Á atención do Sr. Cochón
X.X. - miércoles, 03 de marzo de 2004
Eu coido que cando O Señor lle dixo a Eva Parirás con dor, quería dicir algo así como Parirás con dor en tanto non se inventen os medios para que esa dor desapareza.
Porque eu dubido moito que o Supremo Facedor sexa misóxino ou sádico. Esto, no caso de que sexa masculino, que habería que velo.
Desde o momento en que se pode parir sen dor, quen corresponda ten que facer o que haxa que facer para que parir sexa o menor trauma posible.
Eu pensaba que eso da Epidural era unha simple inxección que anulaba a dor no parto. Parece ser que é un proceso complicado que precisa tempo, especialistas e coidados. E que as dependencias da Sanidade oficial teñen problemas para aplicala, por falta de medios.
Pois se as parturientas non queren parir con dor están no seu dereito, e se o mellor método é a Epidural, o Sr. Cochón como máximo responsable da Sanidade galega terá que facer o que corresponda para soluciona-lo problema.
As futuras nais veñen de manifestarse en Lugo neste senso. E o Sr. Conselleiro fará ben en facerlles caso. ¿Ou haberá que poñer unha conselleira para que comprenda mellor o tema?

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora