Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lingua, ideoloxías e razón práctica

lunes, 22 de marzo de 2010
Dun tempo a esta parte, no escenario dos medios de comunicación galegos e estatais, aparece a lingua galega como unha cuestión con diferentes decorados ideolóxicos. Mentres que outras persoas e grupos sociais, con menos carga ideolóxica, buscan una racionalidade científica e práctica tanto no eido dos principios abstractos como nos detalles e matices da organización e contidos do sistema educativo de Galicia.

Todo este movemento mediático e social xurde a raíz do “novo modelo educativo” exposto polo actual goberno galego que encomezou pola enquisa as familias e seguiu coas “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario”. Viñeron logo as diversas reaccións dos partidos, dos sindicatos, das institucións culturais e dunha infinidade de grupos sociais de Galicia.

A primeira sorpresa é que os voceiros mediáticos dos partidos pregoan consignas contraditorias. Uns din que o modelo educativo “non debe politizarse”, outros proclaman que descubriron “o plurilingüismo equilibrado”, e outros slogans varios que sinalan as disonancias dos políticos en liza. Isto leva, con razón ou sen ela, o descrédito das ideoloxías e das praxes políticas, percibidas por unha ampla masa social como un urdido de comenencias escamoteadas e moitas veces truculentas. Deste xeito estamos camiñando cara un perigoso divorcio entre ideoloxías e razón científica, razón teórica e practica.

Se reconstruímos a memoria do Parlamento galego durante os 29 anos de vixencia do Estatuto de Autonomía, xúrdenos unha impresión estraña: ese epicentro de decisións produciu consensos, leis e decretos, tal como a Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade en 2004. Non obstante, resulta incrible que a estas alturas nos encontremos sen un modelo educativo consolidado e estable, sen consensos en contidos e pormenores imprescindibles. Esta situación relembra a clásica estratexia dos políticos que acordan leis abstractas, mais logo cada goberno alternante redacta o seu decreto con modelo organizativo e detalles propios da súa ideoloxía. Este xogo xa non convence nin funciona. A democracia mediática descobre sen miramentos estas argucias. Na democracia televisada os parlamentos, se queren ser cribles, teñen que ser un obradoiro de diálogos respectuosos e consensos leais tanto sobre os principios como sobre os contidos e pormenores necesarios. Isto soa a regulamento entreitizo, mais, neste intre, é o vieiro para saír deste círculo vicioso de tombos e recomezos.

Neste reducido espazo non é posible analizar en detalle a lexislación autonómica acumulada nin as múltiples valoracións das “Bases do plurilingüismo” publicadas polo actual goberno galego. Debemos, non obstante, ter en conta os ditames da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega que oficialmente son os vixías responsables do tesouro da lingua propia.

A situación da lingua galega é aproximadamente esta: determinados estratos da poboación urbana só fala castelán tanto no ámbito da vida pública como da privada, aínda que entenden o galego. A inmensa maioría da xente do medio rural fala galego, con variantes peculiares, entende o castelán pero cústalle expresarse nesa lingua. Este panorama dificulta a racionalización teórica-práctica das solucións concretas. pero o transfundo problemático é a diglosia lingüística e social, e dicir, a valoración desigual e excluínte de determinados espazos e estratos sociais. Para entender esa dinámica hai analizar as actitudes e comportamentos da masa galegofalante, que deféndese e adáptase sen misteriosas autoxenreiras. Cómpre tamén inquirir sobre as ambigüidades, as valoracións e hábitos lingüísticos das minorías dirixentes en tódolos eidos: política, cultura mediática, comercio, relixión, sindicatos, institucións públicas, etc. A sociedade galega ten que achaiar definitivamente a vella dualidade de notables e clientelas. Superar ese transfundo social é un dos retos primordiais.

Sen perder de Vista estas premisas, esbozo unha aproximación mínima e provisional as “Bases do Pluralismo educativo” expostas polo executivo da Xunta de Galicia, e das que pende o decreto definitivo:

. Coherencia xurídico-legal: as críticas das institucións galegas denuncian a incoherencia das Bases co longo camiño lexislativo percorrido pola nosa democracia. Coherencia coa Constitución, coa Carta Europea das linguas Rexionais ou Minoritarias, co Estatuto de Autonomía, coas leis e acordos do Parlamento Galego e coa xurisprudencia estatal e autonómica. O salto do abstracto o concreto, do xeral o específico ten que respectar as regras de xogo establecidas.

. Racionalidade ciéntifico-práctica: neste escenario de dificultades e disensións, é imprescindible consensuar sen enredos os pormenores do marco organizativo da ensinanza, os contidos cualitativos e cuantitativos para a lingua propia (o galego) e para a lingua cooficial (o castelán), plasmando os detalles indicativos que sexan imprescindibles. Sen este proceso previo non se acadará un modelo estable capaz de ser asimilado e respectado por todos.

. O plurilingüismo lingüístico: é sen dúbida algunha un importantísimo obxectivo, que en parte xa está marcha; mais a súa implantación masiva como lingua vehicular, nas circunstancias actuais, no deixa de ser un brinde os ventos. Antes hai que mellorar os laboratorios de linguas, a pedagoxía dos docentes e a competencia e fluidez lingüística do alumnado. Poñer todo isto a punto pode levar varias lexislaturas. Hai que reforzar en tódolos frontes a materia das linguas estranxeiras, promover intercambios e construír experiencias nos diferentes contextos sociais. O salto ao inglés como lingua vehicular masiva require un longo esforzo de todos. Por outro lado, resulta incomprensible que as Bases exclúan as linguas estranxeiras da formación profesional.

. Organización da educación e toma de decisións. Dalgún xeito na organización educativa deben participar tódolos actores directamente implicados: administración pública, centros educativos, claustro de profesores, consello escolar, asociacións de pais, alumnado e persoal non docente. A delimitación de funcións decisorias é unha tarefa delicada onde debe primar os consensos sen teimosías nin subterfuxios. O perigo pode estar nun minifundio ingobernable ou en imposicións inaceptables. As Bases, aparte de posibles ilegalidades, atribúe os pais algunhas decisións vinculantes sobre cuestións pedagóxicas que non poden ser competencia vinculante súa, como son a decisión sobre a lingua predominante nun determinado contexto e a lingua vehicular das materias a impartir.

. Coherencia pedagóxica para acadar unha fluída competencia lingüística en cada nivel educativo: xa é unha evidencia pedagóxica que o material didáctico, a relación oral e escrita entre profesor e alumno debe establecerse na lingua acordada para cada materia. A libre opción do alumnado, sacado casos individuais e xustificados, préstase a moitas posibles derivas arbitrarias e mingua a plena competencia lingüística do alumnado. Para adquirir a proxectada fluidez e riqueza de vocabulario en dúas ou tres linguas, parece conveniente, nos distintos niveis educativos, unha certa rotación das linguas vehiculares para as diferentes materias, tanto principais como secundarias.

. Flexibilidade e apoios individuais: unha das chaves do éxito ou fracaso do modelo definitivo a construír serán os apoios flexibles que se ofrezan tanto os galegofalantes como os castelanfalantes, os foráneos desprazados e os inmigrantes. As carencias individuais deben superarse sen segregacións dos alumnos, sen crear estigmas artificiais. Eses apoios compensatorios deben establecerse en tódalas direccións necesarias e sen sutís esguellos. Todo o sistema educativo ten que concibirse como servizo ós educandos e capacitación dos profesores que son a pedra angular de todo este proceso.

. Os retos da educación na sociedade galega. Sen dúbida estamos ante un desafío crucial. Soster unha firme convicción da propia identidade e a vez consolidar aperturas á sociedade planetaria global, esixe unha enorme flexibilidade en tódolos niveis educativos, en tódolos estratos sociais, en tódalas actividades públicas e privadas. O crecente e constante fluxo de información e investigación, de profesores, de estudantes, de traballadores emigrantes e inmigrantes, de turistas visitantes, de transeúntes ocasionais e outros miles de movementos de poboación por causas diversas, debe ser percibido como un río de oportunidades, que de ningún modo exclúen o cultivo da nosa lingua, da nosa riqueza cultural e da nosa idiosincrasia específica. Para estas tarefas os galegofalantes non esperemos venias de ninguén, senón que tomemos libremente a nosa palabra, na vida privada e pública, en tódolos eidos, sen retraementos nin vacuas ostentacións, sen acridades nin exclusións.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES