Puro teatro
Piñeiro, Antonio - jueves, 22 de abril de 2010
Non pense, querido lector, que o título vai con segundas, nin pretende desprestixiar esa fermosa arte comparándoa coa arte, a miúdo non tan nobre, da política. Ó contrario, hai tempo que non me sento con tanta predisposición a escribir seriamente.
Porque seriamente, arroupados por unha estudada e perfectamente ensarillada escenografía, facendo gala dun altísimo grao de veracidade no relato, dunha máxica verosimilitude na recreación da historia e dunha profesionalidade individual e colectiva que sería merecente, se cadra, de procurar (traducíndoa, loxicamente) os grandes escenarios do Estado, foi como recibín, o pasado sábado pola noite, a regalía da representación da Esmorga polo grupo ourensán Sarabela.
Malia que sei que estivera en cartel unha longa tempada, non tivera lecer eu daquela de poder asistir á representación que hai 13 anos fixera o grupo da obra cumio de Blanco Amor.
Descoñezo, polo tanto, cánto queda daquela primeira experiencia e cánto hai de novidade no relato dirixido por Ánxeles Cuña. Ora ben, o que si sei e podo dicilo con todo o orgullo de ourensanía, porque a compañía é ourensá- é que saín da sala coa sensación de ter participado eu mesmo na esmorga, é dicir, de ter sido abducido polo Cibrán, o Bocas e o Milhomes, do mesmo xeito que unha gran novela te atrapa nas súas páxinas e che fai perder a conciencia do tempo ou unha excelente película te eleva a outra dimensión, borrando todo o que se move ó teu redor.
Sei pola propia Ánxeles (e porque me sorprendeu gratamente ver xente moza a mans cheas asistindo ó teatro -e ¡pagando!- coma se fosen á última montaxe de Spielberg), que nesta nova andaina como compañía residente teñen, todos eles, grandes esperanzas depositadas.
Noraboa, pois, querida Ánxeles, querida Fina, querido Fernando
, entoando un mea culpa por non ter podido asistir á estrea para terlle recomendado antes, querido lector, que non perda a ocasión de ir ver a Esmorga alá onde Sarabela colgue o cartel de tan maxistral representación.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora