San Martiño, Fito no Camino
Fernández, Suso - viernes, 09 de abril de 2010
O pasado domingo, día 4 de abril, chegou á basílica de San Martiño un grupo de camiñantes que de xeito alegórico encetaban a que se divulga como posible desviación hacia a vella catedral do traxecto trazado oficialmente como percorrido na nosa bisbarra no Camino Norte que leva a Compostela: os andaríns, desta vez, procedían de Mondoñedo. Chegados a Ribadeo os peregrinos teñen duas opcións: seguir polo interior cara a Mondoñedo, o trazado recoñecido oficialmente, ou ben tomar a ruta pola beiramar para, dende a Espiñeira, chegar ás portas do histórico cenobio focego. Ninguén dubida do atractivo que para o viandante ten a posibilidade de marchar mesmo pegadiño ás fermosas praias do litoral mariñao, ó longo do que existen numerosos servicios hosteleiros e de todo tipo para atender os posibles imprevistos que podan xurdir no decorrer da súa andaina.
Por outra parte é evidente que informar ós camiñantes do doado que é plantarse, con unha mínima desviación marítima, na histórica e singular xoia do pre-románico galego, do que é exemprar único, equivale a enriquecer o propio Camiño, feito que sen dubida os visitantes, maioritariamente, serán quen de valorar, pois poderán disfrutar, acaso para a súa sorpresa, da contemplación daquelas vellas pedras das que Cunqueiro dixera que paracen labradas por mans imposibles, pois faise verdade a frase de Ruskin según a cal nas catedrais os anxos poñían a súa man nunha voluta ou nun capitel para expresar dun modo admirable algún misterio. Quizais aquí -engade o ilustre escritor- anxos cantores diron leccións ós que labraron iste templo.
É sabido que San Martiño foi, en tempos, paso de peregrinos e que contaba con hospital para a atención dos mesmos: vellos documentos existen nos que, con nomes e apelidos, figura relación de camiñantes extranxeiros que aquí morreron e foron soterrados.
Botando man destes, e doutros precedentes históricos, a asociación Abrindo Camiño, botou sobre o lombo o traballo de reivindicar e potenciar a actualización da primitiva catedral mindoniense como un dos fitos mais interesantes do Camiño Norte.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora