
Desorballando os prados coma sono,/ o Tempo vai de Parga a Pastoriza, cantou o poeta Díaz Castro, e envoltos neste halo, viaxaremos, o xoves, a Pastoriza, convocados polo Pai Miño, alí preto das súas orixes. Porque a lagoa de Fonmiñá dálle alento as súas augas. Non nos sorprende que todos queiran compartir a súa fonte primixenia, tamén se debate o nacemento do Danubio, o Nilo, etc. Pero o que arrequece é que estas terras e lagoas lle dean tanto pulo e enerxía, que pode percorrer toda Galiza, convertido na súa columna vertebral. No seu curso, vai de sobrado, con tantas cantigas, agarimos e versos que lle dedican os nosos vates e cantoras. Pero, nese día, imos asistir ó parto doutro poemario, dedicado a el, creado por un escritor moi achegado ao seu fluír cotián, un veciño que comparten o mesmo devir existencial, Pepe Otero, da Ponte de Outeiro, igual ca outro Pepe, o Crecente Vega. Estes versos acreditan esa simbiose e familiaridade entre o río e o seu cantor. Un caudal tan vizoso abrolla creatividade a cachón, coma ten testificado Manuel María, que baixou un día, nos 50, daquel outro Outeiro, ata o Miño, e descubriu nunha viaxe máxica as fontes da verdadeira poesía. Pero, Miño, río pai e amigo, non é só poesía, achega a pintura e debuxos de nove creadoras e creadores, que tamén descubriron no seu leito as formas, sons, recendos, cores, que agora nos comunican, coma escribe Otero: pintura transparente que molla. Os editores, a Irmandade Manuel María, sabedores de que para aprender ler no lombo e no fondo do río, hai que deixar bulir as súas augas no corazón coma un surtidor, encargaron ao profesor Primitivo Iglesias, o prólogo. Coñecedor rigoroso das entrañas do noso idioma, e arestora rexedor de Pastoriza. O profesor ten fortes vencellos co Pai Miño. O parentesco ven de lonxe. Igual co do outro padriño desta obra tan intensa, Manolo Vila, tamén guieiro e animador cultural e social, pola largacía da Chaira. Unha homenaxe a un río, de nai chairega, que vertebra o noso país, e do que todas/os nos sentimos achegados, da mesma familia, porque a psicoloxía desta comarca lévanos a sentir unha total comuñón coa natureza, sobre todo, coas criaturas máis sinxelas.