixo estes días cinco anos, concretamente o pasado 19, que Josepf Ratzinger foi elixido Papa. Un feito daquela que para moitos case era de esperar. Para outros, os menos, unha elección decepcionante: o cardeal Ratzinger era o xendarme da fe, un intelectual sen experiencia de pastor, nada mediático en comparanza co seu predecesor Xoán Paulo II; en fin, un Papa de transición, pois comezaba o seu pontificado nada menos que con 78 anos recén cumpridos.
Sen embargo, como pasa case sempre no curso da historia, as cousas nunca suceden exactamente como se prevén. Grazas a estes anos de pontificado moitos católicos e non católicos fomos descubrindo, con agradable sorpresa, algunhas facetas ocultas daquel cardeal teólogo, Prefecto da Doutrina da fe. Efectivamente, daquel Ratzinger, a quen se lle colgou o esteriotipo dun personaxe gris e frío da Curia romana, sae á luz pública un Benedicto XVI imbuído de sinxeleza e autenticidade, humilde e discreto, a pesar da relevancia universal do seu cargo. Así o expresou ese mesmo día cando na loxia de San Pedro e ante unha multitude expectante se presentou como un sinxelo e humilde traballador na viña do Señor.
Tamén puidemos comprobar como o seu discurso, a pesar da traxectoria de gran teólogo universalmente recoñecida, sempre foi e segue sendo fácil de comprender. Benedicto XVI, particularmente nas súas catequeses, vai ao esencial da mensaxe cristiá, ao corazón da fe. Non será seguramente porque, hoxe máis ca nunca, a maioría dos membros da Igrexa estamos necesitando volver aos fundamentos da nosa identidade cristiá para así saber dar razón da nosa esperanza? Con razón un periodista describiu a Benedicto XVI como un Papa forte nun Occidente débil.
Con serenidade, sen alzar a voz pero con firmeza, respectando a liberdade de quen non comparte o seu parecer, vai dicindo, en cada momento, con palabras e con feitos, o que a cristiandade necesita nestes tempos: que o sucesor de Pedro nos confirme na identidade e na vivencia da nosa fe. Unha fe vivida en positivo, como verdade e beleza; nunha Igrexa na que ninguén sobra; nunha sociedade impregnada dunha sana laicidade. Sempre defendendo o don da vida en condicións xustas e equitativas. As audiencias privadas e públicas confirman todo isto.
Aí están as tres cartas encíclicas publicadas (Deus caritas est, Spe salvi e Caritas in veritate) e o seu libro sobre Xesús de Nazaret; os encontros ecuménicos con ortodoxos, anglicanos e luteranos pertences a outras Igrexas cristiás, buscando a unidade dos discípulos de Cristo, tamén dentro da mesma Igrexa católica, pedra de toque para que o noso testemuño sexa crible no mundo de hoxe; e a aproximación ás outras relixións como no caso dos xudeos e musulmáns.
Tamén se dixo de Benedicto XVI, en comparación do seu predecesor, que ía ser un Papa sedentario. As viaxes apostólicas a Alemaña, Francia, Austria, España, Turquía, Brasil, Camerún, Angola, Xordania, Israel, a República Checa, EE.UU. etc... mostran a solicitude polas Igrexas a el encomendadas como Vicario de Cristo.
Non menos salientable son os sínodos presididos por el: un sobre a Eucaristía coa conseguinte publicación da exhortación apostólica Sacrametum caritatis, e outro sobre a Palabra de Deus. Tamén a participación na Xornada Mundial da Xuventude en Sydney, a apertura da Conferencia do Episcopado Latinoamericano no Brasil e a convocatoria, primeiro do Ano de san Paulo, e logo a do Ano Sacerdotal que estamos celebrado.
Ultimamente, ante os casos de pederastia que afectan a un número considerable de membros da Igrexa e que resultan a todas luces vergonzosos e reprochables, Benedicto XVI non tivo reparo en recoñecer a culpa, pedir perdón ás vítimas e esixir a compensación polos danos ocasionados, non sen ao mesmo tempo chamar á conversión e á penitencia aos inculpados directa ou indirectamente: é necesario abrirse ao perdón e deixarse transformar, dixo fai uns días. Este feito lamentable desencadeou unha campaña mediática en contra da persoa do Papa a todas luces inxusta. Non será que o seu maxisterio interpelante está sendo un estorbo para determinados obxectivos e intereses máis ou menos ocultos de certos grupos ou poderes fácticos?
Como cristiáns debemos estar co Papa. Se nós necesitamos del, do seu maxisterio e ministerio, el tamén necesita hoxe de nós, do noso afecto e da nosa oración.

Rodríguez Basanta, Antonio