Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María

viernes, 09 de abril de 2010
Manuel Mara Manuel María Fernández Teixeiro nace á beira do Río Miño en Outeiro de Rei, unha vila de vellas casonas que falan dunha historia moi antiga de señores e labregos acomodados, alí onde remata ou principia a Terra Chá, que nunca se sabe..., pero o poeta ten dito: “A Terra Chá comeza onde eu nacín” (Sonetos á Casa de Hortas, A Coruña 1997, p.54).
A súa casa, a dos Hortas, ten tódolos sinais dun pasado máis que próspero, é unha edificación típica desta comarca. Se polos Hortas procede desta vila, pola nai a súa familia é oriunda do casal de Vilanova, na parroquia de San Mamede dos Ánxos, concello de Lugo, por iso que Manuel ten asinado co pseudónimo de “Manuel Hortas Vilanova”.
Manuel de Hortas, que é tamén outra das formas do seu pseudónimo, conta entre os seus devanceiros con algún cóengo, con administradores dalgunha familia nobre, pero o máis egrexio deles foi un curmán do seu pai, Ramón Fernández Mato, amigo e case paisano de Castelao, foi o fundador de El Pueblo Gallego, deputado, gobernador civil de varias provincias e Director Xeral de Seguridade na II República así como autor de varios libros.
A Casa de Hortas que ata cobraba foros, tiña moitas propiedades polo que necesitaba de xornaleiros e criados. Nos primeiros tempos do Manuel o máis coñecido era Manuel de Paderna, canteiro, poeta e contacontos, que o ensinou a versificar e co que despois percorreu a súa tribo, a Terra Chá, as principais vilas e toda Galicia, como quedou documentado e rexistrado nunha triloxía narrativa de nesgo infantil e xuvenil sobre a que volveremos despois (Viaxes e vagancias de M.P., Vigo 1994 e outros dous libros máis).
Naquela casa de amplas estancias e sempre abrigada e amparada polo cedro lanzal, como moitas casas da Chaira que amosan fachendosas unha árbore nobre ó seu carón, cociñáronse durante moitos anos os asuntos máis domésticos da política local, pois un irmán do avó e o pai de Manuel María foron alcaldes de Outeiro de Rei, polo que o cedro foi testemuña de moitas xeracións de veciños e gardou na súa memoria a historia colectiva da comarca. Na súa prosa o escritor tamén fará incursións sobre a administración dos concellos desde remates do XIX: caciquismo, corrupción, desfeitas desde o poder, etc., nunha trama entre real e ficticia (“Informe político-cívico-municipal encol do Concello e dos Ilustres Rexidores da vila de Caravel da Raíña” recollido no libro Kricói, Fanói e Don Lobonís, Vigo 1973).
O poeta nace un 6 de outubro de 1929. Os seus pais, Antonio Fernández Núñez e Pastora Teixeiro Casanova, como xa está dito, proceden respectivamente da vila de Outeiro, que na literatura bautizaría co nome de “Caravel da Raíña”, e do lugar de Vilanova, aínda que a avoa materna era orixinaria de Quiroga. Foi o maior de catro irmáns.
Sempre houbo unha total simbiose entre o escritor Manuel María e a súa Terra Chá, entre o home e os elementos primordiais que o compoñen: a terra da que está feito, a auga, o lume, o vento, no sentido que lle dá o poeta no primeiro poema do seu libro Ritual pra unha tribu capital de concello: “...e un idéntico vento conferiunos / o outo don da vida e o da palabra” ..., o corpo e o espírito.
O poeta sempre foi agradecido coa Nai Terra. Esta relación afectiva foi creando unha dependencia sentimental coa casa paterna, á que peregrina sempre que pode, xa son unha tradición as celebracións da Santa Isabel na Casa de Hortas ás que acoden os amigos de Manuel e Saleta. Ata a súa morte, o 17 de decembro de 1986, a nai converteuse nunha intensa devoción para o seu primoxénito, viúva desde o 2 de maio de 1943, mantivo con firmeza todo o que recibira gracias ó seu traballo e ó xeito acolledor cos fillos, veciños e servidume da facenda. O poeta foi o primeiro en comparti-los dons da longa conversa e da memoria ricaz que adornaron ata o remate a vida da señora Pastora.
Unha vez que faltou aquela presencia sempre serena da nai, como en todo amor, houbo os seus altos e os seus baixos nesta relación do poeta coa súa casa, como pode respirarse nos seus Sonetos á Casa de Hortas.
O mundo do Manuel está unido ó seu lar como a un “universo” que o segue a soster na vida, como ás raigames que o manteñen erguido, desde ese saborear un pito con deleite que herdou do seu avó ata ser agradecido co don da palabra que el tamén sente como froito de que os seus maiores cando era pequeno o levaran ofrecido ó San Alberte de Parga, avogado da fala.
Desde neno era moi amigo de xogar, sobre todo na beira do Río Miño, no Campo de Santa Isabel, tanto á billarda como desatando os batuxos dos troiteiros para ir descubrindo as belezas do río, tamén ás bólas e á busca de niños. Xa máis grande arrancaría coa bici para coñecer máis alá do seu “outeiro” a ancha mar da Chaira. Sempre sentiu unha grande atracción pola natureza á que converteu en protagonista da súa escrita: os regatos como o do Cepelo, o río, os grilos, un deles é O Kricói está no Cereixal (1973), as árbores (Carta a unha árbore, 1962)...
Recibe o primeiro ensino en Rábade, na outra beira do Río Miño, onde comparte amizade, ensino e xogos cos máis pequenos daquela vila.
O poeta foi medrando nun ambiente inspirado nas tradicións e na práctica relixiosa común a moitas familias, sobre todo na posguerra, pero tamén desde moi novo o seu espírito creativo e vivo vaino liberando de todo aquilo que era un lastre para poder camiñar e buscar novos horizontes de liberdade e de compromiso co pobo.
Ó mesmo tempo que a súa fantasía está a abrirse con toda aquela tradición literaria oral que está a recibir desde a súa casa e contorno, tamén vai mergullándose no mundo dos libros que conviven nos andeis do seu fogar xunto co O Gaiteiro de Lugo, moi lido naquel momento. Tamén vai ás escolas de Outeiro e de Rábade.

A SÚA ADOLESCENCIA EN LUGO
Cando morre o seu pai (o 2 de maio de1943), Manuel María vai vivir co seu tío Pepe, crego en Lugo, ata que se instala en Monforte (1958). A cidade ofrécelle a posibilidade de atopa-los libros que busca con avidez. O seu tío, Xosé Fernández, Párroco de San Froilán, Profesor de Filosofía no Instituto Feminino de Lugo e creador da parroquia da Milagrosa no populoso barrio do seu nome, conta cunha boa biblioteca e o mozo estudiante tamén gasta os seus aforros mercando máis libros.
Principia a estudia-lo bacharelato no Instituto Masculino, pero ó morre-lo seu pai segue a estudiar nos Maristas ata sexto no que volta ó Instituto para remata-los estudios secundarios. O seu tío tiña unha forte proxección intelectual e social en Lugo o que tamén lle abriu novos horizontes a aquel mozo que camiñaba polas rúas con ansia de vivir e de coñecer.
Un dos seus primeiros amigos daqueles anos de Lugo ía se-lo compañeiro de xeración literaria, Uxío Novoneyra, co que compartiría moitas experiencias no seu Courel natal, na mili, en moitas actividades literarias. Pero sería na tertulia do Méndez Núñez na que apousaría toda aquela fervenza e busca do mozo poeta, alí coñecería ó doutor Luís Pimentel, un dos seus grandes amigos para toda a vida, a Celestino Fernández de la Vega, un pensador que naqueles debates achegaba toda a súa bagaxe de coñecementos filosóficos, ó pintor Ánxel Johán que despois sería compañeiro de desvelos editoriais. Naqueles encontros falábase de libros, películas, acontecementos culturais, e sobre todo, da historia e da literatura do noso pobo. Naquel ambiente tamén coñeceu ós profesores Carballo Calero e Iglesia Alvariño cando exercían o ensino en Lugo.
Un dos grandes descubrimentos entre aquelas murallas de Lugo vai ser Ánxel Fole que cando viña á cidade sumaba todo o seu caudal de coñecementos históricos e de ficción, sendo el mesmo o principal protagonista das súas historias e contos.
Tamén Álvaro Cunqueiro era un asiduo do Méndez Núñez cando viaxaba a Lugo. E alí nacería a amizade entre este escritor, que o recibiría de hóspede na súa casa de Mondoñedo xunto co seu compañeiro Novo-neyra. Así compartiron moitos xantares condimentados con boa literatura e o mellor humor. Outro contertulio, despois de saír da cadea, ía ser Ramón Piñeiro que lideraría co tempo un galeguismo culturalista que suporía un distanciamento do concepto e sentido de pobo que xa estaba latexando en Manuel María e ó que adicaría “A derradeira cantiga” na revista Xistral.
Tamén nestes anos coñece a Otero Pedrayo pero a súa relación máis amigable xurdiría despois.

1949: OS PRIMEIROS VERSOS NA REVISTA XISTRAL
Manuel María xa está a facer versos con moita ilusión e aventúrase nunha revista de poesía que Pimentel vai bautizar co nome de Xistral e no primeiro número xa abrollan os seus primeiros poemas. Só ía coñecer dous números nos que escribirían entre outros o mesmo Pimentel e Iglesia Alvariño.
Pero o seu primeiro libro foi Muiñeiro de brétemas (1950), cando o poeta só contaba con 19 anos e no que está a emerxer toda a forza e inestabilidade propias da súa primeira mocidade. Convertíase así no poeta máis novo que publicaba no noso idioma na posguerra. Foi Iglesia Alvariño o acicate para a publicación do poemario, o mesmo que o foi con outros poetas chairegos como Crecente Vega e Díaz Castro.
Soña con facer Filosofía, na que se matricula por libre no curso 1950-51, pero cando ten que entrar na Universidade, o seu tío obrígao a facer Dereito, o que suporía unha forte desazón e frustración para o poeta e o fracaso das súas ilusións universitarias. Mentres tanto ía confiando ós seus versos toda aquela situación desaborida e así foi compoñendo Morrendo a cada intre (1952).
Nestes anos tamén está a escribir relatos e contos cunha forte carga autobiográfica nos que Manuel vai liberándose dos golpes que están a feri-la súa mocidade, así en A luzada (1951) que é un raio de luz no medio da súa crise polo abandono dos estudios universitarios.
Outro suceso arrepiante non viría máis que a multiplicar aquela angustia: a morte por atropelo de automóbil do seu irmán máis novo, Xesús María, ós 13 anos de idade, e outro libro sería a testemuña daquela circunstancia traspasada pola dor do poeta: Libro de pregos (1953), que se mantivo reservado algún tempo na alcoba segreda e íntima do poeta, ata que foi premiado en Buenos Aires (1955) e publicado con algúns cambios oito anos despois contendo en si toda a forza crítica e de protesta contra unha relixiosidade alienante e que son unha resonancia dos salmos bíblicos.
Tamén no outro xénero literario ó que estaba a confiar o seu traxecto vital, no relato de “O testigo”, descóbrese a zozobra de Manuel María pola morte de Xesús, recollido despois en Contos en cuarto crecente e outras prosas (Lugo 1962).
Xa antes, neste clima existencialista e de crise relixiosa, escribirá Advento premiado polo Centro Galego de Buenos Aires e que se publicaría na mesma cidade arxentina (1954) e que é un trasunto do existencialismo que está a vivir sobre todo no terreo relixioso. Estes libros son os síntomas das crises de crecemento que en tódalas ordes da vida estaba a vivi-lo poeta e do seu carácter contestario ante a vida prosaica e a intolerancia de moitas formas relixiosas. E que desembocaría anos despois na serenidade e no gozo da vida da que abrollaría un temple e un talante de comunicación co Outro a través das criaturas ó xeito do tamén poeta Francisco de Asís.
Os chamados derradeiros interrogantes seguen a salpica-la narrativa desta altura da súa existencia: “A rosa” (Contos en cuarto crecente, 1952) e “Carta a unha árbore” e “Sermón pra lle decir a unha boneca” (Contos en cuarto crecente e outras prosas, 1962)...
Fai o servicio militar no campamento de Parga onde ten como compañeiro a Uxío Novoneyra. Son destinados a Compostela onde ámbolos dous poetas viven a fondo todo o pulso da cultura e da vida de Galicia. Fanse moi amigos do pintor Carlos Maside co que en longos paseos comparten toda a cultura deste creador que tamén os abre ós conceptos marxistas da sociedade.
Pero é no Café Español onde atopan o verdadeiro filón de todo o que estaba a acontecer no mundo cultural. Naquela tertulia comparten mesa e debate con Borobó, Bouza Brey, Ramón Lugrís, García Sabell, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo... Pero nestes anos de Santiago tamén coñecen a escritoras/es máis novos como Pura Vázquez, Pilar Vázquez Cuesta, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé LuÍs Franco Grande, Salvador García Bodaño...
Manuel María era coñecido nos centros culturais do país e xa se buscaba a súa palabra fluída e ateigada de contidos e emoción. Moi novo disertará no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo e cada vez son máis solicitados os seus recitais de poesía nestes anos 50: en Vigo, Betanzos, A Coruña...
En 1953 ou 54 é convidado polo director da Revista Alba, Ramón González Alegre, a colaborar naquela publicación. E na súa casa coñece a dous poetas dos máis novos: Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín co que mantería unha forte relación tamén política ata a escisión da UPG. Esta amizade intensificaríase cando estes dous exerceron o ensino no Colexio Fingoi de Lugo.

1954: O TERRA CHÁ
Despois de ofrecernos as rugosidades e fluctuacións dos seus relevos interiores en libros como Advento, Manuel María, que considera que tódolos temas humanos son obxecto da arte poética, encomeza unha nova cala na súa poesía.
Agora mergúllase naquela paisaxe e paisanaxe da Terra Chá que el tanto coñecía polo seu afán de viaxar e coñece-lo contorno. Desde Manuel María hai un antes e un despois na Terra Chá e un xa non sabe se non sería el quen a soñou e inventou na súa plenitude actual. Esta primeira edición da que se deu en chama-la “biblia” dos chairegos encartaba 55 poemas que se convertirían en 110 na quinta (1989).
Xa neste ano sofre dous procesos xudiciais por unhas coplas anónimas que apareceron en Outeiro. E no ano que gaña os Xogos Florais de Ourense e na súa estadía na cidade das Burgas coñece a Cuevillas, Antón Tovar, Vicente Risco. Son uns anos nos que participa neste tipo de certames: A Coruña (1960), a Mariña de Lugo (1965), Vilagarcía, Monforte, Guimaraes..., o que tamén supoñía un ingreso económico xa que a profesión endexamais lle resultou moi rendible.
Desde 1953 está a prepararse para o oficio de Procurador dos Tribunais e segue a escribir a cotío en varias publicacións. En 1957 acada o título profesional que lle permite instalarse para o exercicio do seu traballo e é aconsellado a situarse en Monforte de Lemos, da que foi nomeado “Fillo adoptivo” en 1987. Nos primeiros anos alterna a súa profesión co de dar clases en varias academias: Balmes, Galicia, Monforte...
O 9 de maio de 1959 casa con Saleta Goi García que coñecera en Lugo, natural de Reigosa da Pastoriza chairega, aínda que vivía naquela cidade. A casa do Manuel e da Saleta estaría sempre aberta para todos ofrecendo unha cálida acollida: Eduardo Blanco Amor, Bernardino Graña, Novoneyra, Ánxel Fole, Xavier Pousa, Gamallo Fierros...
Os seus amigos sempre sentirán unha atracción especial por compartir con eles algunha xornada, pero os que máis frecuentarían a súa casa nestes anos serían o mozo poeta Lois Diéguez, alumno do Manuel na academia, Arcadio López Casanova, os escritores chairegos Darío Xohán Cabana e Margarita Ledo Andión...
A onomástica do Manuel en Monforte, e agora na Coruña, e a celebración de Santa Isabel en Outeiro seguen a ser encontros arredor do poeta tódolos anos, alí están Paco Rodríguez, Fernán-Vello, Felipe Senén e outros.
Manuel e Saleta están a principiar unha longa historia de amor e compromiso coa que toda Galicia gañaría cotas de liberdade, pero que á vez os distanciaría dalgún galeguista que acusaba de demasiado social a súa poesía nun tempo no que só os poetas podían denuncia-lo asoballamento do pobo e revindica-lo respecto á súa historia e identidade. Así o poeta chairego só ve publicado en Galaxia un libro: Mar Maior (1963) e isto gracias ó empeño de Celso Emilio Ferreiro. Son poemas compostos durante varios anos: de amor, denuncia, dun intenso lirismo, algúns deles xa publicados no nº 14 da revista Alba.
A mediados dos 60 Galaxia da man de Piñeiro rexeita un dos seus contos máis longos: O xornaleiro e sete testemuñas máis que son unha denuncia da opresión que están a sufri-los galegos pola dictadura, a desigualdade social e a miseria económica e social na que viven... É unha narrativa de forte carga social na que se describe a vida indixente dos labregos, a corrupción do poder, o desleigamento de moitos veciños que renegan da súa orixe... Estes relatos verían a luz en Buenos Aires no ano 1971.
Manuel María acode ós concursos para ver publicados os seus libros e así os seus lectores que cada volta son máis numerosos teñen que facer un esforzo por poder atopar a súa obra editada en Montevideo, Buenos Aires, Xenebra, Portugal..., ou na editorial lucense da Celta onde publica Documentos personaes (1958), un libro que nace á vida cando o autor está a estrearse nunha profesión moi árida para a súa sensibilidade humana, o poemario é polo tanto outro berro de rebeldía fronte a unha vida que ás veces tórnase moi estreita e prosaica e que estoupa nuns versos moi críticos e satíricos onde xoga coa parodia e outros elementos da linguaxe xurídica.
Estamos a descubrir un novo filón da súa inmensa escrita, este último libro é como un documento dos problemas reais da sociedade, un anticipo do que ía coñecerse como literatura social. Estes versos zumegan todo o espírito do poeta por conciencia-lo pobo ancorado na marxinación; é unha nova liña na súa obra, totalmente nacionalista e que iría “in crescendo” en libros como Proba documental (1968) Versos pra un país de minifundios (1969), Remol (1970), Versos pra cantar en feiras e romaxes (1969), Kricói. Fanói e Don Lobonís (1973), Poemas pra construir unha patria (1977)...
Nunha época na que era imposible facer un discurso político completo, a poesía e a narrativa de Manuel María foron capaces de canaliza-las ansias de liberación e de compromiso político e social de moitas e moitos galegos.. Nestes poemarios e narracións o que lle interesa ó escritor é achegarse ó pobo para espertalo e aguilloalo.
Esta actitude radical ante a vida e de compromiso co pobo levouno a que o marxinasen en certos sectores culturais alleos á problemática real do país, por exemplo, algunha xente de Galaxia, polo que o poeta xunto co seu amigo Ánxel Johán deciden crea-la Editorial Xistral en Lugo no 1952. Máis tarde en Monforte, con Saleta, publicarían a colección Val de Lemos (1968). Na colección Xistral de poesía viron a luz “cadernos” de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez, Cabanillas, Miguel Carlos Vidal e Casado Nieto.
Tamén en 1970 Saleta e Manuel abren a Libraría Xistral que ía converterse nun centro cultural para toda a poboación, xa que moito máis ca unha tenda de venda, ía ser un punto de información e animación cultural do país e ata de tertulia para tódolos que querían toma-lo pulso da actualidade política, social, literaria e artística. Hai que salienta-la importancia que ámbolos dous exerceron neste local como animadores culturais: unindo vontades, aconsellando un libro ou unha peza de cerámica de Sargadelos e mesmo sentando na mesa a contertulios que están a deseñar algo novo para o país...
Desde moi novo pronuncia conferencias e recitais en Universidades e centros culturais. A un que dá en Compostela asisten entre outros Otero Pedrayo, Bouza Brey, Ramón Piñeiro, García Sabell... No tempo que estivo en Santiago tiña o costume de ir tomar café con Otero Pedrayo ó que ten visitado en moitas xornadas no seu pazo en Trasalba.

1964: NA VANGARDA NACIONALISTA
Manuel e Saleta volcáronse desde os seus comezos, alá por 1964, na vangarda política que significou o nacemento da UPG. Participan activamente na Fronte Cultural da ANPG, programando e animando campañas culturais que estaban a axudar a tomar conciencia da identidade de Galicia. Dous anos despois a loita concentrouse no Val de Castrelo de Miño en solidariedade cos labregos que sufriron o asolagamento das súas terras co encoro de Fenosa.
Foron anos de loita e persecución como cando son multados cada un deles con 300.000 pts., nunha manifestación anticelulosa en Quiroga ou cando é detido un 29 de xaneiro de 1977 sen ningunha explicación real.
En 1977 é cabeza de lista ó Senado por Lugo na lista do BN-PG e nas primeiras eleccións municipais, despois de remata-la dictadura, foi elixido concelleiro polo BNG nun contexto no que se atopa como cunha muralla infranqueable para o seu xeito normalizado de considera-la política local de Monforte. Foi unha das experiencias máis negativas para o poeta. Máis tarde viría a ruptura da UPG-liña proletaria liderada por Méndez Ferrín, pero Manuel e Saleta seguirían traballando na UPG. En 1999 o poeta xa asentado en A Coruña vai na lista do BNG ás eleccións europeas e que suporían a designación do primeiro deputado nacionalista no Parlamento de Estrasburgo; cómpre salienta-la contribución sociopolítica de Manuel María sobre os temas máis actuais, raiando sempre na lucidez, nos mítines nos que interveu activamente.
Nesta fervenza nacionalista xorde o movemento da Nova Canción Galega (1968) que é presentada polo Manuel no Cine Capitol de Santiago o día 1 de decembro. A comunicación entre o poeta e os membros desta vangarda musical xa tiña fondura abondo, acudiran a el para musica-las súas letras e o 30 de marzo contempláronse por primeira vez nos preludios do que ía se-lo primeiro recital en Lugo e que ía ser suspendido pola autoridade gobernativa.
No mes de maio do 67 tamén actuara Raimon no Estadio da Residencia de Santiago e chamara ó poeta chairego para que o presentase. Despois este devolveríalle a visita a Barcelona onde faría un relatorio sobre a poesía galega de posguerra e un recital de poesía no Centro Galego, o día 30 de marzo de 1968. É o momento no que EDIGSA aposta polo selo de Xistral e refuga o de Galaxia editando: Manuel María, poemas ditos coa súa voz.
O vate converteríase nun dos poetas máis cantados. Algúns dos seus libros xa nacían envoltos en música como Os soños na gaiola que gravaría en disco Suso Vaamonde. Ademais dos membros de “Voces Ceibes”, compositores como Fuxan os Ventos, María Manuela, O Carro, A Quenlla e outros, seguen a pór música á escrita de Manuel María.
Manuel María publica varios libros de literatura infantil, en verso e prosa. O primeiro foi Os soños na gaiola e despois: As ruas do vento ceibe (1979). Tamén neste xénero podemos salienta-la triloxía A tribo ten catro ríos (1991), Cando o mar foi polo río (1992) e Viaxes e vagancias de M.P. (1994) na que o “mestre versificador” de Manuel María, Paderna, percorre a súa tribo de Outeiro de Rei, a Chaira e as principais cidades de Galicia ensinándonos os segredos e persoeiros máis importantes, e que remata sendo unha mostra do coñecemento que este poeta ten de tódalas comarcas e case parroquias do país.
Nestes anos de pulo nacionalista, Manuel María multiplica toda a súa actividade, non só a literaria, tamén a de animador da creatividade do pobo.
Tamén viaxa varias veces a Portugal, Suíza, Catalunya, Euskadi, Bretaña, Madrid, Salamanca..., en instancias culturais e universidades, a palabra sempre quente e cordial de Manuel María, segue a rebordar esperanza nos novos e nos máis vellos. Dá conferencias en Holanda, Alemaña, Francia, Venezuela...
Diserta en varias universidades de Portugal e ten relación cos seus escritores desde Rodrigues Lapa ata Francisco José Velozo, entón Presidente da Sociedade da Língoa Portuguesa ou o Nóbel Saramago.
Despois dos escritos que o poeta considera de transición: Proba documental e Remol, o novo libro: Canciós do lusco ó fusco (1970) sería un dos máis traducidos (francés, holandés, bretón...) e tamén de plenitude na liña da literatura de denuncia cunha forte carga irónica.
Unha obra en prosa: O Xornaleiro e sete testemuñas máis gaña un premio no Centro Galego de Buenos Aires en 1970, no mesmo ano en que é nomeado correspondente da Real Academia Galega, que non acepta pola pouca sensibilidade desta institución para coas nosas letras.
No 1973 acada o Premio Abrente de Teatro coa obra O meu reino non é deste mundo, tamén coñecido como: A farsa de Bululú. Segue a publicar poesía como a deste ano: Aldraxe contra a xistra, Informe pra axudar a alcender unha cerilla e Laio e cramor pola Bretaña, todos eles na liña de seguir concienciando e mobilizando á xente sobre as teimas de Galicia, igual que en Cantos rodados pra alleados e colonizados (1976), O libro das baladas (1978), Cata-vento de neutrós domesticados e Poemas pra construir unha patria (1979).
Tódolos xéneros literarios son material para a súa arte estética e así en 1976 gaña o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica Galega. A súa narrativa que coñecería unha antoloxía en 1990, Os ontes do silencio, corre parella ó compromiso social da poética e destila un forte sabor lírico.
1977 supón un ano ponte entre os Poemas pra construir unha patria que é o libro máis definido na aposta nacionalista de Manuel María e Poemas ó Outono que marcan en parte unha nova etapa na súa poesía, o poeta dirixe unha ollada diferente sobre a súa vida..., que continúa no seu Libro de Baladas (1978).
1980: Poemas da labarada estremecida
O poeta mira para o pasado desde un novo prisma, é unha contemplación da vida desde a altura destes anos que axudan a coller perspectiva. Este poemario de amor é o reflexo de toda a paixón da relación cada día máis intensa de Saleta e Manuel. Neste libro descóbrese unha meirande preocupación pola forma dos versos que xa se viña insinuando nos poemarios nacidos desde 1977.
Segue mantendo unha comunicación moi intensa con case todo o mundo literario, por exemplo con Eduardo Blanco Amor cando volve de América, mesmo escenificándolle o seu Poema en catro tempos.
A súa obra non só electriza ós labregos, obreiros e mariñeiros..., tamén atrae ós emigrantes que o convidan ós centros galegos de Xenebra e Venezuela (1981). Pero Catalunya, onde estreita a amizade de Salvador Espriu, e Euskadi, que percorre da man de Gabriel Aresti, son os países que máis solicitan a súa presencia entre os emigrantes e nas súas Universidades, sen esquece-la Bretaña onde colabora co seu poeta Paol Keineg.
Nas súas viaxes a Francia non falla o ramo de flores para a tumba de Francis Jammes como cando foi a presenta-la traducción de Cancións do lusco ó fusco, un xesto emotivo que Manuel e Saleta multiplican a cotío nos cemiterios onde repousan os seus amigos.
Nestes anos hai tamén unha volta á súa infancia, á paisaxe das súas orixes, ós tempos primordiais da súa vida, a Outeiro, á Terra Chá..., que xermola en libros como a Escolma de poetas de Outeiro de Rei que é un percorrido ficticio a través da historia da literatura, dos distintos tratamentos que fai a poesía: trobadores, romanticismo, vangardas deste século, etc., do contorno máis inmediato ó poeta (1982). Este libro tamén tivo que pasa-lo seu “purgatorio” antes de poder ve-la luz porque o Concello de Outeiro non quixo editalo dando mostras da pouca dignidade coa que trataban a historia e a literatura da súa tribo, e o Ritual pra unha tribu capital de concello (1988).
Manuel sempre glosou os fitos históricos e tamén os personaxes imaxinarios da súa vila e un non sabe onde comeza a realidade e remata a ficción. Nesta liña imos lembra-lo seu “Discurso de ingreso nunha das reais academias galegas do numerario electo M.H.V”: Non podo pedir máis” publicado en Novo do Trinque (1997).
Pero toda Galicia foi converténdose na súa propia terra ou parroquia, non hai escritor que a patease tanto irrigándoa coa súa cultura e creatividade, máis de mil actos culturais en todo o país son unha mostra deste afán comunicador do poeta como se tivese a teima de devolver ó seu pobo o moito que del recibira. Unha das características da persoa de Manuel é a súa xenerosidade, sempre está disposto a acudir alí onde o precisan dun xeito desinteresado, a cambio de comparti-la súa sabedoría aínda que sexa só cun galego. É un obreiro da palabra pero sen soldada.
As súas viaxes tamén foron converténdose en libros, sobre todo os Versos do lume e do vaga-lume (1982) que son as súas camiñatas por Galicia. A luz ressuscitada (1984) onde fai fincapé nos itinerarios artísticos, porque Manuel é un dos mellores coñecedores da nosa arte, e en concreto da simboloxía románica e cristiá, non só das grandes catedrais senón tamén das máis pequenas ermidas, ten unha visión moi ampla do patrimonio artístico do noso país, non só froito da súa ampla cultura, tamén do seu afán por mergullarse en todo o universo que agocha o recanto máis reservado da nosa xeografía.
O camiño é unha nostalxa (1985) é a viaxe real e soñada que fixo e lle gustaría facer ó poeta e Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986) transmiten toda a imaxinación contida das viaxes de Manuel María e Saleta por Italia e Grecia onde o poeta enchoupouse aínda máis de toda a cultura clásica, sobre todo nunha das súas cidades preferidas, Florencia, á que tamén adicou un traballo no libro colectivo Caderno de viaxe.
As lúcidas lúas do outono (1988) son un reflexo da nostalxia e agradecemento con que está a experimenta-lo poeta todo o mundo que lle deron tanto a vida como os seus, nese outono ou madureza na que apousou con tanta melancolía. En 1991 publica o Compendio de orballos e incertezas que é un ramillete de todo o seu universo poético e ó ano seguinte Xermolos dá a coñece-las súas Panxoliñas que serviron ás veces a Manuel e a Saleta para felicita-lo Nadal ós amigos e tamén a varios colectivos para canta-los Reis e Nadais polas nosas rúas e corredoiras.
En 1993 publica o poemario A primavera de Venus que é outro punto no achegamento que fai o poeta á arte e á cultura clásicas desde as pinturas de Botticelli: “A Primavera” e “O Nacemento de Venus”, estes versos deitan todo o agarimo e entusiasmo que Manuel María sente por tódalas artes e tamén pola súa dona Saleta, xa que tamén neste libro despunta a presencia amorosa e permanente da súa muller na obra do autor.
Poemas a Compostela (1993), Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994), O Miño canle de luz e néboa (1996) que é o “Grande Poema ó Miño” tan metido no corazón de Manuel María, neste libro recolle os poemas adicados ó Pai Miño en libros anteriores e outros de nova factura xa que leva máis de corenta anos deleitándose á súa beira coa pluma na man.
Sonetos á Casa de Hortas (1997) son o eterno retorno ó seu mundo orixinal, ó seu paraíso que nun intre pensou perdido para sempre, pero que tamén deixara unha pegada de nostalxia na súa vida e por iso volve a el cos seus versos e despois coa súa presencia sempre puntual nas celebracións que seguen a enche-la súa casa natal. Xa en 1993 “Ediçoes do Tamega” de Amarante publicara 12 Sonetos á Casa de Hortas, pero esta é outra edición emendada e ampliada polo gozo do novo encontro do poeta coas súas raíces familiares.
Tamén deixa a súa pegada puntual en comarcas e vilas que lle son próximas: Versos frolecidos en louvanza de Foz (1967), Cantigueiro de Orcellón (1984), Sonetos ao val de Quiroga (1988), Cantigas e cantos de Pantón (1994).
A poesía de Manuel María tamén coñeceu varias antoloxías, as primeiras: a de Adonais (Madrid 1969), a intitulada Antología poética, e a bilingüe editada en Porto (1972): 99 poemas de Manuel María. Xa despois temos que salienta-la que organizou Camilo Gómez Torres, o máximo especialista e estudioso do poeta chairego, que aparece en 1979: Versos para 30 outonos, e as Antoloxía Poética, a de 1993 e a de 1997.
O poeta non refuga ningún xénero literario e escribe Barriga verde (1968), unha das obras máis representadas e que recolle un personaxe tradicional que estaba a perderse. O seu Abril de lume e ferro (1975) é representado tódolos anos ó aire libre en Carral facendo memoria dos Mártires de Carral de 1846, nunha recreación na que participan perto de 70 actores e actrices veciños do propio concello.
Desde 1957 publica varios “autos”, algúns en Portugal: o do taberneiro (1957), o do labrego (1961), o do mariñeiro (1961), o da costureira (1973), o do maio esmaiolado (1982), o da escola tradicional (1977), o do camiñante (1985), o do pescador de cana (1986)... Escenifica dramas históricos como a “Guerra Irmandiña” na súa obra: Unha vez foi o trebón, pero serían As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela un dos seus textos máis representados e traballados.
A Berenguela que é unha sátira contra a perda da liberdade pola opresión e o Auto do maio esmaiolado, que a través da festa popular salienta a dor dun pobo oprimido, foron traducidos ó éuscaro en 1985. En 1992 publica en dúas escollas de literatura: A lúa vai encoberta que é un achegamento a Galicia que vai da guerra civil ata hoxe e Auto do Castromil ou a revolución dos baúles no que fai memoria da Compostela de onte.
O teatro é xunto coa poesía un dos xéneros cos que máis goza Manuel María, pero contamos tamén cunha importante obra narrativa: Contos en cuarto crecente e outras prosas (1952) que foi o primeiro libro en prosa publicado por un mozo despois da guerra, Kricoi, Fanoi e Don Labonis (1973), dúas noveliñas publicadas en Grial: As augas van caudales e Os alugados (1966) e os relatos longos de O Xornaleiro e sete testemuñas máis, que rexeitou no seu día Galaxia. A súa obra narrativa foi editada de novo en dous libros: Os ontes do silencio (1990) que recolle todo menos as dúas noveliñas de Grial e O Xornaleiro publicado en Buenos Aires en 1971 e que veñen de ve-la luz en As ribeiras son escuras (1997).
A prosa de Manuel María como a súa poesía ofrece ó lector varias facianas e neste punto imos salienta-la súa Novena a Santa Isabel por un devoto de Outeiro de Rei e que é un sinal máis da súa teima pola recuperación de todo o patrimonio do país: literario, artístico, etnográfico, neste caso da relixiosidade popular.
Escribe ensaios sobre Bouza Brey, Celso Emilio Ferreiro, Gabriel Aresti, Raimon, Xosé Crecente Vega, a revista Alba, etc.
Pero é o xornalismo o capítulo máis importante en cantidade de toda a obra de Manuel María. Son centos de artigos espallados por moitas revistas e xornais galegos e de fóra. Desde os primeiros anos nos que escribía en El Ideal Gallego ou El Progreso ata o –desde hai varios anos– artigo semanal en El Correo Gallego. A súa atención esténdese a tódolos temas humanos mantendo sempre unha sensibilidade moi aguda con todo o referente ó patrimonio de Galicia. Desde revistas científicas e especializadas ata boletíns ou publicacións de colectivos culturais e sociais, todos saborearon algunha vez a pluma de Manuel María.
A súa colaboración en tódolos números de A Nosa Terra baixo o epígrafe de “Andando a Terra” foi obxecto dunha escolma que publicou a mesma editorial e que é unha mostra puntual de todo o abano de temas que ten tratado este escritor total.
Nunha escolla dos seus poemas que publicou o Boletín Galego de Literatura en maio de 1993: Os lonxes do solpor, Manuel María introdúceos cunha “autopoética” que recollemos agora: “cando servidor tiña vinte e poucos anos dicía que non sabía o que é a Poesía. Tamén afirmaba que a misión do poeta e da Poesía é agrandar o mundo, tódolos mundos. Cando tiña cincuenta e cinco anos intentou explicar o que é un poema. E saíronlle estes versos:
“Un poema é un ser vivo que anda
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, centila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e ternura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxere
mundos posibles e imposibles,
suda, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza. E nunca morre.

Agora, despois de tantos anos e de tantas voltas que deu a vida e a Poesía, un segue na mesma: sen saber. A única certeza que ten e á que se atén, repetida infinitude de veces, é a seguinte: un de si mesmo sabe que escribe versos. O que non sabe é se será ou non será poeta”.

ANOS DE RECOÑECEMENTO E HOMENAXES
En 1990 é agasallado co Premio “Celanova Casa dos Poetas”. En xuño de 1990 a Asociación Xermolos celebra os Primeiros Encontros na Terra Chá, unha cita no San Alberte que segue a ter lugar tódolos anos co obxectivo de estudia-la obra dun creador da comarca.
En maio de 1993 a Asociación Cultural Monte Branco adícalle a Festa das Letras Galegas en Ponteceso cun recital de poetas adicado ó vate da Terra Chá.
O 22 de maio de 1994 Manuel María é agasallado co “Pedrón de Ouro” na Casa Museo de Rosalía de Castro: “pola súa traxectoria de máis de corenta anos de dedicación e fidelidade, incluso precursora, a todo canto teña relación con Galicia, a súa cultura e a súa personalidade”.
Nos últimos anos Manuel María foi obxecto de varias homenaxes desde o tributado en Monforte con motivo da súa xubilación como Procurador dos Tribunais, o 14 de outubro de 1994, ata a festa que o xuntou unha vez máis ós escritores da cidade de Lugo en xaneiro de 1995 na que o agasallaron coa súa creatividade nuns “Papeis de Barba”.
O 15 de setembro de 1995 a Asociación Socio-Pedagóxica Galega faille unha “Homenaxe no Teatro Rosalía de Castro“ da Coruña na que participan os principais poetas e tamén varios dos grupos que musicaron algúns dos seus poemas. A continuación celebrouse unha cea artístico-literaria.
O derradeiro día de maio de 1997 a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza en Outeiro de Rei en homenaxe a Manuel María, a convocatoria de “O escritor na súa terra”, coa plantación dun carballo, a árbore do poeta, e o descubrimento dunha Pedra conmemorativa no Campo de Santa Isabel, así como a inauguración dunha rúa co nome do poeta na súa vila natal.
O nome de Manuel María queda inmortalizado para sempre en rúas de Lugo, Monforte, Outeiro de Rei, A Pobra do Caramiñal..., ou en casas da cultura como a de Foz. Desde hai varios anos unha Librería de Marín está a convoca-lo Premio de Poesía “Manuel María”.
Foron moitas as homenaxes tributadas a Manuel María, a súa nómina sería inacabable, pero como mostra queremos salientar algunha das derradeiras que gustaron moito ó poeta, o Premio Moncho Valcarce “Pola Promoción da Terra”, o 13 de marzo de 1999, e no mes de maio deste ano o Concello de Carral recoñeceulle cun premio o seu labor na representación anual da obra Abril de Lume e Ferro.
En 1999 os centros de ensino da Terra Chá, xunto con colectivos culturais e concellos, deciden celebrar tódolos anos, o 21 de marzo, o “Día das Letras Chairegas”. O primeiro vai ser no 2000 adicado ó “Poeta da Terra Chá”. O mesmo ano no que Xermolos coa teima de unir vontades, coordina ás administracións, sobre todo ós concellos chairegos, ás asociacións culturais, colexios, creadores literarios e plásticos, artesáns, etc., para tirar adiante coa Fundación “Manuel María da Terra Chá”, non só para investigar e velar polo patrimonio literario do poeta, senón tamén para estudiar toda a realidade deste universo que é a comarca chairega.

1998: A VOLTA Á CORUÑA
Desde neno Manuel María sentiu unha forte atracción por esta cidade, tan liberal e tan galeguista, por iso retornar e establecerse nela foi como unha volta a aqueles veráns da súa infancia cando viña a ela coa súa nai. O poeta arribou outra vez a ela na busca de máis luz que é a que define o perfil desta poboación.

No seu corazón sempre viaxou o sorriso desta cidade: “A Cruña rí encristalada”, escribiu en 1970. A palabra quente e iluminadora deste home bo e xeneroso enxergou unha nova xeira nesta cidade; como nos tempos da “Cova Céltica” ou das Irmandades da Fala. O seu verbo fluído e creativo abríu novos espacios e tempos na antiga Brigantium.
Os seus últimos anos caracterizáronse por un traballo intenso, nunca traballou tantono que a el lle gustabaa, e poucas veces estivo tan identificado coa mocidade na primeira liña das súas arelas e manifestacións, por iso ata o fin dos seus días nesta vida seguiu en pé aquel diagnóstico de Manuel Veiga sobre os tempos da dictadura cando “moita mocidade ilusionada agarrouse a el como a unha póla gallarda e firme da que prenderse, cando tantas outras estaban inutilizadas pola voraz carcoma do franquismo” (A Nosa Terra, 14-IX-95).
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES