
Interdix Galicia, a empresa que impulsa Galicia Digital, ven de publicar a GUÍA DE WEBS DE GALICIA, con arredor de 4.800 páxinas web galegas. É o froito de dez anos de traballo de pescuda de páxinas web de Galicia, dentro do portal de internet www.websgalicia.com, un dos 27 que posúe a plataforma www.galiciadigital.com.
Galicia Digital naceu en 2000 para crear unha plataforma en Internet que servise de fiestra de Galicia cara ó exterior, pero tamén para desde Galicia acceder á realidade galega nos máis diversos ámbitos. Galicia Digital rexistrou no 2009 máis de 7.300.000 visitas con máis de 40.000.000 de páxinas vistas. Se a evolución destes tres primeiros meses se mantén, ó final de 2010 superará os 9.000.000 visitas e os 50.000.000 de páxinas vistas.
O portal www.websgalicia.com, un dos primeiros en crearse dentro da Plataforma, que recibe arredor de 1.500 visitas diarias, foi posuindo información de webs galegas, día a día, unha a unha porque non existe un rexistro público de páxinas relacionadas con Galicia. E cando tiñamos arredor de cinco mil, demos en publicar unha guía tradicional que fose un instrumento de interese para empresas, autónomos, particulares e institucións, por introducir cada día a máis galegos cara á Rede, xa imprescindible para a cultura, a economía ou o lecer. É un directorio de páxinas web galegas de utilidade para todos, e unha especie de radiografia da presenza galega en Internet, clasificada por categorías ou grupos de actividade.
É a nosa primeira Guía, e pretendemos efectuar novas publicacións con máis webs, adaptadas á realidade do momento, polo que a última páxina recolle unha chamada ós titulares de webs que non estean reflectidas nestas páxinas a que envíen os seus datos para incorporalas a Webs Galicia. Froito desa chamada e das que facemos a través de Internet, na última semana, incorporamos 75 novas páxinas webs ó noso Portal www.websgalicia.com.
7.500 exemplares desta guía están distribuidos por todo Galicia. Das librerías encárgase Editorial Galaxia, e ós quioscos chegan a través de Distribuidora Boreal. O seu precio ó público é de 5, para facilitar o seu coñecemento e difusión.
Para nós é un fillo largamente agardado. Fillo de papel con alma en Internet. Instrumento físico para divulgar o novo mundo da Rede, do que agardamos moito de impulsión do noso traballo no mundo virtual, con -naturalmente- certos resultados económicos, pero especialmente coa difusión dun aspecto moi importante do traballo no que levamos invertido os últimos dez anos.