A Estrada: En defensa da terra
X.X. - martes, 02 de marzo de 2004
Coidabamos que eran noticias de tempos pasados, pero a modernidade tarda en entrar en nós, ou ó mellor o tema non ten nada que ver coa modernidade.
Ocorreu na Estrada, en terras pontevedresas, onde José Rodríguez e Olga, súa nai, armados cunha eixada e unha machada defenderon as súas terras, afectadas pola Concentración Parcelaria.
As nosas xentes teñen un apego tal ó terruño que a terra é moito máis que o soporte físico dunha explotación... Forma parte do espíritu que anima á persoa e á comunidade familiar.
Por eso, novas coma esta, que nos parecen extrañas a este lugar e a este tempo, non son máis que a mostra de que por moito que nos modernicemos, que se industrialicen as nosas explotacións familiares sempre quedará un sustrato que aflora no momento menos pensado; un vencello coa terra auténticamente humano e osmótico que fai que alguén defenda con unllas e dentes, coa propia vida, o que considera parte da súa vida.
A defensa da terra en casos coma este pode estar fóra do tempo, da lei e da razón, pero é do máis humano, do máis natural, do máis real, nunha terra tan humana e nunha xente tan pegada á terra que é terra ela mesma.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora