Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O triunfo de Obama

lunes, 05 de abril de 2010
Se vostede é diabético nos EEUU vaino ter difícil para conseguir un seguro sanitario: esta ­doenza aumenta a posibilidade de complicacións e as compañías porán mil trabas para contratar unha póliza. Se vostede é pobre e ten unha insuficiencia renal crónica o máis probable é que non poida acceder á diálise e moito menos a un trasplante de ril. Pero aínda hai máis: se vostede perde o traballo o máis certo é que quede sen cobertura sanitaria xunto coa súa familia, desprotexidos todos ante os problemas de saúde. Arredor de 45 millóns de norteamericanos non dispoñen de cobertura sanitaria. A aparición dunha doenza representa un quebranto definitivo para a vida e a economía destas persoas, que poden chegar á ruína por facerlle fronte. Resulta triste e sorprendente que o país máis rico e poderoso do mundo non dispoña de mecanismos eficaces para ter protexidos os seus cidadáns fronte á dor e á enfermidade, algo que na maioría dos países de Europa consideramos coma un dereito.
Por iso a reforma sanitaria que o pasado 21 de marzo aprobou a Cámara de Representantes será, posiblemente, o maior triunfo da política interior do presidente Obama, pois garante (no horizonte do 2014) a cobertura sanitaria para uns 30 millóns de americanos. Quedarán aínda sen protección 15 millóns de persoas, na súa grande maioría inmigrantes irregulares. "Hoxe, case un século despois do primeiro intento; hoxe, despois dun ano de debate; hoxe, despois de cadrar todas as votacións; hoxe, a reforma do seguro de saúde convértese en lei nos EEUU", dixo exultante Obama tras acadar o acordo. O seu vicepresidente, Joe Biden, foi aínda máis expresivo: "Fucking big". A pesar da campaña do medo impulsada pola dereita republicana, que chegou a identificar a Obama con Hitler no seu intento de frear a reforma, o triunfo de Obama é incuestionable.
Según a OCDE o gasto sanitario como porcentaxe do PIB para EEUU é do 16%, mentres que o de España é de 8,5%. Os indicadores de saúde sitúan aos Estados Unidos­ ­nunha mala posición, máis España está entre os dez países con mellores índices. Debemos concluír, polo tanto, que o modelo liberal en sanidade non é eficiente, xa que EEUU é o país que emprega unha maior porcentaxe do PIB en servizos sanitarios e acada uns resultados escandalosamente pobres, situándose entre os do Terceiro Mundo.
Somos afortunados. En materia sanitaria representamos un exemplo para EEUU. Temos unha sanidade pública eficiente, de cobertura universal e atención gratuíta, e cunha calidade incuestionable. Cómpre defendela fronte ás políticas neoliberais (Madrid, Valencia, Galicia) que só pretenden crear espazos de negocio cos orzamentos públicos.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES