Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Prisciliano

lunes, 26 de abril de 2010
Prisciliano Hai figuras na historia de Galicia que se vencellan coa lenda e chegan a nós cunha aureola, nimbadas, como seres míticos que nunca foran somente humanos.

Independentemente do papel que xogaron en vida, a morte deulles unha dimensión trascedente, elevándoos a un especial Olimpo onde os veneramos inconscientemente.

Alí está o Mariscal Pardo de Cela, que subíu á groria no momento en que a súa cabeza rodou pola praza mindoniense. Alí está Rosalía, que se en vida foi poeta, agora -“miña nai, miña santiña...”- dispútalle a Santiago devoción e piedade das nosas xentes máis sensibles. Alí está Prisciliano, axusticiado por xusticia inxusta, que sempre estará no noso imaxinario como o martir que, aínda despois de morto, intentaron furtarnos. 


Por se a memoria popular non bastase, Prisciliano segue a concitar atención de investigadores e creadores e de cando en cando volve á vida.  A última “resurrección” de Prisciliano foi por obra e gracia de Victorino Pérez Prieto, que ven de publicar o libro “Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario”.

Afirma Victorino que “falar de Prisciliano é falar dunha realidade histórica e dunha realidade mítica”, significando logo -seguindo a Romero Pose- que hai “un Prisciliano oficial e outro real”, para indicar que “falar de Prisciliano é falar á vez dun teólogo xenial, un herexe rehabilitado e un martir apócrifo canonizado polo pobo, pero tamén un mito necesario para Galicia”.

Defendía Prisciliano o ascetismo, a renuncia ós bens mundanos, a abstinencia de carne e alcohol, abogaba por un moi amplo estudo das escrituras, pola importancia da figura do mestre prescindindo da xerarquía eclesiástica e a defensa da igualdade de sexos e estamentos sociais. 


Analisando as opinións dos estudiosos sobre Prisciliano,  conclúe Pérez Prieto que falar de Prisciliano “non é só falar dun teólogo e un asceta iniciador dun movemento ascético; un iniciador dun movemento social, e un profeta contra o poder clerical. Aínda que na súa orixe semella ser un movemento máis ben relixioso, con eco entre membros da clase alta urbana, este desplazamento do priscilianismo semella lóxico, habida conta dunha radicalización tras do rexeitamento dun sector episcopal, que puxo ao movemento en sintonía cos postulados reivindicativos dos menos favorecidos da sociedade romana baixoimperial: os humiliores, os parias, os pobres, acadando o seu apoio”. 
Afirma Pérez Prieto que “Prisciliano é un mito necesario para Galicia, mesmo que non fóra galego de nacemento. Un mito necesario porque o pobo galego necesita dos seus mitos como tódolos pobos; e este non o inventou, no sentido de ser unha pura fabulación sen base real, senón que é un mito que parte dunha realidade histórica e dunha memoria elaborada por ese pobo como algo que sente como necesario.”

Sinala o autor que “Sen Prisciliano nada tería sido igual na Galicia do século IV e seguintes. Máis aínda, se seguimos falando de Prisciliano tantos séculos despois, ten que ser por unha poderosa razón. ¿Cómo non falar logo dun “mito Prisciliano”, como algo imprescindible na historia da cultura e do pobo galego?. “O que queda de Prisciliano e o priscilianismo -alén do que poidan dicir os historiadores- é a marca indeleble deixada na alma galega, o seu peso na realidade relixiosa e antropolóxica galega. Seguramente sexa menos a un nivel expreso na xente -cumpriría facer un traballo sociolóxico no pobo, preguntándolle por Prisciliano e o priscilianismo- e moito máis a nivel das crenzas subxacentes e do inconsciente colectivo. Son os símbolos e os mitos os que chegan realmente a ese inconsciente colectivo, máis que os conceptos intelectuais ou as realidades que nós chamamos históricas.” 
Califica de priscilianista o encontro anual da Romaxe dos Crentes Galegos, nunca feito nunha igrexa ou ermida, nin sequera nun mesmo lugar, senon itinerante; sabendo que todo espazo é sagrado, pero buscando lugares particularmente hierofánicos -ríos, montes...- por Galicia adiante.
   
O libro de Victorino Pérez Prieto é un fondo estudio científico, que recopila un amplísimo abano de traballos anteriores e proporciona unha visión de conxunto da figura de Prisciliano, e convírtese na porta perfecta -imprescindible- para entrar no mundo do patrón heterodoxo de Galicia.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES