Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Friol

miércoles, 31 de marzo de 2010
Friol Afirmouno con gracia a miña amiga, Visita Castiñeira, de Xiá: “...Home, home, aínda que neste mes de marzo o tempo non ten ningunha formalidade, mañá, domingo, fará bo, que é a festa do Queixo de Friol”. Efectivamente, pola banda da comarca de Lugo e do Concello de Friol, non houbo choiva nin engallou o frío. Que si, que o domingo, 21 de marzo, púxose incluso morno. Logo, Visita estaba chea de razón. Presentouse un domingo guapo e anceioso e o meu corpo pediume Friol.
Aínda que estivera un domingo de auga pechada era indispensable ir a Friol, que a festa-feira do queixo e pan de Ousá, como todos os anos, prometía.
E daquela, arranquei cara Friol, que está, coma quen di, ao pé de Lugo, con unha comunicación que a min se me fai especialmente xeitosa.
Neste concello de 32 parroquias, de cruceiros, de muíños singulares, do Camiño Norte, da Torre, do Narla, do ouro branco, do románico, das cantigas moi feitas e das fermosísimas lendas, hai moitísimo que ollar e que desfrutar. Non é preciso, pois, ter un pretexto para ir a Friol. Pero, claro, celebrándose a XVIII edición da Feira do Queixo e do Pan de Ousá, o corpo só me pedía ir a somerxerse na grande romaría galega e universal. Unha auténtica manifestación popular, que nin sequera Antonio Muíña, alcalde tesoneiro, creador e dinamizador do invento, imaxinou que acadase tanta soa, renome e tan fondas raíces. A matería existía: “o queixo de Friol e o pan de Ousᔠsó facía falta sentido de organización e pór os cinco por diante sen ningún paso para atrás. E así andou e anda Antonio Muíña, ata conseguir que esta grande feira e festa abrira un pulo excepcional dentro das sobranceiras manifestacións e exaltacións dos produtos galegos. Feira e festa orgaizada con aparente sinxeleza. Polo tanto, de moito labor. Outro mérito que lle hai que recoñecer.
Unha vez chegado a Friol, o auto quedou a tres quilómetros do recinto feiral, na Praza Rosalía de Castro, e quedou a tal distancia coma case todos os que abeiramos máis aló das 10 da mañá. Pero foi un pracer andar, falar, saudar e mirar o ateigo de tantísimo persoal, de queixos, de pan e de todo.
Un gusto mirar as vereas do Narla, a ponte de pedra e o rebumbio da festa. E sentir o arrecendo do pan, do queixo, do polbo e das humanidades.
Persoas das catro provincias de Galicia xuntas nun só ramo: o de Friol.
Baixo cuberto, o queixo de Friol e o pan de Ousá. Ousá, que é parte de Friol, pero que ten pan coa súa denominación propia e popular dende tempo inmemorial.
E o queixo, preciado tesouro de Friol, exposto sen nome, no seu redondo saboroso, con eminente e persoal carné de identidade: por parroquias, por casas; por persoas. A sabedoría collida dende tempos remotos estaba alí, envolvida no branco ou dourado queixo de Friol: da Casa Modesto, de Guldriz; da Casa de Faustino, de Madelos, en Condes; da Casa de Prieto, de Folgar, en Xiá; da Casa de Modia, de Santalla de Madelos... da queixeiría da Casa Pacita, en fin, queixo da casa, de confianza, con todas as garantías sanitarias e co amor artesán e a sabencia de noites transmitidas. Cada unidade igual, pero distinta; cada queixo, cada xoia, cada marabilla co seu nome e cos seus dous apelidos, baixo o concreto da Casa onde foi elabourado e a pertenza da parroquia. Así era e así é. Parroquias, aldeas; casas. Denominación sen enganos.
¡Que máis se pode esixir!. O queixo de Friol ateiga calidade e sabor propio. Queixo co seu ser de particular e inimitable. Unha herdanza de xeración en xeración. Alí estaba todo o saber da atesourada artesanía nos circunferenciados queixos de Friol, peculiares e personais, manxares exquisitos, unha riqueza rescatada por mor da feira e da festa do queixo.
¿E que tal estará esta peza, señora?
Ai, mire vostede, cada queixo ten a súa. O seu aquel; a súa traza de sabor.
Sábese que saben todos a Friol, son da mesma raza, como as xentes, pero cada un, como as persoas, teñen o seu ser. Mire, eu chámome - siñala o carteliño fixado á lapela da súa chaqueta- María Xosé Martínez, e sonlle da Casa de Modesto, de Guldriz. E os queixos, tamén. ¡E máis nada que dicirlle!
E xa é moito, señora. Deme media ducia.
Teña, e que lle presten.
Prestarán, seguro. Quede con Deus.
Él vaia con vostede. Grazas
E o home foise con seis queixos de Friol acinturados nun pano branco, metidos nunha bolsa cun letreiro que rezaba: “Concello de Friol, XVIII Feira do Queixo e pan de Ousá”. O home comprador chámase Enrique e é da parte de Carral, provincia de A Coruña.
Como non só era feira, que tamén era festa, estaba propio o día para o falar, para o lecer vagaroso, para os recordos e para a inquisición amigosa.
Atopas con Maruxa, da Casa de Xosé de Outeiro, de Xiá; con Paco, da Casa Penas, da mesma parroquia (Paco o do San Francisco). Fálase da vida, de cómo andan os tempos; de cousas. E preguntas polos da Casa de Victoriano, de Vilariño, en Trasmonte; pola taberna da Casa Manolo, en Roimil; queres un saber do que foi dos da Casa Rebolo, en Seixón; que tal están os da Casa do Zoqueiro, de Recarei, en San Cibrao da Pregación... E asuntos así, un parladoiro agradable, cordial, sen malicia e sen falar mal de ninguén.
Aproveitemos, que ¡a saber, de hoxe en cen anos!.
A charanga de Neda interpreta a peza de “O Galo”. Aquelo de: “...o galo subeee, etc...”. A de Vilalba, un pasodobre estirado, e a Banda das Angustias, de Ferrol, un pasa rúas solemnísimo. Está ben.
Cando menos se pense formase unha Banda de Música en Friol.
Eu non digo nada, que todo pode facerse realidade se o alcalde, Antonio Muíña, se pon á teima.
Falo con Emilio e a súa dona, a señora Rosa, e cos seus fillos e netos, todos de Brates, Boimorto. Rosa quería saber todo o que podía, de todo aquelo que lle chamaba a atención, e eu tentaba sair do paso a palabras brincadas.
Oiches, e quen é ise de media barba?
O alcalde de Friol.
E ise mociño con cara de boa persoa?
O alcalde de Cospeito, señora Rosa.
E ise outro de gafiñas, barbado?
Tamén é alcalde, pero de Abadín.
Ai, mira, mira, e aquel outro?
Non llo sei, pero aquel outro débelle de ser o conselleiro do Medio Rural, que non
sei como se chama, Rosa. Pero se quere pregunto.
Pregunta, pregunta; deberías sabelo de memoria -replica algo enfurruxada-
(Despois de preguntar, díxenlle).
Pois, mire, Rosa, chámase Samuel Jesús Juárez Casado, naceu na Bañeza, León. ¡Que lle parece!.
Moi goapísimo. E cóntame, quen é ise de alí, que se me fai tan recoñecido?
Foi alcalde Vilalba; é parlamentario, chámase Agustín Baamonde.
Paréceme ben falado -contestou a señora Rosa, case admirada-.
Fala ben, fala; por certo. É avogado.
E aquel de gafitas, que entrepecha os ollos?
Chámase Xosé Luis Barreiro...
¡Xesús! ¡Alabado! -exclamou a señora Rosa-.
Perdoe, Rosa, trabuqueime de nome. É Xosé Manuel Barreiro, naceu por aló, polas Saamasas, de Lugo; foi conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia. É catedrático de económicas. Anda na política.
E así estivemos case media hora, con preguntas e respostas que ían saíndo
segundo os meus coñecementos e memoria.
Ai, mira isa moza. ¿Quen é isa altísima señora?
Representa ao presidente de Galicia, Rosa. Chámase Raquel; elle da Casa Arias,
da parroquia de Proendos, no Concello do Sober.
Pois si que o representa ben ¡abofé!.
Polo visto, si; señora Rosa.
Non é que a señora Rosa, de Brates, quedase marabillada dos meus saberes, pero polo menos non fiquei coma un aparvado de todo.
Quería saber o todo, do un polo un, e eu funlle anunciando coma mellor puiden e souben. Ata que chegou o tempo do almorzo. ¡Menos mal!
Na Polbería de Roberto, de Aurora, estaba Benvido, de Reigosa, A Pastoriza, que soltaba co seu acordeón unhas solfas moi apasodobradas.
Sentamos no Bar da Montera da Costa, de San Vicente de Coeo (Lugo) axenciamos unha ración de polbo quente, magnificamente adobiado polo persoal de Aurora, media peza de pan de Ousá, por persoa, e viño da casa. Pagamos a escote. Sete euros e cincuenta céntimos, por cabeza. ¡Que máis e mellor se pode pedir!.
Como unha das netas de Rosa quería ir de baile a Órdes, nin tomamos café xuntos. Emprazamonos para a festa de San Cristovo de Mesía, ou para outro día, en Brates, se nos cadra a todos ben.
Despedidas, parabéns e desexos mútuos de saúde e sorte.
Cada quen colle o seu camiño e o seu andar. Cada cal co seu queixo de Friol e a súa peza de Pan de Ousá (que tamén é de Friol, que quede nídio e sen volta algunha)
Ó ir índome quixen entrar no Bar Friol, pero non houbo caso, que estaba a rebentar. Deixeille a Luis saúdos de silencio na porta; saúdos para outro día.
Baixei a costa, pasei a ponte e ollei a largacía verea do Narla, que se perde máis aló da praia do río.
O café tivo que ter lugar no Bar do Cuartel Vello, que alí fíxose un sitio de milagro. O café estaba moi bo: 90 céntimos. Por alí andaba Arturo Pereiro, alcalde que foi de Castro de Rei. Non lle falei porque había que andar puxando e a berros.
Total, un extraordinario domingo en Friol por 8 euros e 40 céntimos.
E queixo de Friol e Pan de Ousá (de Friol). O prezo destas tesourías non fan conta xa que, ó ter tantas bondades, non teñen prezo.
Quedan días para soñar ao celme do queixo de Friol: Portasueiro e As Casas da Feira, de Cotá; Argá de Arriba, A Pena do Muíño, de Carlín; O Curral dos Mateos, Paredes, Portolamas, de Anafreita; A Vila Grande e A Vila Pequena, de Madelos; Seixalbo e A Boleta, de Guldriz; Meigonte e O Abrigueiro, de Guimarei; O Curral da Fonte e Portocarros, de Miraz; Cela e Sucampo, en Seixón; Tralacorda, A Escaravella e Mundín, en Seoane da Pregación; Rocha; A Fonte do Can, A Hedreira, Foxaco, Quintía, en San Martiño de Condes; A Penagaiteira, O Bullo, Buxán, en Roimil; Barallobre, O Maxadoiro, As Penelas, na de Carballo; Vilariño, na de Trasmonte; A Casa dos Galiñeiros, en Lea; O Burgo de Negral, Vilacarpide, O Paraño, en O Pacio; O Salgueiro, Casbarreiro, en Ramelle; A Cafúa e San Martiño, en Bra; Pedramaior, O Cango; en Silvela; A Mámoa, As Carpaceiras, O Vilar, en Ousá; Nodar, Arxeríz, Lamas, Narla, Prado, Serén, San Cibrao, Devesa, Vilafiz, Vilalvite, Xiá...
Hai que parar o pensamento, ata outra volta cumprida e vagarosa, e deixar outros días para ir mirar como pasa o Río Pequeno, cabo do Recanto de Lecer de Seixón, e como está de airoso, se é que está, o Cruceiro do Prado da Fonte e o Muíño de Cobas, se é que o tempo e as silvas deixan achegarse.
Friol, ademais do queixo e do pan, ten grandes tesourías que hai que descubrir vagareando polas súas 32 parroquias.
Friol, é para perderse e reatoparse, para mergullarse no extraordinario, no senlleiro; para vigorarse e quedar dunha peza ao admirar unha terra con trinta e dúas parroquiales marabillas.
E a vila: Friol, un corazón musculado, co Narla que baixa e coa Torre de pedra fundíndose nun ceo que se me debuxa feito de queixos e pan.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES