Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ecoloxistas, cazadores e labregos-gandeiros

viernes, 16 de abril de 2010
Compás social: Ecoloxistas, cazadores e labregos-gandeiros

Cada vez que volvo o meu recanto da Terra Chá lucense atópome sempre con algúns laios e anécdotas nas que os actores implicados son os ecoloxistas, os cazadores e os labregos-gandeiros. Que se os criadores de fauna cinexética soltan a beira das estradas animais de caza “lelos” criados en catividade, e que logo moitos acaban atropelados. Que, se un bicho de caza maior déixache o coche para a ferralla, tódolos organismos e asociacións chámanse andainas. Que se os ecoloxistas ou Medio Ambiente –confúndense nos relatos- soltan preto das casas cobras e paxaros raros que se comen ós autóctonos. Que se meten multas os labregos polos mais “pintorescos delictos” como defender os seus árbores froiteiros, os hortos das sementes, as hortalizas, as mainceiras, e así sucesivamente. Dado que a veces os campesiños teñen a costume de queixarse por rutina, levaba anos sen facer moito caso destes relatos; mais fai algún tempo a minha visión e actitude cambiaron substancialmente. Por que?

A primeira sorpresa foi que nos arredores da aldea rural desapareceron moitos paxaros pequenos (andoriñas, cucos, lavandeiras, petos, paporroibos, xílgaros, etc...) e na contorna planean grandes aves carniceiras, unhas tradicionais e outras novas descoñecidas. Non logrei aclarar este estraño cambio ambiental. Os poucos días, no lado da estrada, a uns vinte metros da casa encontrei tres cobriñas “lelas” que non sabían moverse nin esconderse na herba. O sobresalto final chegoume nunha festa campeira: a uns cincuenta metros de dúas vivendas, nun prado habilitado como aparcadoiro, ao deixar o coche sorprendéronme no chan outras cinco cobriñas “parvas”. Uns palmos mais aló un rapaz ollaba esta escena. Aquel encontro casual foi fructífero, como agora veremos.

O mozo duns vinte anos, un veciño da bisbarra que non coñecía, votoume unha parrafeada que me deixou sen respiro. Son gandeiro, dixo, e cazador como meu pai e meu avó. Por estes campos e montes anda agora moita xente solta, os festeiros, os sendeiristas, os ecoloxistas, os cazadores e os labregos-gandeiros que quedamos. Agora hai mais sitio para todos, sen rozamentos, se cada quen respecta os demais.

Sí, certo, repliquei. Mais... ¿como arranxar os abusos e xordas tensións que estamos vendo?
- Boa parte destas liortas podémolas solucionar os cazadores-gandeiros: se no medio dos montes hoxe abandonados sementamos grandes pezas illadas de cereais, millos e outros alimentos, a caza menor e maior terá alimentación e lugares tranquilos para esconderse e reproducirse. Iso é posible, pois moitos propietarios cederíamos de balde as fincas que ao traballalas tamén servirían de cortalumes. Deste xeito a caza afastaríase das casas e das estradas, e tería que comer sen molestar a ninguén. Deste xeito resolvíanse varios problemas dun golpe.

Sí, sí, estupendo..., pero ¿por que non facedes iso que propós?
- Porque xa hai moitos intereses acumulados coa cría en catividade e solta de pezas de caza. O negocio imponse ó sentido común, pero ese non é o camiño razoable. Cazar pezas domesticadas non é cazar, é simplemente matar. Por outra banda, ambas solucións -soltar pezas e crialas nas sementeiras- son compatibles e complementarias facendo as cousas ben. Hai sitio e vida para todos.

E que pensar dos ecoloxistas ou Medio Ambiente, como dicides aquí?
- Non logro entendelos. Por que soltan bichos preto das casas? É absurdo que multen os labregos-gandeiros por defender as súas sementeiras, froitos e animais. Hai centos de casos pintorescos para unha boa novela. Se non propoñen nada para cultivar os montes, limpar as veigas, os humedais e os regos e regatos desaparecidos, a natureza vólvese salvaxe e improductiva. A ecoloxía do simple abandono só pode producir xunqueiras, salgueirais, matogueiras, toxais cechos, incendios e fame para a diversidade da micro fauna e flora. Se rompemos o fráxil equilibrio sen aportar solucións cautelosas, se todo se queda en experimentos e palabras baldeiras , pouco futuro haberá para todos nós e para a natureza abandonada a súa sorte.

Quedeime sen palabras. Aprendín mais naquela conversa que nalgunhas conferencias sobre o medio rural, o equilibrio ecolóxico, os humedais da Terra Chá, a cultura do ocio e as novas funcións sociais dos montes. Aquel rapaz falaba a rentes do chan e descubría, dende a simple experiencia e intuición, solucións sinxelas e razoables a problemas complexos.

Aínda agora sigo matinando sobre aquela mensaxe dun mozo labrego, gandeiro e cazador. Sería unha magoa que por mor dun ecoloxismo superficial e pouco cauteloso estea baixo sospeita a ecoloxía como ciencia e como praxe ambiental e social, hoxe mais necesarias que nunca.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES