Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quiroga infinda

lunes, 19 de abril de 2010
Porque é unha das antoloxías de Galicia; a eclosión do multidiverso.
Quiroga non ten océanos salgados, pero dispón de mares de augas doces e contén unha pluralidade de portos, de pousos, de paradas, de exquisiteces para o mirar; Quiroga ergue os espíritos coa súa inmensidade serea. As terras de Quiroga fan pensar na biblica descrición do paraíso.
Está ó sudeste da provincia de Lugo, é o berce do Río Soldón, que nace na Serra dos Cabalos, pola Seara, na aldea de Soldón. Exténdese polas beiras do Sil. Ó norte, O Courel; polo sur, a provincia de Ourense; ó oeste, Ribas do Sil e Pobra do Brollón; ao leste, Vilamartín de Valdeorras, provincia de León.
Un laranxo, unha camelia; outro laranxo, outra camelia: laranxo e camelia, laranxo e camelia, así, en dobres ringleiras polo centro urbano da capital do concello. Camelias de rosas brancas, de rosas vermellas; de rosas amarelas. Laranxeiros arrecendedores; dereitos laranxeiros; laranxeiros, en froito, de Quiroga.
A tarde do sábado, do día tres do presente mes de abril, andou aloucada: o mesmo caía auga a bocois como se entreabría o sol, teimudo, por medio das nubes aplomizadas. Ou seña, a tarde estaba estragadísima: escampada e trebón; amaino e zurrego. Viaxe, pois, con choiva sen ningunha formalidade. Ata chegar a Quiroga, que a tarde abreu en grises mornos, a poucos, poucos; a poucos curtos, a verdade sea dita.
En Augas Mestas ollei ó Lor, que despois de tanto trelo montañas abaixo, métese no colo das terras de Quiroga e agarímase ata quedarse adurmiñado.
Pasei San Clodio, capitalidade do concello de Ribas do Sil, e xa arrecendín a laranxas e a camelias. Mirei como se encontran o Soldón e o Sil. Non parei. Seguín pola vía nacional abeirada ó Río Soldón. Torcín á esquerda, por unha estradiña que engatuña, con voltas e reviravoltas, ata chegar a Bendollo, que ben se vía que estabamos en pascuas pola cantidade de xentes e de autos que había. Non se celebraba romaría algunha. Era a festa dos encontros, dos reecontros; de pasar días de vagar; seguramente, tamén, de levar flores ó cimiterio, que está situado, como a igrexa, no máis alto do pico. Desde tales alturas, entre os cumios da serra, o mundo semella mellor. E un ata se esquece (que é moito esquecer) que as augas dos tres ríos deixaron de ser nósas, son de non se sabe quen, ¡de maría santísima!.
Alí, en Bendollo quedei parado, magnetizado, sorprendido polos mundos que se ollan: O Sil e o Soldón que se irmanan nun só río; as altas cumes das Serras de O Courel, os aguiados picos, que fumegan brétemas; a pureza do ar en perfumes preciosos. Párase o tempo e un esquécese da celebración do día: a Feira do Viño de Quiroga. E un decide que a tarde é longa, que hai que frenar as horas e ensoñarse coa natureza ofrecida, que a cita amistosa en Santa Cubicia, no Hospital, pode agardar e que á Feira do Viño quédanlle moitas horas. Que os laranxos e as camelias non mudarán de lugar, que, en definitiva, non hai que afirvorarse.
Alí, subido, en Bendollo de Feais, este ralator rememora parroquias e aldeas: Augas Mestas, Cereixido, Bustelo de Fisteus, A Enciñeira, Bendilló, Bendollo, A Ermida, Montefurado, O Hospital, Fisteus, Pacios da Serra, Nocedo, Outeiro, Quintá do Lor, A Seara, Paradaseca, Sequeiros, Vilar do Lor, Vilanuíde, Vilarmel, Vilaster e Quiroga. Conto, e resulta que son vintedúas as parroquias que forman o concello. Vintedúas parroquias e máis de cento trinta núcleos de poboación, aldeas ou lugares.

Hei de ir o Chao da Casa,
tamén a Lamas do Lor,
a Caspedro e Os Novais,
a Rugando e O Soldón.

Hei de poñer na Aira Vella
un xigantesco bordón,
para que soe un laís
en Viñalán e O Pendón.

Hei de cantar, se me sae,
a Outeiro e a Leixazós,
a Margaride, a Parteme,
ao Meiral e O Ermidón.

Hei de ir As Covas, As Barxas;
a San Vitorio, a Arxubín;
a San Cristovo, a Feais;
a Carballedo e a Sesmil.

¡Hei de ir, eu, hei de ir!
Irei livián, porfiado,
a Martiño de Alvaredos
e o ceo de Monfeturado.

A Pozos de Riomaior,
á Barca de Mancebico;
á Lama, a Santa Cubicia
a Goia e á Ponte do Sil.

¡Hei de ir, eu, hei de ir!
Camiños do val e testas,
nunha barca de laranxas,
Lor abaixo, a Ambas Mestas.

¡Hei de ir, eu, hei de ir!
Sobre as augas do Soldón;
polo Sil, eu, cabaleiro,
con requinta e acordeón.

Nunha camelia, en Quiroga,
ao pé do muro maior,
deixarei, se sae o canto,
a miña troba mellor.

E se teño que quedar,
por ter os trazos marcados,
Postos a quedar, que quede,
no Ivedo ou nos Covallos.

A pesar do longo cantar, parece mentira, pero escampou. Escampado por fóra fun á Feira do Viño, na Vila de Quiroga.
Cheguei nos momentos precisos. Ós poucos minutos comezou o acto de inauguración presidido polo alcalde, Xulio Álvarez Núñez. Tomo licencia para engadir, que este Xulio é eterno, está tan vizoso coma hai cinco anos. Será que ó ser sanitario sábese coidar debidamente. Ou será, seguramente esta é á razón de máis peso, que Quiroga é, a antoloxía galega da xuventude perfecta. Alédome polo amigo.
Despois da ceremonia de inauguración, a cumprida visita as casetas dos adegueiros, e a proba, con xeito, que aínda sendo viño de Quiroga, polo tanto, extraodinario, compre sempre saber parar a tempo.
Viño e produtos da comarca: mel, menciña natural, queixos, noces, augardentes... O mellor de todo Quiroga na Feira do Viño de Quiroga.
O recinto ateigado de publico de Galicia, de León, de Asturias, de Portugal e das quimbambas. No auditorio, celebración musical coa Coral e co grupo folclórico, os dous propios de Quiroga. Despois o pregón, de Jinmi Giménez-Arnau, que seica foi unha concentración de sabedoría e de coñecemento divertido.
A edición 2010 da Feira do Viño pasou como se agardaba: divulgativa, leda e sen ningunha mala novidade.
Dia especial para encontros entrañables, para anoar lazos descoidados, para fortaecer amizades de moitos anos. En fin, Viño de Quiroga, en momentos sublimes. Viño de Quiroga, para brindar polo cumprimento de anceios e desexos.
Cris, Cristina Couso Gallego, da Casa do Prado Vello, da Ermida, de Cuntis (Pontevedra), tamén estaba alí, nese día, por obriga. Cris, nacida na vila termal pontevedresa, baixa nos seus días libres da súa demarcación de O Courel ata Quiroga, por devoción. Cristina ten o seu pensamento e a súa alma en reparto, entre Cuntis, O Courel, Quiroga e Lugo.
Rematada a Feira do Viño, Cristina, Miguel, de Monforte, e os seus compañeiros dixeron, contentos:
¡Sen novidade no servizo, meu capitán!
Luis, o capitán da demarcación de Monforte, sabía que non se produxera ningunha acción irregular, porque él estaba alí, persoado, pero a novidade é un requisito tradicional, que soa a misión cumplida.
Diversión, esmorga, festa e bo viño, ¡de Quiroga!. Sen malos asuntos que reseñar.

Viño de Quiroga, ¡veña!
¡Veña, viño de Quiroga!.
Sabe a ribeira sagrada.
É viño das uvas novas.

Viño de Quiroga, ¡veña!
Que entra con bo sentido.
Gusta, como gusta ben,
o mellor, do mellor viño.

Sobran razóns para ir ás terras de Quiroga: polo viño, polo aceite; por ser concello de interese turístico nacional. Para marabillarse, para asombrase; para saber que é posible atopar incontables belezas nunha fermosura única. Ou, simplemente, para ir a buscar serenidade.
Sí, hai que ir de vagar pola Quiroga infinda.
Despois xa se contará, se é que se pode describir tal infinitude diversa.
Nas oliveiras graciosas, de centenaria vigoría, movíanse as follas con asentamento. Dicianme que sí. Que o meu pensar está no certo.
O Sil, o Soldón, o Lor e toda a compañía, miraron cara atrás, ós cumios da serra. O Val de Quiroga abriuse nunha grandísima palma de terra magnífica.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania