Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dez anos xa!

viernes, 26 de marzo de 2010
Vanse cumprir dez anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, do momento no que a Muralla quedou marcada co dedo da fortuna como elemento senlleiro non só de Lugo ou de Galicia, senón de todo o mundo.

Daquela expectación ilusionada previa ó nomeamento da Muralla pasouse á alegría explosiva pola designación, e todos -autoridades e público lucense- pensamos que todo estaba consumado, que chegaramos onde pretendíamos, e todo se nos ía dar polo feito de que a Muralla era xa Patrimonio da Humanidade.

Pero non se efectuou unha asunción plena por parte de todos, autoridades e público lucense, incluidos os medios informativos, os empresarios, as asociacións destes, e todos os poderes que na cidade hai -non só as institucións políticas- que se xuntaran para explotar económica e socialmente esa mina de ouro que temos no noso primeiro monumento.

Temos dito aquí, coido que máis dunha vez, que o día en que se poñan de acordo o Alcalde, o Presidente da Deputación, o Conselleiro de Cultura e algúns persoeiros máis, representantes de institucións, grupos de poder ou influencia e colectivos lucenses, teremos feito algo grande a prol da cidade e a prol do monumento. Mentras tanto, todo serán parches, bolsas de auga quente, pequenas accións que se agotan antes de consolidarse.

Lévase dito moitísimas veces que é preciso que Lugo conte, capital e provincia, cun Patronato de Turismo, ou calquera outra fórmula, que asuma as tarefas propias dun ente de promoción de todos os recursos turísticos, nos que o primeiro está chamado a ser a Muralla de Lugo. Pero por falta de sintonía entre institucións resulta que quen promove o patronato é a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación, que ten que ter un papel importante na promoción provincial pero non parece corresponderlle unha función así habendo un goberno local, un goberno provincial e un goberno autonómico, cos seus respectivos concelleiro de turismo, deputado de turismo e conselleiro de turismo. En cambio, ten que vir a Cámara de Comercio, a marcarlles ás institucións cal é o camiño a seguir cando se trata ademáis dunha entidade discutida por ser de afiliación oficial, con cuotas obrigatorias cando hai outras tan activas que se manteñen coas cuotas voluntarias dos seus asociados.

O patronato de Turismo está en marcha, e de boa fé téñense incorporado representantes de institucións que anceian que Lugo teña un órgano de xestión do turismo, a fin de contas veña de onde veña, pero que nunca poderá funcionar axeitadamente sen o concurso decidido do Concello de Lugo, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.

En tanto, camiñamos de cara á celebración do noveno aniversario da declaración da Muralla con pouca bagaxe, sen aproveitar que estamos nun ano Xacobeo, co Concello empeñado en celebrar algún que outro concerto musical en solitario como se só a esta Institución lle correspondese o monumento que é propiedade de todos os lucenses, ostentando a súa titularidade a Xunta de Galicia.

En fin, que dez anos despois, a Muralla de Lugo, ben, gracias. Porque é romana, e está acostumbrada a aguantar o que lle boten; está afeita a agardar e ver como a vida pasa ó seu lado. E dentro de moitos anos seguirá agardando, que ó ser de pedra a súa paciencia é infinita e non hai escala humana para medila.

Pero que ninguén pense que se está facendo abondo para impulsala. Estase, sí, cuidando para que permaneza, limpiándoa, estudiándoa, restaurándoa... E esto é verdadeiramente importante porque é garantía de que as xeracións que virán despois de nós van poder disfrutala, e posiblemente saberán que facer con ela moito mellor ca nós.

E aí está, erguida, airosa, agardando por alguén que queira pasar á historia como a primeira persoa con responsabilidade e poder que impulsou ó lugar que lle corresponde á Muralla romana de Lugo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES