Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O roteiro de A Esmorga na Rúa do Paseo de Ourense

Mourille Feijoo, Enrique - lunes, 15 de marzo de 2010

No espacio dun só ano finaron en Ourense dúas figuras egrexias da nosa terra e da nosa lingua: o vintesete de Xullo de 2006, Pura Vázquez, e o vintedous de Xullo do ano seguinte, don Miguel Anxo Araújo. Unha e mailo outro, a verdade é que de modo distinto, tiñan quebrado nas súas vidas cadensúa lira na cabeza do “dictador”. Ela, coa intelixencia calada da eficacia, publicando en lingua galega nos anos cincuenta, en pleno fervor do Generalísimo; él, co profetismo que precisaba o tardofranquismo. Os mesmos sentimentos e actitudes fundamentais, pero distinta “ideoloxía” e diversa fanfarria.
Deu a casualidade de atorparme na cidade das Burgas nas datas de ámbolos dous pasamentos e quixen ir darlle-lo meu derradeiro adeus e agradecemento, coma fillo que son da mesma Nai ca eles. No soterramento de Pura Vázquez eramos catro gatos no adro de Santo Domingos; no de don Miguel Anxo, na igresa dos Salesianos, unha multitude casi infinda de cregos e de persoeiros da cultura e da política galegas: mesmo comentei co amigo Benxamín Casal o detalle, e alguén que estaba a carón de nós engadiu que “é moi curiosa a conciencia de país que temos en Galicia.” Quere decirse que ser galego de pro depende máis ben da cor da camiseta, e como se aquí tivesemos trasplantado o minifundismo agrario ¡ de Castelao! ao eido da cultura e aos modos patrimonialistas de entender a política na Nación de Breogán.

E así non imos a ningures . Por iso, e por estética persoal, non podo menos de salientar e louvar a iniciativa aloumiñante levada a cabo polo pobo de Ourense co gallo de celebraren o 50 aniversario da publicación de A Esmorga. Nada que ver co roteiro que organiza anualmente, urbe adiante, a Sección de Literatura do Liceo segundo os sinais puntuais de cerámica que recordan os lugares da ambientación desta novela. Aquí, na rúa máis emblemática e frecuentada da cidade, houbo un labor de “concentración” e de encontro encomiables. Alí, na mesma rúa, personaxes de toda caste, xentes e cousas da vida e da ficción, en ringleira de paneis informativos, teoría de homes e mulleres, todo un mundo de libro e de lecer peonil nos traballos e nos días de pícaros de narrativa e de ourensáns traballadores en descanso e conversa da tardiña: Xeixalvo, Mariñamansa, a taberna da Cristalina, O Posío, A Burga, Ervedelo, as Plazas de San Cosme e a do Correxidor, a Catedral, Santa Eufemia, os Pazos dos Andradas e dos señores de Castelo, o Saltodocán, o barrio da Ferrería, de Pena Vixía…o Bocas, o Milhomes, o Cibrán, a Raxada, a Rosarito, os frades de San Francisco, as putas da Nonó e da Monfortina…o basureiro do final tráxico. Toda A Esmorga de Blanco Amor,”a novela extraña e poderosa, no escenario da bella Auria, falando un idioma de excelente sabor popular” (Rodrigues Lapa ), nunha soa rúa da bella Auria, a rúa soa da vida de peóns que se fan lectores e de literatura que se fai próxima, viciña e xuntanza, mestura óptima e necesaria.

Mestura simbólica e de encontro do que queremos ser. Quere dicirse, unha lección este roteiro , que ensina a xunguir e a vencellar na mesma orixe ós de acá e ós de acolá; un camiño desatrancado por todos, dándose a man realidade e revolución, cidadáns e arquetipos, sen blasfemia de militancia exclusiva ou excluinte. Aquí na terra de Alexandre Bóveda, de Vicente Risco, de Otero Pedrayo, de Xoaquín Lorenzo “Xocas”, de todos “NÓS”.
Así sí, Ourense, Galicia!

Mourille Feijoo, Enrique
Mourille Feijoo, Enrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES