Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coma as meniñas doutrora

viernes, 12 de marzo de 2010
Foi Pondal, o bardo, o que provocou ás meniñas coruñesas “de amable despexo”, para que deixaran de Castela os rudos acentos e se pasaran ó idioma noso, garimoso, alentador; para que falasen en galego.

No centro da Coruña hai un gran monumento petreo en lembranza do cantor que deixou para a historia esa chamada, e darredor dese monumento xúntase no bo tempo xentes de toda idade e condición, pero aínda non é o idioma galego o que darredor del se fala, co que se a efixie de pedra puidese oír, comprobaría Pondal que aínda tería que agardar para ver atendido o seu prego.

Que posiblemente na actualidade o gran poeta épico galego non se pararía nas rapazas coruñesas senón que atendería a outras urxencias lingüísticas, extrañas nun momento no que o idioma non debería ter o máis mínimo problema para ver e vencer.

É curiosa a decisión adoptada polos tres grupos do Parlamento Galego. Ou sería curiosa se non fose reflexo dunha situación extraña. Porque as tres forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia – PP, PSOE e Bng – acordaron por unanimidade solicitar ó goberno autonómico que notifique a todos os seus cargos oficiais a necesidade de facer uso público, oral he escrito, da lingua galega no exercizo das súas funcións.

Houbo un tempo en que todo tipo de administracións públicas galegas, para formar ós seus funcionarios e colaboradores nun idioma noso que avanzaba a pasos axigantados, deron en organizar cursiños de iniciación ou perfeccionamento para axudar a todos os interesados a dominar unha lingua que nos é propia pero que moitas veces coñecemos de xeito moi superficial.

Que haxa altos cargos no goberno autonómico e incluso entre os parlamentarios que non dominen o idioma galego, pode ser perfectamente asumible polas máis diversas circunstancias das persoas, pero está claro –meridiano- que asumidas funcións ó servizo dunha comunidade con idioma propio, a persoa afectada debe formarse no idioma e na cultura de Galicia.

Parlamento e Xunta poderían e deberían organizar cursiños de iniciación en lingua e cultura galegas destinados ós seus máximos servidores. Seríanlles de perfecta utilidade, e acudindo a eles demostrarían ser capaces de estar á altura das circunstancias. E logo, todos contentos.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES