Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Política e realidade social

lunes, 29 de marzo de 2010
Ámbalas dúas adoitan seren antagónicas cando falamos, por exemplo, sobre asuntos relativos á política autonómica ou nacional (poñamos por caso o manido estatuto catalán, o problema do galego ou as perogrulladas impositivas que anda a matinar Rodríguez Zapatero) para dicirmos que mentres unha vai cara Fisterra a outra tira cara o Mediterráneo de Serrat.

Ora ben, para desgracia do cidadán, esta cuestión que tanto dano lle fai ó creto dos políticos e ó prestixio social da política en xeral, non é, nin moito menos, exclusiva da política autonómica ou nacional, senón que tamén adoitan seren víctimas dela os políticos locais -é dicir, alcaldes e alcaldesas-, cousa que vou tratar de demostrar empiricamente ó fío dunha revista que caeu onte nas miñas mans.

Por cuestións que non veñen a conto, pero que teñen moito que ver con desavinzas político-persoais entre ela e o presidente da Mancomunidade, hai uns anos que a alcaldesa da Bola decidiu por decreto (coma se esas cousas se puideran decretar) que o Concello da Bola deixaba de formar parte das Terras de Celanova. Daquelas mesmas terras que hai máis de mil anos se chamaban “do Vilar” e que mandou repoboar Rosendo Guterres cando decidiu fundar o cenobio que aínda hoxe nos serve a todos de alicerce sociocultural.

Pois ben, para explicar o que xa a alcaldesa sabe (é dicir, que a realidade social afortunadamente non é quen de mudala un decreto) direille, querido lector, que onte mesmo atopei na barra dun bar unha revista da “VI subida ó Furriolo” e ó empezala a refollar detectei unha contundente evidencia económico-social: Que todo o apoio publicitario está sostido en establecementos comerciais de Celanova.

Entón púxenme a contar e o resultado foi o seguinte: Dos 95 anuncios inseridos, un era de Allariz, outro de Cartelle, dous de Ramirás e outros tantos de Verea, seis de Ourense, sete de Bande, 15 da Bola e ¡61! de Celanova.

¡Pero, non quedaramos, querida Teresa, en que a Bola xa non tiña nada que ver con Celanova!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES