E-Receita
Vaamonde, Pablo - viernes, 26 de marzo de 2010
A receita electrónica, da que se ven falando desde hai décadas, xa está en funcionamento en gran parte de Galicia. Na cidade donde vivo e traballo, A Coruña, xa a utilizan o 80 % dos usuarios da sanidade pública.
O proceso é ben sinxelo: o médico de familia realiza a prescripción no ordenador da consulta e fixa, no caso de que se trate dun tratamento a longo prazo, o límite temporal do tratamento indicado. Por medio da intranet do Sergas, con todas as garantías de seguridade e confidencialidade, a prescripción chega ás oficinas de farmacia. O paciente identifícase coa súa tarxeta en calquera farmacia, onde se fai a dispensación sucesiva dos medicamentos sen que sexa preciso acudir á consulta para renovar a receita ata a data sinalada polo médico.
Este procedemento beneficia a todos: á poboación, aos médicos e, tamén, ao Sergas. Os usuarios, e sobre todo os doentes crónicos, evitarán as numerosas visitas que antes se precisaban só para renovar a medicación. Os médicos vemos reducida parcialmente a carga burocrática no noso traballo e a frecuentación por motivos non asistenciais. O Sergas consegue un control exhaustivo do proceso de prescripción e dispensación co que, se todos os actores do mesmo (médicos, farmacéuticos e usuarios) actuamos con lealdade e eficiencia, poderase conseguir unha maior calidade na prescripción e mesmo unha reducción no gasto farmacéutico.
A receita electrónica é a parte visible dun proxecto máis global, o programa Ianus, que inclúe, ademáis da e-receita, a historia clínica informática (compartida por Atención Primaria e Especializada), o acceso a probas de imaxe e resultados analíticos e a teleconsulta. Todo isto non existía en 2005. Foi o goberno bipartito o que impulsou con firmeza este proxecto, que pon á sanidade galega na modernidade e mesmo por diante doutras comunidades.
O proceso de implantación foi moi laborioso. Houbo que dotar de ordenadores a todos os Centros de Saúde de Galicia e foi preciso vencer as fortes resistencias ao cambio que presentaron no seu día algúns médicos, os colexios de farmacéuticos e mesmo os auxiliares de farmacia. Centos de persoas traballaron en decenas de comisións para solventar as numerosas dificultades técnicas ata conseguir unha ferramenta que presta un enorme servizo ao médico (axuda na toma de decisións clínicas) e mellora a calidade da atención aos usuarios. Máis este proxecto, que se fai agora visible, hai que agradecerllo a María José Rubio e o seu equipo.

Vaamonde, Pablo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora