'Mediocrium Cum Laude'
Cardalda, Theo - martes, 16 de marzo de 2010
DESDE O PREGUNTOIRO: Mediocrium Cum Laude
Neste país estamos aos límites do simplismo con esta abondosa e perigosa mediocridade en tódolos eidos da sociedade. Esta mediocridade en política está moi acentuada, sendo o máis preocupante cando o vemos como normal. Peor aínda, cando algúns políticos listillos consenten tal estatus tan só para o seu propio beneficio, sendo máis contaxiosa esa mediocridade de intereses que o talento de ser capaz de usar a imaxinación para o ben dun pobo.
E nós os cidadáns, permitimos que esta clase política xogue cos nosos sentimentos, cos nosos destinos e os das vindeiras xeracións a costa dos nosos impostos. ¿Cómo é posible que día tras día o goberno e a oposición maioritaria rematen sempre a trompadas dialécticas con aquilo de: eu si, pero ti máis?. Logo os ves a bicos e abrazos votando no parlamento conxuntamente.
Pode ser posible que permitamos campañas electorais onde nos tratan por idiotas e menores de idade, cando o PP e o PSOE nas súas cantarelas deses mitins aburridos e baldeiros de contido onde berran: ¡nós somos os mellores!; como se eles foran os únicos partidos deste país. Xamais consentiran estes dúas formacións políticas que se reforme a lei electoral aínda que chegue este país á mediocridade infinita.
Fabricaron uns alicerces cunha capacidade mediática e cada vez máis perfeccionada, para contarnos ren. ¿Cómo permitimos que toda participación cidadán na política sexa só as votacións?. Iso é macelar e esnaquizar moi interesadamente a democracia.
Esta mediocridade política con o bipartidismo actual, é o mellor caldo de cultivo para que se desenrolen oligarquías económicas e políticas interesadas como as actuais e se acepte a corrupción como un fenómeno natural. Só será neutralizada esta Mediocrium Cun Laude, cando ao seu arredor haxa unha sociedade libre, culta e crítica con capacidade de cuestionar, onde hoxe para eles iso xa non se estila ¡ prohibido argumentar!.
O médico,sociólogo e filósofo arxentino José Ingenieros, no seu libro El hombre mediocre que publicou en 1913 atópase unha cita moi interesante, comenta: Cuando la mediocracia encuba pollipavos, no tienen atmósfera los aguiluchos.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora