Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os nenos de Ourol

miércoles, 21 de abril de 2010
Nove alumnos ten este ano o colexio de Ourol. O curso que ven, once. Pero xa non terán comedor, que a Consellería considera que con esta matrícula non se xustifica unha praza de cociñeira, e desde agora será un “catering” o que atenderá as necesidades alimenticias destes rapaces que, por ser poucos, seguro que se senten discriminados.
       
No Concello de Ourol existen, hoxe baleiros, varios edificios de casas-escola, erixidos en tempos máis boiantes polos galegos emigrados, membros de sociedades como Vivero y su comarca. Un deles, amplo, señorial, na parroquia de Ambosores.
       
A planta baixa da escola de Ambosores estaba destinada a aula, cunha capacidade de trinta e tantos alumnos, que respondían ó unísono as pregunta ou observacións da mestra de turno. A planta alta era a vivenda da mestra, e a ela accedíase por unha escaleira exterior situada hacia ao norte.
       
A escola estaba situada nun recorte feito á Leira da Escola, no seu momento finca matriz, que ó comezo dos anos sesenta era propiedade de meus tíos.
       
Eu fun alí á escola, alomenos uns días, que xa que pasaba de pequeno os veráns en Ambosores, algún ano que me fun algo antes de rematar o curso acabeino alí no medio dos rapaces e rapazas da parroquia.
       
Xa digo que daquela, só en Ambosores, debían ser máis de trinta os rapaces que daban vida a unha escola con mestra lucense, á que logo seguín tratando durante moito tempo.
       
Pasaron os anos, e no centro escolar Vicente Casabella de Ourol concentráronse todos os nenos do Concello, convertíndose en escolares itinerantes transportados por estrada difícil, que tantos anos levou conseguir.
       
Pero Ourol é un dos concellos lucenses onde a emigración produciu fonda ferida, e antes a Cuba ou Arxentina, logo ó País Vasco ou Suiza, e por fin ás Pontes, Viveiro ou Ferrol  aportou centos de brazos e intelixencias de xeito que hoxe as aldeas están abandoadas, as vellas escolas sen función, e o centro escolar da capital do concello con tan só nove alumnos.
       
Eso a pesar de que desde as aldeas de Ourol chégase en menos de media hora ás praias de Viveiro, do Vicedo, de Xove ou de San Cibrao. Eso que hoxe en todas as súas aldeas hai luz eléctrica e estrada. Pero todo parece ter chegado demasiado tarde.
       
En tempos, de Ambosores a Ourol íase ó médico, a Don Carlos, ou mercar medicinas; usábase a capital do concello como escala para chegar a Viveiro, ou Xan Branco, lugar onde desembocaban todos os carreiros que cruzaban o Sarrón, para coller o coche dos Veiga para ir a Vilalba e a Lugo.
       
Hoxe, Ambosores só ten un par de casas habitadas na súa capital, e pouco máis de media ducia en toda a parroquia. Nove nenos no colexio de Ourol. Moi axiña estarán todos concentrados nalgún colexio de Viveiro.
       
Pode ser o signo dos tempos, pero escoitar que os nenos de Ourol se quedan sen cociñeira prodúceme unha fonda tristura, e sinto nos osos que os meus devanceiros da Ferraxosa se removen nos seus cadaleitos preguntándose como fomos capaces dunha desfeita así.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES